Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 25 de xuño de 2020 Páx. 25185

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 93/2020, do 12 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello da Guarda da estrada provincial EP-3401, acceso ao porto da Guarda, na súa totalidade.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O 3 de xaneiro de 2018, o Concello da Guarda e a Deputación Provincial de Pontevedra asinaron un convenio para levar a cabo a execución do proxecto de recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na rúa Concepción Arenal EP-3401, acceso ao porto. A cláusula 7ª deste convenio prevé que, unha vez rematadas e recibidas as obras, se levará a cabo o procedemento de transferencia da vía provincial EP-3401, acceso ao porto da Guarda, xa que non reúne as características propias dunha estrada provincial polo seu trazado, lonxitude e a súa funcionalidade actual, as cales teñen características funcionais e de utilidade asimilables á rede viaria municipal. A transferencia de titularidade ao concello permitirá garantir un mellor mantemento desta e levar un control máis directo para evitar posibles ocupacións indebidas do dominio público.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xuño de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello da Guarda da totalidade da estrada provincial EP-3401, acceso ao porto da Guarda, desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 0+589.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello da Guarda deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello da Guarda, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xuño de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade