Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 26 de xuño de 2020 Páx. 25388

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de xuño de 2020 relativa ao réxime de anticipos, modificacións e renuncia en relación coas axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

O impacto sen precedentes ocasionado pola pandemia do COVID-19, tanto desde a perspectiva sanitaria como socioeconómica, no contexto nacional e internacional, exixe que os distintos niveis das administracións e poderes públicos tomen as medidas adecuadas para facer fronte aos seus perturbadores efectos. Así, desde a perspectiva das medidas económicas, a Consellería do Medio Rural, dada a especial sensibilidade do sector agrario a esas alteracións e baixo a premisa da máxima eficacia e eficiencia na súa actuación, vén adoptando diversas medidas co fin de dotar de liquidez o sector; dunha parte axilizando o pagamento das subvencións cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e, nese sentido, cómpre mencionar a recente publicación da Orde do 13 de maio de 2020 relativa ás excepcións para o ano 2020 na execución dos controis administrativos e sobre o terreo establecidos nas convocatorias de subvencións da consellería. Pero a Consellería do Medio Rural tamén orienta a súa actuación a afrontar os problemas de liquidez no sector para poder continuar e executar os proxectos relativos a convocatorias de subvencións pendentes de resolución ou con resolucións de concesión xa notificadas ás persoas beneficiarias.

Resulta evidente que o normal desenvolvemento administrativo dos procedementos de subvencións se viu notablemente afectado pola aparición e evolución da pandemia como emerxencia de saúde pública, que determinou en España a declaración do estado de alarma en todo o territorio nacional mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, sucesivamente prorrogado. Así, a disposición adicional terceira do dito Real decreto 463/2020 establece a suspensión dos prazos administrativos desde a declaración do estado de alarma, e que o seu cómputo se restablecerá no momento en que perda vixencia a declaración do estado de alarma ou as súas prórrogas.

O Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, entre outras modificacións, dá nova redacción ao número 4 da súa disposición adicional terceira; conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Con posterioridade, o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, adopta medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19; en particular, no seu artigo 54 establece, en relación coas medidas en materia de subvencións e axudas públicas, que «Nos procedementos de concesión de subvencións, as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa foran outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020 poderán ser modificadas para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, de ser o caso, de xustificación e comprobación da dita execución, aínda que non se previse nas correspondentes bases reguladoras. Para estes efectos, o órgano competente deberá xustificar unicamente a imposibilidade de realizar a actividade subvencionada durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a realización da actividade subvencionada ou a súa xustificación ou comprobación».

Pola súa parte, o Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº1698/2005 do Consello, propón, para facilitar a execución do proxectos con gastos en investimentos, que os Estados membros poidan aboar anticipos.

Finalmente, ao abeiro do seu Acordo do 3 de abril de 2020, o Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril ditou acordo sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público, en que prevé que, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, para variar as condicións impostas á persoa beneficiaria é precisa a modificación da devandita resolución; para tal fin, nas bases prevense normalmente as circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderán dar lugar á modificación da resolución. Con todo, a declaración do estado de alarma e a situación producida polas medidas adoptadas era dificilmente previsible, polo que é posible que os supostos establecidos nas bases reguladoras non amparen a modificación que agora poida resultar necesaria.

Por iso, neste acordo establécese unha serie de medidas excepcionais neste ámbito, coa finalidade última de lles facilitar ás persoas beneficiarias tanto a execución da actividade ou o proxecto subvencionado como a xustificación do destino dado á subvención, para procurar evitar que a situación de emerxencia en que nos atopamos derive en incumprimentos das condicións establecidas e, en consecuencia, na necesidade de declarar a perda do dereito ao cobramento ou de exixir o reintegro da axuda.

En particular, o número 7 dese acordo establece: «Deste modo, ademais da posible ampliación dos prazos aludida anteriormente, os órganos concedentes poderán de forma motivada, de acordo cos principios de eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados na subvención e de eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos, e de acordo cos principios de obxectividade, igualdade e non discriminación entre as persoas beneficiarias, autorizar a modificación das condicións de concesión das subvencións outorgadas cando a execución das actividades ou a prestación dos servizos obxecto de subvención, na forma en que estaban previstos, se volva total ou parcialmente imposible como consecuencia do COVID-19 ou das medidas adoptadas polas administracións públicas para combatelo, na parte cuxa execución se volva imposible, desde que se producise a situación de feito que impide a súa execución ou prestación e ata que a dita execución ou prestación poida restablecerse.

Para estes efectos, as modificacións das resolucións de concesión tramitaranse de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ben que non será necesario, dada a consideración da situación como de forza maior sobrevida, que exista unha previsión expresa sobre esta circunstancia nas bases reguladoras».

Á vista de todo o que antecede, e de conformidade coas competencias que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito rural de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos artigos 30.1.3 e 27.10 que, respectivamente, determinan a súa competencia exclusiva en materia de agricultura e gandaría, e de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto na Constitución española, no exercicio das ditas competencias, a través da Consellería do Medio Rural, ao abeiro do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é modificar as convocatorias e as bases reguladoras de axudas vixentes da Consellería do Medio Rural, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se recollen no anexo desta orde, nos termos recollidos nos artigos seguintes, co fin de asegurar e facilitar a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 2. Concesión de anticipos nas convocatorias de subvencións da Consellería do Medio Rural cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020

1.Os beneficiarios de axudas para investimentos das convocatorias incluídas no anexo desta orde poderán solicitar que se lles aboe un anticipo dun 50 % como máximo da axuda pública concedida correspondente ao proxecto financiado.

2. Sen prexuízo do disposto no artigo 63 do Regulamento 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, en canto ao compromiso da Administración autonómica como autoridade pública nos termos previstos no número 1 in fine do dito precepto, para a percepción deste pagamento os beneficiarios estarán exentos da constitución de garantías, en virtude da autorización do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As previsións contidas nos números anteriores sobre a solicitude de anticipos de pagamento serán aplicables a aquelas subvencións incluídas no anexo desta orde, aínda que nas bases reguladoras ou nas súas convocatorias non estivese inicialmente prevista a posibilidade de concesión de anticipos; para tal efecto, entenderase que o disposto nesta orde é suficiente para modificar ese aspecto concreto, segundo as previsións do artigo 14.1, i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo de que, respecto daqueles beneficiarios que se queiran acoller á posibilidade de solicitar anticipos, estes deban presentar unha solicitude nos termos do previsto no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 3. Pagamentos parciais ou pagamentos á conta

O réxime de garantías aplicable aos pagamentos parciais será o previsto no número 2 do artigo 2. Igualmente, seralle de aplicación o disposto no número 2 do artigo 62 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro

Artigo 4. Sobre as condicións de concesión de axudas e o prazo de execución

1. A execución parcial dun proxecto, aínda que nas bases reguladoras se estableza como condición que os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria a que concorre a solicitude, poderá aboarse na parte proporcional da subvención correspondente ao investimento admisible, que poderá incluír a substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros diferentes se estes manteñen os obxectivos do proxecto e cumpren os requisitos establecidos na convocatoria. A execución parcial nos termos expostos, que garde relación directa ou indirecta debidamente apreciada coa crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e considerando especificamente cada caso concreto, non suporá sanción ou penalización ningunha para os beneficiarios das axudas.

2. Consideraranse elixibles aqueles gastos realizados polos beneficiarios, ata o momento de decretarse o estado de alarma, aínda que a actividade para a cal foi concedida a subvención non se puidese levar a cabo.

3. En todo caso, respecto dos prazos de execución, terase en conta o período de suspensión de prazos administrativos decretado durante o estado de alarma, sen prexuízo do disposto no artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19.

Artigo 5. Modificacións e renuncia

1. Os solicitantes das axudas, atendendo ás actuais circunstancias de vixencia do estado de alarma, poderán presentar modificacións dos proxectos presentados coa solicitude de subvención.

Así mesmo, poderán efectuarse modificacións da resolución de concesión, de acordo co establecido no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Os beneficiarios da resolución de concesión de subvencións poderán efectuar a renuncia expresa a ela, transcorridos os prazos previstos no inciso final do artigo 21, número 5, da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, tanto se a notificación da resolución definitiva por parte do órgano competente se produciu antes da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, como unha vez finalizado o estado de alarma, ou acordada a continuación do procedemento polo órgano competente, nos termos previstos na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, sen que disto derive sanción ou penalización ningunha para os beneficiarios. Para tal efecto, a concreta incidencia da pandemia deberá ser apreciada especificamente para cada caso.

Non obstante, cando o órgano xestor da axuda informase o beneficiario da existencia de casos de incumprimento nos documentos de solicitude de axuda, solicitude de pagamento ou calquera outra declaración, ou o avisase da súa intención de efectuar un control sobre o terreo, ou cando un control desa natureza puxese de manifesto un caso de incumprimento, non se permitirá retirar as partes deses documentos afectadas polo incumprimento, segundo o establecido no artigo 3 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao sistema integrado de xestión e control, ás medidas de desenvolvemento rural e á condicionalidade.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Centro directivo

Título

Dirección Xeral de Defensa do Monte

Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR651A e MR651B). DOG núm. 34, do 19 de febreiro.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Sección 2ª (Investimentos en activos físicos - submedida 4.1 do PDR de Galicia 2014-2020) da Orde do 9 de marzo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para os agricultores mozos, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. DOG núm. 54, do 16 de marzo.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Sección 2ª (Investimentos en activos físicos - submedida 4.1 do PDR de Galicia 2014-2020) Orde do 16 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014_2020, e se convocan para o ano 2019 (códigos de procedemento MR405A, MR404A e MR405B). DOG núm. 94, do 20 de maio.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 23 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018. DOG núm. 149, do 6 de agosto.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 12 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas especializadas en produción vexetal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR419A). DOG núm. 143, do 30 de xullo.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 7 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento MR323C). DOG núm. 94, do 20 de maio.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 20 de decembro de 2019 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento MR351A).

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 18 decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2018. DOG núm. 9, do 12 de xaneiro.

Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios do período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2020 (código de procedemento MR340A). DOG núm. 16, do 24 de xaneiro