Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 26 de xuño de 2020 Páx. 25383

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se establecen adaptacións no réxime de exixencias temporais en contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral de titularidade da Xunta de Galicia, por mor das medidas preventivas adoptadas fronte ao COVID-19.

Antecedentes:

O Plan de transporte público de Galicia (PTPG) foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 29 de novembro de 2018, con base na regulación que estableceu a Lei 10/2016, do 19 de xullo, de medidas urxentes para a actualización do sistema de transporte público de Galicia. Este plan establece a ordenación dos servizos de transporte público regular da competencia da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con base na programación que o dito plan estableceu, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou en 2019 e 2020 un total de 98 contratos de concesións de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral, que foron obxecto dos procedementos de licitación 1/2019DXM e 2/2019DXM.

Fundamentos legais e técnicos:

1. Consonte o establecido no artigo 7 da Orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, delegáronse na persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade as facultades de licitación, adxudicación e formalización dos contratos de xestión de servizos públicos de transporte por estrada, ou doutros instrumentos mediante os cales se formalice a imposición de obrigas de servizo público, así como todas as actuacións da Administración derivadas da execución destes.

Con base na anterior habilitación, con datas do 15 de abril e do 5 de agosto de 2019 aprobáronse os pregos de cláusulas administrativas particulares e os expedientes de contratación das concesións de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada correspondentes, respectivamente, aos expedientes de contratación 1/2019 DXM e 2/2019 DXM.

2. Con data do 14 de marzo foi publicado no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; a dita declaración, que afecta todo o territorio nacional, sería obxecto de ulteriores prórrogas.

Dentro do conxunto de disposicións desta norma, o artigo 7 establece significativas limitacións á liberdade de circulación das persoas; e o seu artigo 14 fixa outro conxunto de normas referentes aos servizos de transporte público. Igualmente, como consecuencia da incidencia global da pandemia do COVID-19, son moitas as actividades desenvolvidas por provedores de diferentes servizos e subministracións que se están a ver afectadas, como acontece no mercado de fabricación de vehículos e de sistemas tecnolóxicos.

Pola súa parte, o artigo 1 da Orde TMA/230/2020, do 15 de marzo, pola que se concreta a actuación das autoridades autonómicas e locais respecto da fixación de servizos de transporte da súa titularidade, prevé tanto que cada autoridade autonómica e local competente poida fixar as porcentaxes de redución dos servizos de transporte público da súa titularidade que estime convenientes, de acordo coa realidade das necesidades de mobilidade existentes nos seus territorios e a evolución da situación sanitaria, garantido, en todo caso, que os cidadáns poidan acceder aos seus postos de traballo e aos servizos básicos en caso necesario, como que poderán establecer condicións específicas de prestación dos ditos servizos.

Aínda dentro desta situación de estado de alarma, ante a mellora sanitaria experimentada na crise do COVID-19, o Goberno do Estado aprobou o 28 de abril de 2020 o Plan para a transición cara a unha nova normalidade, no cal se prevé a sucesión de sucesivas fases da denominada desescalada, coas cales se espera avanzar mediante a adopción de medidas de carácter gradual e asimétrico cara a unha recuperación da vida cotiá e da actividade económica.

A pesar da positiva evolución sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, coa graduación deste proceso de desescalada mantéñense limitacións que continúan influíndo na normal prestación dos servizos públicos de transporte de viaxeiros por estrada.

3. O conxunto de 98 contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral, que rexen polos pregos de condicións aprobados, respectivamente, o 15 de abril e o 5 de agosto de 2019, establecen no seu número 3 diferentes condicións técnicas aplicables aos ditos contratos. En concreto, nos números 3.9 e 3.11 de ambos os pregos de condicións, establécense condicións técnicas referentes aos vehículos e aos medios tecnolóxicos.

En canto aos vehículos, o número 3.9.2 regula a adscrición de vehículos ás concesións e prevé un prazo de nove (9) meses contado desde a formalización do contrato no cal o adxudicatario deberá dar cumprimento a parte das condicións que ofertase en relación cos vehículos adscritos; e o número 3.9.6 facilita a integración de vehículos do anterior prestatario do servizo, habilitando un prazo equivalente ao 20 % do prazo de duración do contrato (prazo, por tanto, de 2 anos, ao ter os contratos unha duración de 10 anos), no cal se permite que non se cumpran certas características por parte dos vehículos obxecto de transmisión polo anterior prestatario que se detallan neste número.

Por outra parte, en canto a exixencias de medios tecnolóxicos, nos números 3.11.1, 3.11.2 e 3.11.3 de ambos os pregos de condicións regúlase, respectivamente, a incorporación dun sistema de axuda á explotación (SAE), de equipamentos de monética, e fíxanse regras para a remisión de información dos contratos á Administración, fixando un prazo de 6 meses desde a formalización do contrato, nos dous primeiros casos, e desde a súa adxudicación no terceiro, para que as ditas previsións sexan de obrigado cumprimento por parte dos concesionarios, sen prexuízo das normas transitorias ou dos prazos anticipados que os propios pregos de condicións establecen; este prazo, igualmente, esténdese ata os 9 meses contados desde a formalización do contrato no caso do primeiro dos indicados números, cando o adxudicatario aceptase a transmisión dos elementos que forman parte do SAE do que dispuxese o anterior prestatario.

4. A raíz da situación socioeconómica provocada polo COVID-19 a nivel global, con fortes limitacións tanto nos sistemas de produción como nos de comercialización de bens, o cumprimento por parte das empresas concesionarias dos indicados compromisos nos estritos prazos fixados estímase que, con carácter xeral, deveu inviable, ao se teren visto afectados tanto os procesos de produción de vehículos como a subministración de elementos e compoñentes tecnolóxicos.

Estas dificultades afectan tamén os procesos administrativos previstos para o seguimento dos proxectos de adscrición de vehículos e a realización de probas e programas piloto de integración e correcto funcionamento dos sistemas tecnolóxicos, procesos que non foi posible iniciar e levar a cabo a raíz da situación xerada pola crise sanitaria e o estado de alarma.

Atendendo ao anterior, resulta preciso adaptar os prazos inicialmente establecidos nos referidos pregos de condicións ás circunstancias xurdidas como consecuencia da crise sanitaria do COVID-19 e a declaración do estado de alarma, pospondo as datas en que se deberá dar cumprimento aos correspondentes requirimentos dos pregos de condicións por parte do conxunto de concesionarios, que permitan o seu estrito cumprimento sen os menoscabos provocados pola actual crise sanitaria. Esta mesma moratoria global debe ter en conta a necesidade de facilitar o avance nos procesos de seguimento e, fundamentalmente, a planificación e desenvolvemento de programas piloto e verificacións en fases de probas, razóns que determinan que a dita moratoria se fixe establecendo prazos unificados para cada unha das categorías, aplicables ao conxunto de contratos que rexen polos ditos pregos de condicións.

Polo exposto,

RESOLVO:

Adaptar as condicións de prestación de servizo dos contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral da titularidade da Xunta de Galicia que foron obxecto de licitación nos procedementos 1/2019DXM e 2/2019 DXM, aprobados por resolucións do 15 de abril e do 5 de agosto de 2019, nos seguintes termos:

a) Amplíase o prazo que o parágrafo sétimo do número 3.9.2 dos pregos de condicións fixa en de nove (9) meses desde a formalización do correspondente contrato, quedando así fixado o seu vencemento, para todos os contratos a que resultan de aplicación os indicados pregos, no 31 agosto de 2021.

b) Amplíanse os prazos que os parágrafos primeiro e segundo e as catro epígrafes que o desenvolven do número 3.9.6 dos pregos de condicións fixan no 20 por cento do prazo de duración do contrato, quedando así fixado o seu vencemento, para todos os contratos a que resultan de aplicación os indicados pregos, no 30 de setembro de 2022.

c) Amplíase o prazo que o parágrafo sexto do número 3.11.1 dos pregos de condicións fixa en seis (6) meses a formalización do correspondente contrato, quedando así fixado o seu vencemento, para todos os contratos a que resultan de aplicación os indicados pregos, no 31 de decembro de 2020; e suprímese o contido do parágrafo sétimo deste mesmo número.

d) Amplíase o prazo que o parágrafo cuarto do número 3.11.2 dos pregos de condicións fixa en seis (6) meses desde a formalización do correspondente contrato, quedando así fixado o seu vencemento, para todos os contratos a que resultan de aplicación os indicados pregos, no 31 de decembro de 2020.

e) Amplíase o prazo que o parágrafo quinto do número 3.11.3 dos pregos de condicións fixa en seis (6) meses desde a resolución de adxudicación do correspondente contrato, quedando así fixado o seu vencemento, para todos os contratos a que resultan de aplicación os indicados pregos, no 31 de decembro de 2020.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, ante este mesmo órgano administrativo, ou ben, alternativamente, poderá ser impugnada directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde a súa notificación ou publicación.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade