Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25711

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación, para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).

O 24 de xuño de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A).

O 14 de outubro de 2019, a Dirección de Augas de Galicia, por delegación da Presidencia de Augas de Galicia, ditou a resolución de concesión de axudas.

De acordo co disposto no artigo 23 das bases reguladoras das axudas, a data límite para presentar a documentación xustificativa da subvención será o 30 de xuño de 2020.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, suspendeu os termos e interrompeu os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público.

O artigo 9 do Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, sinala que:

«Con efectos desde o 1 de xuño de 2020, o cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos reiniciarase, se así se previu nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prórrogas».

Pola súa parte, a disposición derrogatoria única do Real decreto 537/2020, do 22 de maio, derrogou, con efectos desde o 1 de xuño de 2020, a disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

Tendo en conta a complexidade do proceso de tramitación dos plans subvencionados e de contratación nas entidades locais beneficiarias, a solicitude dalgún concello beneficiario e considerando tanto as especiais circunstancias concorrentes logo da aprobación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, como que as bases reguladoras non conteñen precepto en contra e que non se causa prexuízo a terceiros, é procedente ampliar o prazo de execución e xustificación das actuacións subvencionadas ata o 30 de setembro de 2020.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A)

Modifícase o número 1 do artigo 23 da Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación para a redacción de plans de emerxencia ante situacións de seca, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento AU100A), que queda redactado como segue:

«1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 30 de setembro de 2020».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia