Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Martes, 30 de xuño de 2020 Páx. 25714

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2020 pola que se publican as consultas preliminares ao mercado para a definición do novo período de programación Civil UAVs Initiative 2021-2025.

A Axencia Galega de Innovación (en diante, GAIN) é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico, tal e como se recolle no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (modificado polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro). Atópase adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e conta con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesoureAría propios e autonomía de xestión nos termos que precisen as leis.

GAIN ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas de Galicia, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes. Os seus estatutos atribúenlle, entre outras, as seguintes funcións: a ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Desde o ano 2015, Galicia impulsou a creación e crecemento dun novo sector de alta tecnoloxía na rexión, a través dunha política de innovación e de industria focalizada no sector aeroespacial baixo a figura do Polo Aeroespacial de Galicia.

No período 2015-2020, diversos organismos públicos, liderados pola Xunta de Galicia, comprometeron un investimento de 85 millóns de euros no impulso do Polo, mobilizando un investimento do sector privado de 79 millóns; totalizando, polo tanto, un investimento de 164 millóns de euros. O dito investimento canalizouse a través da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia e na que participan non só diferentes consellerías da Xunta de Galicia, senón tamén outras institucións públicas, como o Ministerio de Ciencia e Innovación ou o INTA (https://www.civiluavsinitiative.com/). Tras cinco anos de execución da Civil UAVs Initiative, a estratexia conta con máis de 50 empresas traballando nos 59 proxectos de I+D+i. Ademais, dotouse con dúas infraestruturas de referencia en Europa, situadas en Rozas (Lugo): o Centro de Investigación Aeroportada (CIAR) e o Parque Industrial, cunha área superior a 16.000 m2.

Os efectos e impactos da pandemia producida polo Covid-19 puxeron de relevo a necesidade de impulsar políticas industriais capaces de crear ecosistemas industriais, máis resilientes ás crises, e de focalizar esforzos para recuperar canto antes o crecemento económico afectado polo parón da economía.

Superado este período de lanzamento da iniciativa, considérase chegado o momento de avanzar na definición das actuacións e investimentos que se realizarán durante o próximos cinco anos da iniciativa. Con esta finalidade, Galicia pretende seguir mobilizando importantes recursos ao longo do próximo quinquenio (2021-2025), tanto de fondos propios como de fondos europeos. A Xunta de Galicia continuará realizando unha aposta decidida por atraer a Galicia as empresas líderes no sector aeroespacial.

Neste contexto, a Xunta de Galicia, a través de GAIN, dirixe consultas aos operadores económicos co fin de informar ao mercado acerca dos plans en relación co novo período de programación 2021-2025 da Civil UAVs Initiative e recibir expresións de interese e propostas concretas que contribúan a definir as próximas actuacións.

O documento íntegro sobre estas consultas está dispoñible na páxina web da estratexia: (https://www.civiluavsinitiative.com/).

En consecuencia co anteriormente exposto, a Axencia Galega de Innovación

ACORDA:

Primeiro. Convocatoria

Publícase a consulta preliminar ao mercado co obxectivo de recibir expresións de interese e propostas concretas que contribúan a definir as próximas actuacións no marco do novo período de programación 2021-2025 da estratexia Civil UAVs Initiative.

Segundo. Obxecto

A presente consulta ao mercado ten un carácter estratéxico para a Xunta de Galicia e, en concreto, con esta consulta preténdese:

Obter información sobre estratexias de desenvolvemento de produtos, servizos e solucións das empresas tecnolóxicas do sector dos UAVs que poidan ser obxecto de colaboración público-privada no marco da Civil UAVs Initiative durante os próximos anos.

Coñecer as súas propostas específicas respecto áda creación de aplicacións e solucións de interese, tanto para o sector público como para o sector privado, de maneira que se poida elaborar o Mapa de Demanda Temperá (é dicir, a listaxe de posibles licitacións que publicará a Xunta nos próximos anos) e identificar os retos do sector privado cuxa resposta podería ser realizada pola empresa propoñente.

Coñecer os retos do sector privado e o interese de empresas usuarias por participar nun potencial programa de Compra Privada de Innovación. Son empresas usuarias aquelas que –sen ser fabricantes de tecnoloxía– estean a considerar o uso de drons para a realización de actividades propias da empresa: transporte, inspección, etc.

Coñecer as necesidades daquelas empresas cuxa tecnoloxía baseada en drons se atope en fase de industrialización ou de comercialización (máis aló do seu posible uso por parte da Xunta como primeiro cliente), co obxectivo de deseñar actuacións de apoio ás mesmas por parte da Xunta de Galicia.

Coñecer o interese doutras organizacións e institucións, nacionais e internacionais, por colaborar coa Civil UAVs Initiative, nun amplo marco de colaboración como pode ser a realización de proxectos conxuntos, o emprego de solucións creadas no marco da Iniciativa, a investigación conxunta, o impulso do sector, a planificación e coordinación de infraestruturas, etc.

Terceiro. Participantes

A convocatoria está aberta e diríxese a persoas físicas ou xurídicas que teñan vontade de participación e de colaboración con GAIN mediante a redacción de Expresións de Interese e de propostas concretas que contribúan a definir as próximas actuacións no marco do novo período de programación 2021-2025 da Civil UAVs Initiative.

Admitirase a presentación de varias propostas por unha mesma persoa física ou xurídica, xa sexa individualmente ou de forma conxunta con outros. Cando unha proposta se presente de forma conxunta por un grupo de persoas ou entidades deberase identificar aquela que as represente, a efectos de interlocución coa Administración.

A participación na convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os gastos derivados da participación na convocatoria serán a cargo dos interesados.

A Administración dará aos participantes un tratamento igualitario e non discriminatorio, e axustará a súa participación ao principio de transparencia.

Cuarto. Aplicación dos principios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación

Así mesmo, a participación ou non participación na convocatoria, o diálogo ou contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de igualdade de trato, non discriminación e transparencia, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes desleais ou dereitos exclusivos non eventuais nos procedementos de contratación que se poidan convocar posteriormente. A participación na consulta preliminar ao mercado non outorgará ningún dereito nin ningunha preferencia respecto a a adxudicación dos contratos que se poidan celebrar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Para estes efectos, GAIN tomará as medidas adecuadas para garantir o mantemento dos principios indicados tanto no desenvolvemento desta convocatoria como de calquera procedemento posterior de contratación.

En particular, en aplicación dos principios de igualdade de trato e transparencia, comunicarase aos demais participantes, candidatos ou licitadores, calquera información pertinente intercambiada no marco desta convocatoria ou como resultado dela, coidarase que as especificacións técnicas ou funcionais se definan respectando o disposto na lexislación de contratos do sector público e procederase ao establecemento de prazos adecuados para a recepción das ofertas e solicitudes de participación tendo en conta o tempo que, razoablemente, puidese ser necesario para preparar aquelas, atendida a complexidade do contrato.

Quinto. Presentación das propostas

1. As persoas, físicas ou xurídicas, interesadas en participar deberán enviar as súas expresións de interese e as súas propostas concretas en lingua galega ou en castelán, segundo os modelos que se atopan dispoñibles na páxina web https://www.civiluavsinitiative.com/. Opcionalmente, poderase acompañar as fichas da documentación complementaria que xulguen pertinente onde se desenvolva a proposta con maior detalle. No caso de que unha proposta a presente, de maneira conxunta, un grupo de persoas ou entidades, deberase identificar aquela que as represente, para efectos da interlocución coa Administración.

En calquera caso, cada un dos interesados deberá asumir os eventuais custos derivados da súa participación.

2. As expresións de interese e as propostas concretas remitidas seguirán uns modelos que estarán dispoñibles en formato electrónico na páxina web https://www.civiluavsinitiative.com/. Habilitarase unha ficha normalizada para a presentación das expresións de interese e un modelo cos puntos que deben conter as descricións detalladas das propostas presentadas. Os devanditos documentos deben presentarse por correo electrónico ao seguinte enderezo: civil-uavs-initiative@xunta.gal. As propostas poderanse presentar en calquera momento durante o período comprendido entre a publicación deste anuncio e a data de finalización da Cconsulta preliminar ao mercado.

3. GAIN estudará as propostas que se presenten e poderá utilizalas no proceso de desenvolvemento e implementación dos proxectos, tanto na súa definición como no seu alcance, así como na definición dun eventual procedemento de licitación posterior. Se se considera de interese, GAIN poderá convocar individualmente participantes concretos para realizar unha presentación máis detallada ou ampliar a información sobre a súa proposta, produto ou servizo. No caso de que a presentación fose pública, serán informados diso os outros participantes a través da páxina web habilitada para o efecto.

O intercambio da información derivada da presentación das propostas poderase utilizar, se é o caso, para definir, de acordo co expresado no artigo 126 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/ UE e 2014/24/UE do 26 de febreiro de 2014, as especificacións funcionais detalladas que se poidan empregar nos procedementos de contratación de bens ou servizos que con posterioridade se poidan convocar.

Sexto. Transparencia da consulta

Para garantir a transparencia do proceso, a dispoñibilidade de maior información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente o seu consentimento para que GAIN manteña accesible e actualizada a información necesaria, total ou parcial, sobre as propostas presentadas. En caso de non dar o consentimento, serán excluídas do proceso.

GAIN resérvase para si a facultade de facer públicos os datos das propostas presentadas, tendo en conta o previsto no punto seguinte, así como calquera outras que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos. Co fin de garantir a transparencia e igualdade de oportunidades entre os participantes dos eventuais procedementos de contratación que se poidan convocar, publicará a información relativa aos avances na definición de cada proxecto.

Así mesmo, GAIN resérvase para si a facultade de realizar unha presentación pública das propostas que se teñan en conta no proceso de desenvolvemento e execución dos proxectos e das contribucións realizadas a estes polos distintos participantes, e a darlle a necesaria difusión para o seu público recoñecemento.

O uso do contido das propostas limítase exclusivamente ao seu uso na definición das especificacións dos eventuais procedementos de contratación que seguisen á consulta preliminar ao mercado. Por tanto, GAIN, tendo en conta as propostas e con suxeición ás regras contractuais aplicables, poderá tramitar os procedementos de contratación oportunos para a execución dos proxectos.

Sétimo. Confidencialidade

Os datos persoais recollidos neste procedemento de consulta preliminar ao mercado serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia- GAIN coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento. Estes datos incluiranse, necesariamente, nas fichas de proposta, nas que se fará constar, ademais, o seu consentimento expreso e a aceptación das bases da convocatoria, incluída a posibilidade da Administración de difundir a súa participación no procedemento no caso de ser relevante.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha de procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no formulario correspondente e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, algúns tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia, de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e cancelar os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Por outra banda, para garantir a transparencia do proceso, a dispoñibilidade da maior cantidade de información posible e o intercambio eficaz de experiencias e opinións, os participantes farán constar expresamente a súa vontade conforme para que GAIN manteña accesible e actualizada a información requirida, total ou parcial, sobre as propostas presentadas.

Sen prexuízo da posibilidade da divulgación das solucións e a definición de especificacións dos proxectos, a Administración non poderá divulgar a información técnica ou comercial que, se é o caso, fose facilitada polos participantes e estes designasen como confidencial.

Oitavo. Patentes

As solucións e as especificacións técnicas ou funcionais presentadas para proxectos non poderán mencionar unha fabricación ou unha procedencia determinada ou un procedemento específico, nin facer referencia a unha marca, a unha patente ou a un tipo, a unha orixe ou unha produción determinados.

Así mesmo, a participación na convocatoria comporta que, para efectos de posibilitar a definición das especificacións técnicas ou funcionais, de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, a súa difusión, publicación e o seu libre uso por parte de GAIN ou de empresas colaboradoras no desenvolvemento dos futuros proxectos, as propostas e solucións presentadas non poden estar suxeitos a dereitos de explotación de propiedade intelectual, sen ningunha limitación territorial ou temporal.

Noveno. Contratación de proxectos

Unha vez realizada a definición das especificacións funcionais dos proxectos co grao de concreción requirido, Gain poderá iniciar os correspondentes procedementos de contratación segundo o establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ou normativa de aplicación. Este eventual procedemento de contratación pública está aberto a todas as propostas posibles que cumpran as condicións do procedemento, estivesen ou non ligadas á consulta preliminar ao mercado anterior. En calquera caso, o procedemento determinará as fases deste, así como os criterios de avaliación para superar cada unha delas.

Décimo. Prazo de presentación e peche da convocatoria

O prazo de presentación das expresións de iInterese e propostas concretas comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 4 de setembro de 2020.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación