Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 1 de xullo de 2020 Páx. 25994

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de xuño de 2020 pola que se modifica a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

O 27 de setembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 184 a Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aprobaban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos, así como a súa convocatoria.

A resolución de concesión das subvencións reguladas nesta orde foi asinada polo conselleiro de Sanidade o 11 de decembro de 2019.

A crise sanitaria derivada da aparición do coronavirus SARS-CoV-2 no mes de decembro de 2019 creou un escenario que requiriu da adopción de medidas preventivas do avance dos casos ocasionados pola COVID-19. Estas medidas, derivadas da declaración o 13 de marzo da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e, ao día seguinte, da declaración do estado de alarma no conxunto do territorio do estado, incluíron un conxunto de restricións ao movemento e á actividade en todo o país.

Estas restricións impediron o funcionamento normal das entidades beneficiarias das axudas reguladas na citada Orde do 16 de setembro de 2019. Isto provocou que o compromiso de actividade destas entidades non puidese ser adecuadamente completado durante a vixencia do estado de alarma, dificultando considerablemente a execución do orzamento previsto para os primeiros seis meses do ano 2020.

Por outra parte, o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19, sinala, no seu artigo 54, que as ordes e resolucións de convocatoria e concesión de subvencións e axudas públicas previstas no artigo 22.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que xa fosen outorgadas no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, poderán ser modificadas para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación da devandita execución, aínda que non se recollese nas correspondentes bases reguladoras.

Tendo en conta as circunstancias, considérase oportuna a ampliación dos períodos de execución e xustificación, dando así facilidades ás entidades beneficiarias para executar o orzamento concedido.

Neste sentido, a modificación afecta a ampliación do prazo de execución das actividades ata o 31 de xullo de 2020 e do prazo de xustificación ata o 10 de agosto de 2020.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria

A Orde do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria, queda modificada como segue:

Un. O punto 5.b) do artigo 28 queda redactado como segue:

«b) Anualidade de 2020.

Primeiro pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2020. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación de gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2019 e o 31.7.2020. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 10.8.2020».

Dous. O punto 5.c) do artigo 28 queda redactado como segue:

«c) Anualidade de 2021.

Segundo pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2021. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o día seguinte ao do último gasto presentado para a xustificación do primeiro pagamento á conta e o 30.6.2021. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2021».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade