Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Mércores, 1 de xullo de 2020 Páx. 25958

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 19 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución da xornada para favorecer o mantemento do emprego ante flutuacións da economía, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento TR820F).

No ano 2019 a Xunta de Galicia e os interlocutores sociais acordaron iniciar un proceso tripartito de concertación social orientado á consecución de acordos nos eidos de mellora da calidade do emprego e das relacións laborais, do progreso económico e da cohesión social; un destes acordos é o relativo a un programa que favoreza o mantemento do emprego ante as flutuacións económicas.

Dado o impacto que teñen os expedientes de regulación de emprego sobre o mercado laboral, a través do citado acordo, a Xunta de Galicia e os interlocutores sociais integrantes do diálogo social acordaron un programa que se desenvolverá tendo en conta distintas liñas de actuación, entre elas o apoio ás empresas e ao seu persoal naqueles períodos en que a actividade da empresa se reduza. Acordaron aprobar unhas bases reguladoras destas axudas, cun orzamento por parte da Xunta de Galicia de 6 millóns de euros distribuídos nos anos 2020 e 2021.

Tendo en conta as novas circunstancias e o novo contexto derivado da pandemia COVID-19 e a situación de parálise económica, cómpre axustar a orde deseñada no diálogo social ás novas demandas.

En prol de ordenar a regulación das axudas que materializan este acordo coas adaptacións ao novo escenario derivado do COVID-19, resulta oportuno ditar unha única orde de bases reguladoras que recolla esta liña de actuación.

Á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Secretaría Xeral de Emprego, con base no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, que establece a súa estrutura orgánica, correspóndelle a execución das competencias en materia de política laboral e relacións laborais.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ao fin para o cal foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobación das bases reguladoras (TR820F)

Aprobar con carácter de permanencia as bases reguladoras desta liña de axudas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, ás persoas traballadoras e ás empresas afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e/ou de produción, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente orde de bases entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ter por obxecto regular a convocatoria de axudas para paliar a situación económica e compensar a perda do poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) de suspensión de contratos ou de redución da xornada, así como axudar as empresas afectadas no relativo á compensación dos custos que supoña a formación das persoas traballadoras afectadas polos ERTE, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (TR820F).

2. Así mesmo, xunto con esta orde procédese á convocatoria das citadas axudas para o ano 2020.

Artigo 2. Normativa reguladora

Estas axudas axustaranse, ademais de ao disposto na presente orde de bases, ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvenciónse e na Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 3. Persoas traballadoras e empresas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que se trate de persoas traballadoras afectadas por un ou varios expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos ou redución de xornada por causas económicas, técnicas, organizativas e/ou de produción (ERTE ETOP), en que a decisión empresarial sobre a suspensión ou redución da xornada tras a finalización do período de consultas fose comunicada á autoridade laboral competente ou en virtude de resolución xudicial adoptada no seo dun procedemento concursal.

Requírese que o período de consultas ou ben o procedemento de mediación que sexa de aplicación no ámbito da empresa conclúa con acordo entre as partes.

b) Que o/os expediente/s de regulación temporal de emprego afecten, dentro do período subvencionable, un máximo de 300 persoas traballadoras por centro de traballo da empresa radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que as suspensións de contratos de traballo ou reducións da xornada se fixesen efectivas ao longo do período subvencionable a que se fai extensiva á axuda e que será o establecido na respectiva convocatoria.

d) Que os ingresos brutos mensuais das persoas traballadoras, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, non superen 2.500 euros, ou a cantidade proporcional nos supostos de persoas traballadoras vinculadas á empresa por contrato de traballo a tempo parcial.

e) Que, no caso de ERTE de suspensión, teña unha duración de, polo menos, 25 días dentro do período subvencionable. Nos supostos de ERTE de redución de xornada a duración mínima para poder acceder á axuda será o equivalente a 25 xornadas completas dentro do referido período subvencionable. A duración máxima será de 180 xornadas de suspensión/redución dentro do período subvencionable por persoa traballadora.

Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas traballadoras que conten con contratos de alta dirección recollidos no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección nin tampouco aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Poderán ser beneficiarias todas aquelas empresas que conten con persoas traballadoras afectadas por ERTE de suspensión de contratos ou redución de xornada que cumpran os requisitos establecidos no punto 1 deste artigo, podendo compensar os custos derivados da formación do dito persoal, sempre que as ditas empresas cumpran cos requisitos seguintes:

a) As empresas afectadas deberán ter pactado, formando parte do plan de acompañamento social, un plan de formación coa representación legal das persoas traballadoras ou, de ser o caso, coa comisión negociadora do ERTE.

b) O plan de formación deberá executarase durante a duración do ou dos ERTE de suspensión/redución, e desenvolverse accións formativas vinculadas á actividade profesional das persoas traballadoras afectadas, co obxecto de incrementar a súa empregabilidade e adaptación ao ámbito dixital. A duración do plan formativo poderá ser a mesma que a pactada para o ERTE. A formación poderá ser presencial ou en liña.

c) No plan de formación levado a cabo deberá recollerse, como mínimo:

– A identificación das persoas traballadoras ás cales se lles impartiu a formación e para as que se solicitan axudas para compensar a perda do seu poder adquisitivo por estaren afectadas polo respectivo ERTE de suspensión/redución.

– A descrición detallada da totalidade das accións formativas desenvoltas, con desagregación do número de horas de formación, así como o número total de horas de formación que se recolle no citado plan.

– Calendario de execución das accións formativas que conteña as datas de inicio e fin e os horarios de realización das citadas actividades formativas.

– Plataforma e medios, ben da propia empresa ben contratados cunha entidade externa, para impartir as accións formativas.

– A duración do conxunto das accións formativas que se impartiron, que deberá ser de 50 horas como mínimo e de 250 horas como máximo.

Exixirase un mínimo de asistencia e de aproveitamento aos cursos, e non se permitirá a ausencia de cada alumno/a de máis dun 20 % do tempo total de duración da actividade formativa que, en todo caso, terá que ser con aproveitamento acreditado pola persoa ou entidade docente.

Non poderán ser beneficiarias as entidades solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, ou algunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Devindicación e contía da axuda

1. Devindicación da axuda:

a) Para as persoas traballadoras afectadas:

No caso de ERTE de suspensión, as axudas económicas devindicaranse por xornada laboral completa de suspensión de contrato, dentro do período subvencionable, tendo en conta o tramo de base de cotización por continxencias comúns en que se encadre a persoa traballadora afectada.

No caso de ERTE de redución da xornada laboral ou cando a suspensión ou redución da xornada sexa irregular ao longo do ano, computarase o total de horas de suspensión ou de redución a xornadas completas, para os efectos do cálculo do importe da axuda, e non se terá en consideración a fracción de xornada resultante, de ser o caso.

b) Para as empresas afectadas:

No caso dos custos do plan de formación devindicaranse unha vez executadas as actividades formativas.

So serán subvencionables os custos reais, efectivamente realizados e pagados no período de execución que estean xustificados mediante facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente, que respondan á natureza das actividades subvencionadas e que resulten estritamente necesarios para a realización da actividade formativa proposta.

En ningún caso se concederán axudas para realizar accións de formación que as empresas teñan que impartir obrigatoriamente aos seus traballadores ou traballadoras para cumprir coa normativa que lles sexa de aplicación.

2. Contía:

2.1. No caso das axudas para compensar a perda do poder adquisitivo ás persoas traballadoras afectadas polos ERTE:

A contía da axuda fixarase en 12 ou 15 euros por xornada completa efectiva de suspensión/redución de contratos, segundo o tramo de base de cotización por continxencias comúns a que pertenza a persoa traballadora, de acordo coa seguinte escala:

a) Para bases de cotización de ata 1.900 euros, unha axuda de 15 euros por cada xornada completa de suspensión.

b) Para bases de cotización superiores a 1.900 euros unha axuda de 12 euros por cada xornada completa de suspensión.

Esta contía entenderase para persoas traballadoras que teñan contrato de traballo a xornada completa. No suposto de persoas traballadoras con contrato a tempo parcial, as bases de cotización entenderanse reducidas proporcionalmente, dando lugar á redución proporcional da contía da axuda.

Terá igual consideración para o suposto de que a persoa traballadora desempeñe a súa actividade conforme unha distribución irregular da súa xornada ao longo do ano, se esta for a tempo parcial; neste suposto, para os efectos de determinar o importe da axuda que se concederá, será necesario que no acordo entre as partes conste o número de horas/día a que equivale a xornada irregularmente distribuída ao longo do ano realizada pola persoa traballadora. Este dato deberá facerse constar no certificado do período de suspensión que deberá cubrir a empresa e que xuntará á solicitude da axuda.

Nos supostos de ERTE de redución de xornada o certificado aludido no parágrafo anterior, para os efectos de cuantificar a axuda que se concederá, establecerá o número de horas de redución e a porcentaxe que estas supoñen respecto á xornada habitual da persoa traballadora.

2.2. No caso das axudas ás empresas afectadas polos ERTE para compensar os custos do plan de formación realizarase de acordo coa seguinte clasificación:

a) Nivel de formación básico (sobre materias transversais ou xenéricas que capaciten para desenvolver competencias e cualificacións básicas): 7,50 euros/hora.

b) Nivel de formación medio-superior (sobre materias que impliquen especialización
e/ou capaciten para desenvolver competencias de programación e/ou dirección, ou outras): 9 euros/hora.

O cálculo da subvención correspondente aos custos de formación realizarase de acordo coa seguinte fórmula: nº de horas de formación subvencionable × importe/hora × número de alumnos.

O custo máximo que se aboará por este concepto para unha mesma empresa afectada polo respectivo ERTE non poderá superar 50.000 euros para o conxunto de accións formativas desenvolvidas nesta convocatoria.

Teranse en conta as adaptacións das condicións de accesibilidade á formación para facilitar a participación das persoas con discapacidade.

CAPÍTULO II

Procedemento e competencia

Artigo 5. Procedemento de concesión

1. Dado o carácter permanente das presentes bases reguladoras e salvo que se produza modificación nalgún dos seus artigos que dará lugar á aprobación dunhas novas bases, o departamento con competencias en materia de emprego e/ou relacións laborais publicará para cada exercicio no Diario Oficial de Galicia, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para cada ano, unha resolución para convocar as axudas establecidas nestas bases reguladoras.

Para o ano 2020 inclúese a convocatoria coa publicación destas bases reguladoras.

2. As solicitudes tramitaranse e resolveranse en concorrencia non competitiva, atendendo á súa orde de presentación en función de que a documentación estea completa, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas.

3. En todo caso, a resolución de concesión das axudas estará supeditada á existencia de dispoñibilidade orzamentaria que se habilite na correspondente convocatoria anual.

4. O crédito que se estableza inicialmente para cada ano poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se despois da correspondente ampliación o orzamento asignado non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas, a orde de prioridade virá determinada pola hora de presentación.

5. Todas aquelas solicitudes presentadas en tempo e forma ao abeiro da convocatoria do ano anterior, que non acadasen a fase de resolución por falta de crédito, despois da ampliación mencionada no punto 4, resolveranse, con carácter preferente ás solicitudes que se presenten con cargo aos créditos orzamentarios da convocatoria en curso.

Artigo 6. Compatibilidade

1. As axudas recibidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con outras axudas públicas que se percibisen para a mesma finalidade. A incompatibilidade entenderase referida ás axudas percibidas por un mesmo período de suspensión ou redución de xornada.

2. A percepción das axudas polas persoas traballadoras afectadas polos ERTE será compatible coa percepción da prestación por desemprego e con posibles complementos que a empresa acorde achegar, sempre e cando exista unha perda de poder adquisitivo para a persoa traballadora afectada.

Artigo 7. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas previstas nesta orde, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, corresponderalle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego ou ao departamento con competencias en materia de emprego e/ou relacións laborais.

Artigo 8. Período subvencionable

Será o que se estableza na resolución para cada convocatoria anual.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes de axuda para compensar a perda do poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas polos ERTE poderán ser formalizadas directamente pola persoa traballadora afectada ou pola empresa afectada polo procedemento de ERTE, en calidade de autorizada pola persoa traballadora, acreditada segundo o anexo III desta orde, e cando concorra algunha destas circunstancias:

Que finalizase o período completo de suspensión/redución de xornada acordado no ERTE.

No caso de estar afectada por varios ERTE, que finalizasen os efectos do último expediente de regulación temporal de emprego.

Que a persoa traballadora beneficiaria alcanzase o número máximo de xornadas completas subvencionables (180).

Excepcionalmente, no suposto de que na data máxima para a presentación de solicitudes (31 de outubro de cada exercicio) non finalizase o período completo de suspensión acordado no expediente de regulación temporal de emprego, poderá presentarse a solicitude ata o 10 de novembro de cada exercicio por aquelas xornadas obxecto de suspensión/redución ata o 31 de outubro, sempre que estas sexan polo menos 25, tal como se regula no artigo 3.1.e).

2. As solicitudes de axuda para compensar os custos do plan de formación serán formalizadas pola empresa afectada polo ERTE.

3. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal). A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas e para quen exerza a súa representación legal.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. No caso das persoas traballadoras afectadas, deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Certificado emitido pola empresa, segundo o anexo II, en que consten os seguintes datos da persoa traballadora: o período de suspensión/redución efectiva, dentro do período subvencionable que se estableza na decisión final comunicada, con indicación do número de xornadas completas de suspensión e os meses concretos en que se fixo efectiva a suspensión e, de ser o caso, a porcentaxe de redución de xornada, en que se fixo efectiva a redución.

b) Certificado emitido pola empresa, segundo o anexo III en que consten, de forma individualizada, os seguintes datos: a retribución mensual bruta (excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias) e a base de cotización por continxencias comúns dos seis meses completos anteriores ao inicio das suspensións ou reducións de xornada.

c) Autorización da persoa traballadora para a presentación da solicitude no seu nome, segundo anexo IV desta orde, no suposto de presentación pola empresa afectada polo procedemento de regulación temporal de emprego.

d) Certificado de vida laboral actualizado emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social en que conste o período de suspensión ou redución para o cal se solicitou a axuda.

e) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

2. No caso das empresas afectadas polo ERTE, para compensar os custos de formación, deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) O plan de formación, que deberá estar pactado e asinado pola representación da empresa e pola representación legal das persoas traballadoras ou, de ser o caso, pola comisión negociadora do ERTE e que debe recoller o contido mínimo establecido no artigo 3.2.c).

b) Relación das persoas traballadoras afectadas polo ERTE de suspensión/redución que participaron nas accións formativas. Deberá achegarse cos partes diarios de asistencia ás accións formativas, asinados polas respectivas persoas traballadoras e polo persoal docente.

c) Descrición das acción formativas desenvoltas segundo anexo V.

d) No caso de que a formación sexa impartida pola propia empresa:

I. Persoal docente: factura que desagregue os custos do persoal docente, indicando denominación da acción formativa impartida, número de horas de formación impartidas, custo por hora e importe total que se percibirá e documento bancario que acredite as transferencias aboadas.

II. Custos de materiais didácticos e subministracións: facturas que identifiquen o material didáctico, de seguridade, de protección e consumibles entregado ás persoas traballadoras, indicando o número de unidades adquiridas, o prezo por unidade e o importe total e os correspondentes xustificantes de pagamento.

e) No caso de que a formación sexa prestada por unha entidade externa deberase achegar:

I. Contrato realizado en que figuren o seu obxecto e a súa duración.

II. Factura correspondente como xustificante de gasto, no cal se inclúan a actividade realizada, o número de horas impartidas, o custo por hora e o importe total correspondente.

III. Documento bancario que acredite a transferencia aboada.

f) Copia da documentación fidedigna que acredite a representación, no suposto de actuar mediante representante.

Artigo 11. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución do departamento con competencias en materia de emprego e/ou relacións laborais pola que se publica a convocatoria para cada exercicio e, permanecerá aberto, con carácter permanente, ata o 31 de outubro de cada exercicio.

Artigo 12. Forma de presentación da documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Non será necesario achegar documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) DNI ou NIE da persoa traballadora (cando non sexa a mesma que a persoa solicitante).

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificados de estar ao día no pagamento coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I, así como no anexo IV, e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será a subdirección xeral con competencias en materia de relacións laborais, do departamento con competencias en materia de emprego e relacións laborais, que realizará as actuacións necesarias para a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo máximo e improrrogable de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización da proposta polo órgano interventor da consellería, o órgano concedente ditará a correspondente resolución, que se lles notificará ás persoas interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses contado dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o antedito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de conformidade co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Contra as resolucións que se diten, que poñen fin á vía administrativa, ou contra as desestimacións por silencio administrativo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo nos termos previstos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer recurso potestativo de reposición, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Forma de pagamento e xustificación

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas e entidades interesadas disporán dun prazo de 10 días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A xustificación da subvención entenderase efectuada coa presentación da solicitude e a documentación que se debe achegar con ela, tal como se regula nos artigos 9 e 10 das bases reguladoras.

3. O pagamento efectuarase a favor das persoas e entidades beneficiarias, de xeito nominativo e único, pola súa totalidade, mediante transferencia bancaria á conta especificada na solicitude.

Artigo 18. Obrigas das persoas e entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias destas axudas as seguintes:

1. Acreditar con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que se atopa ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter realizado a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención concorrente doutras subvencións, axudas ou ingresos que se percibisen para a mesma finalidade.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 19. Modificación da resolución

Unha vez ditada a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención e, eventualmente, á súa revogación, segundo o establecido no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Economía, Emprego e Industria iniciará o procedemento de reintegro total ou parcial da axuda concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32, 33, 37 e 38 da citada Lei 9/2007 e no seu regulamento, aprobado mediante o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. De acordo co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de gradación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se minorará ou reintegrará serán os seguintes:

a) A obtención da axuda falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que o impedirían dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

b) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 10 % da axuda concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles dará lugar ao reintegro do 100 % da axuda percibida máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puideren corresponder.

d) A obriga do reintegro establecida nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

CAPÍTULO III

Convocatoria para o ano 2020

Artigo 23. Obxecto

Convocar para o ano 2020 as axudas para compensar a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras afectadas por expedientes de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos e/ou redución de xornada, por causas económicas, técnicas, organizativas e/ou de produción (ERTE ETOP), así como axudas ás respectivas empresas para compensar os custos de formación das persoas traballadoras afectadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 24. Normativa reguladora

Esta convocatoria rexerase polas bases reguladoras establecidas nos capítulos I e II desta orde de bases.

Artigo 25. Crédito orzamentario

O orzamento total desta convocatoria de axudas para 2020 ascende a 4.000.000,00 de euros.

A concesión destas axudas ás persoas traballadoras afectadas polos ERTE realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.324A.480.0, código de proxecto 2020 0009, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 3.400.000 euros para esta anualidade 2020.

A concesión das axudas para ás empresas afectadas polos ERTE realizarase con cargo á aplicación orzamentaria, 09.40.324A.474.2, código de proxecto 2020 0009, da Secretaría Xeral de Emprego, por un importe total de 600.000 euros para esta anualidade 2020.

Se, atendidas as solicitudes presentadas nas distintas aplicacións orzamentarias, queda remanente nalgunha delas, poderase incrementar o crédito dunha delas co crédito sobrante da outra, de conformidade co previsto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Período subvencionable

Esta convocatoria afecta todos aqueles procedementos de regulación temporal de emprego de suspensión de contratos e/ou redución de xornada comunicados á autoridade laboral en Galicia cuxos períodos de duración estean comprendidos entre o 1 de xullo de 2020 e o 31 de outubro de 2020 (ambos inclusive), agás o suposto establecido no artigo 9.1 desta orde, en que se permitirá ata o 10 de novembro de 2020.

Artigo 27. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, xunto coa convocatoria do ano 2020, e permanecerá aberto ata o 31 de outubro de 2020, agás o suposto establecido no artigo 9.1 desta orde, en que se permitirá ata o 10 de novembro de 2020.

Disposición adicional primeira. Bases reguladoras

As presentes bases reguladoras terán carácter permanente. Non obstante, no caso de ser preciso, procederase á súa modificación nos termos regulamentariamente establecidos.

Disposición adicional segunda. Delegación de atribucións

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias, respecto das resolucións de concesión destas ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, así como para a convocatoria anual das ditas axudas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file