Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 7 de xullo de 2020 Páx. 26968

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 2020 pola que se convocan, para o ano 2020, as subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408N).

O 14 de maio de 2020 asinouse o acordo específico de financiamento da área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra, no marco da Comisión Bilateral de Seguimento, de conformidade co previsto no artigo 49 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021.

O 2 de xullo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 22 de xuño de 2020, pola que se regula o procedemento para participar no Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan de vivenda 2018-2021 e se establecen as bases reguladoras das subvencións correspondente á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra.

A área de rehabilitación integral supramunicipal da Ribeira Sacra, igual ca as dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, é xestionada directamente pola Comunidade Autónoma de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Así, mediante esta resolución, convócanse, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural correspondente á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra, para a anualidade 2020.

Esta convocatoria suxéitase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións, para o ano 2020, do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural correspondentes á área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da Ribeira Sacra, que se tramitarán co código de procedemento VI408N.

2. As subvencións desta convocatoria están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI da Ribeira Sacra.

3. As actuacións obxecto de financiamento deberán contar coa correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS).

4. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, estas subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto nesta resolución de convocatoria.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 22 de xuño de 2020, da Presidencia do IGVS, e publicadas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 130, do 2 de xullo de 2020.

Terceiro. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución:

ARI da Ribeira Sacra

Aplicación 07.83.451A.780.6

Importe 2020

Proxecto 201800007 FFE

712.807 €

Proxecto 20180003 FCA

137.193 €

Total

850.000 €

2. As contías establecidas poderán ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e terán efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Cuarto. Actuacións subvencionables

De conformidade co ordinal décimo primeiro das bases reguladoras serán subvencionables as actuacións que, contando con cualificación definitiva, teñan por obxecto as obras seguintes:

a) As previstas no artigo 36 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o Programa do fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, con redución da demanda enerxética nos termos establecidos no citado artigo.

b) As previstas no artigo 43 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, para o fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.

c) A execución de obras e/ou traballos de mantemento e intervención nas vivendas unifamiliares e nos edificios, mesmo no interior das vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de adecualos aos estándares previstos pola normativa vixente.

d) As obras de demolición de edificios e de vivendas e as obras de construción de edificios de vivendas e vivendas de nova construción, en substitución doutros previamente derrubados. Os novos edificios e vivendas deberán ter unha cualificación enerxética mínima B e cumprir, en todo caso, coas exixencias do Código técnico da edificación.

Quinto. Persoas ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das axudas desta convocatoria:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

2. Para seren beneficiarias destas subvencións, as persoas e entidades sinaladas nos puntos anteriores deberán estar en posesión da correspondente cualificación definitiva da actuación outorgada polo IGVS.

3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias, deberán posuír a nacionalidade española ou, no suposto das persoas estranxeiras, ter a residencia legal en España.

4. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogar algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

5. No caso de que a solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprirse por parte de todos os seus membros.

6. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades ou de agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe dela como o custo das obras, deba repercutir nas persoas propietarias e, se é o caso, nos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no DOG e rematará co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e, en todo caso, o día 30 de outubro de 2020.

Sétimo. Solicitudes de subvencións

1. A solicitude de subvención realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución (código de procedemento VI408N), que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda ou o edificio obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación.

2. As persoas físicas presentarán as solicitudes preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como quen actúe na súa representación, deberán presentar as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. No caso de presentar a súa solicitude de forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

5. No modelo de solicitude, a persoa ou entidade interesada realizará as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida pola persoa ou entidade solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que nin á persoa solicitante nin a ningunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia se lle teña revogada ou fose obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda, deste ou dun plan de vivenda anterior, por causa imputable a algunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

f) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e as obrigas recollidos nas bases reguladoras e na convocatoria das axudas que solicita.

g) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son correctos.

Oitavo. Documentación complementaria

1. Coa solicitude deberá achegar a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa ou da entidade solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos.

b) Anexo II (código de procedemento VI408N), certificado da persoa que exerza as funcións de secretaría da comunidade de persoas propietarias, da agrupación de comunidades de persoas propietarias ou de quen representa a agrupación de persoas propietarias, no cal se recolla tanto o acordo de solicitar a subvención do Programa de rexeneración e renovación urbana e rural da ARI da Ribeira Sacra, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente a comunidade de persoas propietarias, a agrupación de comunidades de persoas propietarias ou a agrupación de persoas propietarias.

c) Anexo III (código de procedemento VI408N), debidamente cuberto, no cal se relacionen as persoas propietarias das vivendas e dos locais do edificio, partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención. Neste anexo cubrirase, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Anexo IV (código de procedemento VI408N), declaración responsable e comprobación de datos das persoas que integran a unidade de convivencia da persoa solicitante, no caso de actuacións en vivendas unifamiliares ou actuacións no interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

e) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas cales concorra esa circunstancia, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.

f) No caso de edificios ou vivendas declarados ben de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, documentación xustificativa destas circunstancias.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa ou a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas ou entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa, caso en que deberá presentar copia do correspondente documento.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirirlle a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.

Noveno. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

3. As persoas e as entidades solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tiver un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial, sen prexuízo dos requirimentos que, para estes efectos, lle poida realizar o órgano instrutor.

A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, de ser o caso, así como das persoas propietarias dunha vivenda ou local do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación ou renovación e interesadas na subvención, de ser o caso.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificados acreditativos do cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de obrigas coa Seguridade Social e/ou coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa solicitante e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, así como da entidade solicitante e, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.

f) Certificación catastral de titularidade correspondente á persoa ou á entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.

g) Consulta descritiva e gráfica dos datos catastrais da vivenda ou vivendas en que se van levar a cabo as actuacións, que acredite o seu uso por parte da persoa ou entidade solicitante ou, de ser o caso, das persoas que sexan membros de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias ou agrupacións de persoas propietarias.

2. No caso de actuacións realizadas en vivendas unifamiliares ou de actuacións en interior de vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva, consultaranse ademais os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Permiso de residencia legal da persoa solicitante, cando sexa estranxeira, de ser o caso.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.

c) Certificado do IRPF e nivel de renda da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.

d) Certificado das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.

e) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.

f) Importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia.

g) Certificado acreditativo da discapacidade, para o suposto de que o documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante ou, de ser o caso, das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia nas cales concorra esa circunstancia e fagan constar na solicitude que lle é de aplicación. No suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia, deberá achegarse a correspondente documentación.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta dos datos ou documentos elaborados polas administracións públicas, deberán facer constar a súa oposición expresa no recadro habilitado para os efectos nos anexos I, III e IV e, de ser o caso, achegar os documentos correspondentes.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Décimo primeiro. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas e ás entidades interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segundo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento e a formulación da proposta de concesión da subvención correspóndelles ás áreas provinciais do IGVS onde se atope o edificio ou a vivenda obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación ou, de ser o caso, o espazo público das obras de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano.

2. A resolución de concesión será ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo terceiro. Procedemento de concesión das subvencións

1. O procedemento iníciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a publicación da resolución de convocatoria no DOG.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, a persoa ou a entidade solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. O órgano instrutor, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, elevará a proposta de resolución de concesión de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Esta proposta conterá a identificación da persoa beneficiaria, o tipo de actuación, o orzamento protexido, o gasto subvencionable e a subvención máxima que lle corresponde.

5. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, á vista da proposta efectuada e tendo en conta a dispoñibilidade orzamentaria, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución de concesión será de dous (2) meses, contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo establecido sen se ditar e notificar a resolución expresa, a persoa ou a entidade solicitante poderá entender rexeitada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS é susceptible de recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, nun prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo quinto. Xustificación e pagamento da subvención

1. A resolución da cualificación definitiva da actuación de rehabilitación ou renovación e, se é o caso, de mellora da calidade e sustentabilidade do medio urbano terá a consideración de memoria de actuación e memoria económica para os efectos do previsto no artigo 48 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como de comprobación material do investimento para os efectos previstos no artigo 30, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta sinalada para os efectos pola persoa ou entidade beneficiaria.

Décimo sexto. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

As persoas e/ou entidades beneficiarias terán as obrigas recollidas no ordinal trixésimo cuarto das bases reguladoras.

Décimo sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o IGVS efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo oitavo. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no DOG e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Décimo noveno. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia–IGVS coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Vixésimo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Vixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

María Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file