Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 7 de xullo de 2020 Páx. 26990

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 2 de xullo de 2020 pola que se convocan, para o ano 2020, as subvencións do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan estatal de vivenda 2018-2021, correspondentes á área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra (código de procedemento VI408N).

BDNS (Identif.): 513849.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas ou entidades beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias das axudas desta convocatoria:

a) As comunidades de persoas propietarias e as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

b) As agrupacións de persoas propietarias.

c) As persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas.

2. Para seren beneficiarias destas subvencións, as persoas e entidades sinaladas nos puntos anteriores deberán estar en posesión da correspondente cualificación definitiva da actuación outorgada polo IGVS.

3. Para que as persoas físicas sexan beneficiarias, deberán posuír a nacionalidade española ou, no suposto das persoas estranxeiras, ter a residencia legal en España.

4. Non poderán obter a condición de persoas ou entidades beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogar algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa ou á entidade solicitante.

5. No caso de que a solicitante sexa unha comunidade ou agrupación de comunidades de persoas propietarias ou agrupación de persoas propietarias, os requisitos sinalados nos números anteriores deberán cumprirse por parte de todos os seus membros.

6. Cando a execución da actuación corresponda a varias persoas beneficiarias, a axuda distribuirase en proporción ao custo asumido por cada unha delas. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades ou agrupacións de comunidades de persoas propietarias, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe dela como o custo das obras deba repercutir nas persoas propietarias e, se é o caso, nos locais comerciais ou predios doutros usos compatibles, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar as subvencións, para o ano 2020, do Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural correspondentes á área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da Ribeira Sacra, que se tramitarán co código de procedemento VI408N.

As subvencións desta convocatoria están destinadas a financiar actuacións de rehabilitación e renovación de edificios e vivendas situadas no ámbito da ARI da Ribeira Sacra.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa de rexeneración e renovación urbanas da ARI da Ribeira Sacra rexeranse polas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 22 de xuño de 2020 publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 130, do 2 de xullo (código de procedemento VI408N.

Cuarto. Importe

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451.A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución:

ARI da Ribeira Sacra

Aplicación 07.83.451A.780.6.

Importe 2020

Proxecto 201800007 FFE

712.807 €

Proxecto 20180003 FCA

137.193 €

Total

850.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no DOG e rematará co esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS e, en todo caso, o día 30 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo