Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 9 de xullo de 2020 Páx. 27364

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2020 pola que se fai pública a delegación de competencias do Consello de Dirección na Dirección Xeral.

A Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras (DOG núm. 205, do 26 de outubro), atribúe ao Consello de Dirección da Agader unha serie de competencias en relación cos proxectos de mobilización de terras (artigo 47 bis) e en relación co fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo (artigo 47 ter).

Por outra banda, o Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril (DOG núm. 77, do 20 de abril), atribúe tamén ao Consello de Dirección da Agader unha ampla serie de competencias, en particular, en relación cos procedementos para a selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

A actividade administrativa da Agader leva consigo unha concentración de funcións no seu Consello de Dirección que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral da Agader, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Agader coma dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

De acordo co artigo 9.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, procede publicar a delegación de competencias.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar os acordos do Consello de Dirección da Agader, polos que se delegan determinadas competencias, e que se incorporan a esta resolución como documento anexo.

ANEXO

1. Acordo do Consello de Dirección da Agader do 23 de xuño de 2020.

Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral da Agader as competencias que lle correspondan ao Consello Reitor da Agader en relación cos procedementos relacionados cos proxectos de mobilización de terras e mais co fomento da mobilización de terras a través do programa de aldeas modelo, regulados nos artigos 47 bis e 47 ter da Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras. En particular, deléganse a identificación e a declaración de zonas de actuación para aplicar proxectos de mobilización de terras e mais de aldeas modelo, a integración cautelar de predios no respectivo proxecto e mais a aprobación do proxecto de aldea modelo.

2. Acordo do Consello de Dirección da Agader do 23 de xuño de 2020.

Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 6 de abril, delégase na persoa titular da Dirección Xeral da Agader a competencia para modificar as bases reguladoras das axudas que se tramiten ao abeiro da medida Leader (submedidas 19.2 e 19.4), cofinanciadas con Feader no marco do programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR) (código de procedemento MR701D), aprobadas mediante o Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 13 de decembro de 2019, e publicadas mediante a Resolución do 13 de decembro de 2019 (DOG núm. 246, do 27 de decembro).

Na medida en que o aconselle a evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, que deu lugar á situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, a citada delegación refírese á modificación dos seguintes aspectos:

– Constitución de avais e garantías nas concesións de anticipos.

– Realización das visitas in situ derivadas do control de investimentos das solicitudes de pagamento dos expedientes.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2020

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural