Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 9 de xullo de 2020 Páx. 27362

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 1 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades xestoras de lonxa pola caída de ingresos como consecuencia da pandemia COVID-19 e a declaración do estado de alarma efectuada polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PE209I).

BDNS (Identif.): 514097.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades xestoras de lonxas ou establecementos autorizados pola Consellería do Mar para a primeira venda dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura situados nas zonas de servizo de portos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán ser beneficiarias as asociacións sectoriais ou confrarías de pescadores autorizadas pola Consellería do Mar para a primeira venda de produtos frescos procedentes da pesca e o marisqueo.

Para ter a condición de persoa beneficiaria as entidades anteriormente mencionadas deben sufrir perdas nos ingresos derivados da actividade de primeira venda de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura no período comprendido entre o 14 de marzo ao 15 de maio, ambos os dous incluídos.

Segundo. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar a concesión das axudas para este exercicio 2020, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades xestoras de lonxa que sufriron diminución nos ingresos obtidos pola venda de produtos da pesca e do marisqueo e a acuicultura durante o estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020 e as súas sucesivas prórrogas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 1 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades xestoras de lonxa pola caída de ingresos como consecuencia da pandemia COVID-19 e a declaración do estado de alarma efectuada polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PE209I).

Cuarto. Contía

As axudas concederanse no que respecta ás entidades sen ánimo de lucro con cargo á aplicación orzamentaria 2020.15.02.723 B.7802 dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020 sendo o importe máximo 440.000 euros.

No que respecta a entidades privadas as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 2020.15.02.723 B.7702 dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020, sendo o importe máximo 160.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar