Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 9 de xullo de 2020 Páx. 27340

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 1 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas ás entidades xestoras de lonxa pola caída de ingresos como consecuencia da pandemia COVID-19 e a declaración do estado de alarma efectuada polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento PE209I).

O 19 de marzo de 2020, a Comisión adoptou a Comunicación titulada «Marco Temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19» (o Marco temporal), na que, entre outras cousas, se establecen as posibilidades que teñen os Estados membros, conforme as normas da Unión, para garantir a liquidez e o acceso ao financiamento para as empresas, especialmente as pequenas e medianas empresas (pemes), que se enfronten a unha súbita escaseza neste período, co fin de que poidan recuperarse da situación actual. O obxectivo é establecer un marco que permita aos Estados membros apoiar as empresas en crise debido ao actual brote de COVID-19, mantendo ao mesmo tempo a integridade do mercado interior da UE, garantindo unhas condicións de competencia equitativas.

O novo Marco temporal para as axudas estatais, adoptado pola Comisión o 19 de marzo de 2020, establece que os Estados membros poden conceder temporalmente cantidades limitadas de axuda en forma de subvencións directas, anticipos reembolsables ou vantaxes fiscais, garantía de préstamos ou tipos de interese subvencionados para os préstamos (financiamento nacional) ás empresas do sector da pesca e a acuicultura que se enfronten a dificultades como consecuencia da pandemia de coronavirus.

En vista da crise actual, o importe máximo por empresa do sector da pesca e a acuicultura será de 120.000 euros. Os beneficiarios poden ser empresas que se enfronten a dificultades como consecuencia da pandemia do virus. Esta axuda temporal non se aplica aos casos explicitamente excluídos das axudas de minimis no sector da pesca e a acuicultura (casos incluídos nas letras a) a k) do parágrafo 1 do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión).

As axudas previstas no presente Marco temporal poden concederse ata o 31 de decembro de 2020.

As axudas de minimis concedidas nos tres anos anteriores en virtude do Regulamento de minimis da pesca non se contabilizarán con respecto ao limiar establecido no presente Marco temporal. Tampouco se aplicará o tope nacional do Regulamento de minimis.

A Consellería do Mar analizou coas entidades xestoras de lonxa a urxente necesidade de articular axudas para a compensación das perdas xeradas pola baixada de produtos vendidos a través desta, como consecuencia da pandemia COVID-19, e en particular o establecemento do estado de alarma a través do Real decreto 463/2020, que supuxo o peche da coñecida como canle Horeca e por tanto a caída da venda de produtos de pesca e marisqueo realizadas a través das lonxas.

Debido a esta situación excepcional deben adoptarse medidas de urxencia de carácter conxuntural, que permitan paliar estes efectos, estando dirixidas as presentes axudas ás entidades xestoras de lonxa autorizadas como tales pola Consellería do Mar pola caída dos ingresos derivados da venda nas súas instalacións de produtos pesqueiros e do marisqueo como consecuencia do establecemento do estado de alarma.

Ante esta situación, é necesario publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería do Mar en materia de comercialización de produtos da pesca, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde, con código de procedemento PE209I, ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar a concesión das axudas para este exercicio 2020, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades xestoras de lonxa que sufriron diminución nos ingresos obtidos pola venda de produtos da pesca e do marisqueo e a acuicultura durante o estado de alarma decretado polo Goberno de España mediante o Real decreto 463/2020, e as súas sucesivas prórrogas.

2. Esta convocatoria tramítase ao abeiro do disposto no Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a respaldar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal I), notificado o 27 de marzo de 2020 á Comisión Europea que, mediante Decisión da Comisión con data do 2 de abril de 2020 (C (2020) 2154 final, sobre axuda estatal SA.56851 (2020/N), declarou as axudas amparadas no dito marco compatibles co mercado interior.

3. Estas axudas ampáranse no punto 3 do Marco nacional temporal I relativo á concesión de axudas en forma de subvencións directas.

4. Estas axudas non afectan ningunha das categorías de axuda ás que fai referencia o artigo 1.1, letras a) a k), do Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión (Axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura).

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a respaldar a economía no contexto do actual brote de COVID-19 (Marco nacional temporal I); Comunicación da Comisión-Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual abrocho de COVID-19, do 19 de marzo de 2020 (C (2020) 1863); o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións ás que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

2. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se fose o caso, despois de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. A concesión das axudas mencionadas realizarase con cargo aos créditos do orzamento da Consellería do Mar, nun 100 % e estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

4. As axudas concederanse no que respecta ás entidades sen ánimo de lucro con cargo á aplicación orzamentaria 2020.15.02.723 B.7802 dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020 sendo o importe máximo 440.000 euros; no que respecta a entidades privadas con cargo á aplicación orzamentaria 2020.15.02.723 B.7702 dotada no orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2020, sendo o importe máximo 160.000 euros.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as entidades xestoras de lonxas ou establecementos autorizados pola Consellería do Mar para a primeira venda dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura situados nas zonas de servizo de portos de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén poderán ser beneficiarias as asociacións sectoriais ou confrarías de pescadores autorizadas pola Consellería do Mar para a primeira venda de produtos frescos procedentes da pesca e o marisqueo.

Para ter a condición de persoa beneficiaria as entidades anteriormente mencionadas deben sufrir perdas nos ingresos derivados da actividade de primeira venda de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura no período comprendido entre o 14 de marzo ao 15 de maio, ambos os dous incluídos.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas reguladas nesta orde estarán suxeitas aos seguintes requisitos:

a) Non ter pendente de pagamento ningún deber por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

b) Non concorrer nalgunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Non ser unha empresa que estaba en crise con data do 31.12.2019 de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crises (2014/C249/01).

d) Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo a actividade.

e) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

b) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

c) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto público como privado. En especial, deberá declarar por escrito calquera outra axuda temporal relativa aos mesmos costos subvencionables que en aplicación dos marcos nacionais temporais I e II ou en aplicación do Marco temporal comunitario teña recibido durante o exercicio fiscal en curso.

d) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

Artigo 7. Contía da axuda e modo de determinación

1. A contía da subvención determinarase da seguinte forma:

Consistirá nunha cantidade por beneficiario cun límite máximo que non pode superar o establecido na letra a) do punto 23 do Marco temporal para medidas de axuda estatal para apoiar a economía no brote actual de COVID-19 (C (2020) 1863 final), isto é de 120.000 euros por empresa activa, para o período comprendido entre o 14 de marzo ao 15 de maio, ambos os incluídos que se calculará da seguinte maneira:

– Aplicarase ás cantidades comunicadas como vendidas pola entidade xestora de lonxa as tarifas que lle correspondan pola poxa ou venda (como máximo considerarase un 7 %) no período referenciado no parágrafo anterior.

– Farase o mesmo cálculo en relación coas vendas efectuadas no mesmo período do ano 2019.

– Da cantidade correspondente ao 2019 detraerase a correspondente a 2020.

– No caso de que os beneficiarios procedesen a realizar un ERTE, da cantidade obtida conforme o sinalado anteriormente, haberase de deducir os custos salariais e de Seguridade Social que no período de referencia non tivesen que soportar.

– Á cantidade resultante das operacións anteriores aplicarase o 70 % que será a contía da subvención.

2. En aplicación do artigo 55.1 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, non se establece unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando o crédito consignado na convocatoria sexa suficiente, atendendo ao número de subvencións.

3. No caso de suspensión das dispoñibilidades orzamentarias axustaranse as contías a pro rata entre todas as persoas beneficiarias.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

As axudas concedidas son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 9. Forma de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado anexo I e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Prazo de presentación da solicitude

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I) debidamente cuberta onde se fagan constar os datos solicitados, tendo especial relevancia a declaración responsable das tarifas que se aplican á venda dos produtos pesqueiros na lonxa, tanto no exercicio 2019 como no 2020. En caso de aplicar tarifas diferenciadas en función da natureza do produto, terase que especificar o detalle da tarifa aplicada a cada un deles.

Xunto á solicitude (anexo I) deberá presentar a seguinte documentación:

a) Anexo II. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude, cando proceda.

b) Certificación rexistral actualizada dos estatutos sociais da entidade e da escritura de constitución.

c) Copia do poder de representación do representante legal da persoa solicitante, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

d) Declaración responsable do solicitante da axuda (anexo III) respecto ao cumprimento dos requisitos exixidos na presente orde, en especial no relativo ao cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 5, respecto á veracidade de todos os documentos presentados e que dispón de documentación que así o acredita e que a poñerá ao dispor da Administración cando lle sexa requirida.

Así mesmo, a través desta declaración responsable incluída no modelo de solicitude, realizarase as comunicacións nas letras c) e d) do artigo 6.

e) Resolución de aprobación do correspondente ERTE, se é o caso, así como a relación de persoal incluído neste e as nóminas e documentos contables da Seguridade Social dos referidos dos seis meses anteriores á solicitude.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Para efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes; a acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo II desta orde.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE/NIF da persoa ou entidade representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, de cada persoa solicitante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social de cada persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia de cada persoa solicitante.

f) Informe acreditativo de esta ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga) de cada persoa solicitante.

g) Informe do Servizo de Análise e Rexistros da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, sobre as notas de primeira venda comunicadas polos solicitantes para os períodos de referencia, incluíndo a súa desagregación por especies, de ser necesario, para o cálculo da contía da axuda.

h) Informe acreditativo do Servizo de Mercados sobre a autorización de primeira venda da persoa solicitante.

i) Resolución de concesión doutra axuda para a mesma finalidade concedida pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

j) Concesións de subvencións e axudas.

k) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e no anexo II e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Tramitación das solicitudes.

1. Estas axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva de acordo cos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación e eficacia e eficiencia establecidos no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Fase de admisión de solicitudes.

a) O Servizo de Mercados, da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

b) Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez (10)días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 12 resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma e lugares que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

c) Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

d) Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

e) Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á avaliación dos expedientes pola Comisión de Selección.

3. Fase de avaliación das solicitudes.

3.1. Os expedientes serán avaliados pola Comisión de Selección, constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3.2. A composición da Comisión Avaliadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Pesca e Mercados da Pesca.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica designados polo/a presidente/a e a persoa que ocupe a xefatura de servizo de Mercados.

3.3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de polo menos a maioría simple dos membros para a realización da selección.

3.4. As reunións da Comisión de Selección poderán celebrarse tanto de forma presencial como a distancia nos termos establecidos pola normativa vixente que sexa de aplicación.

3.5. A Comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira documentación complementaria necesaria para a correcta valoración da solicitude de que se trate.

3.6. A comisión avaliadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos externos ou internos.

3.7. A Comisión de Selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionables dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso no que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

3.8. Cando as solicitudes subvencionables superen as dispoñibilidades orzamentarias, o órgano instrutor determinará a asignación do orzamento dispoñible mediante pro rata do importe global máximo destinado ás subvencións na respectiva convocatoria entre todas as solicitudes, conforme dispón o artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.9. Os documentos, informes e certificados que sirvan para a avaliación dos proxectos formarán parte do expediente das axudas.

4. Fase de selección.

1. Unha vez finalizada a fase anterior, a Comisión de Selección emitirá un informe co resultado da selección das solicitudes propostas para a súa concesión, que será incorporado ao expediente.

2. Na proposta que formule a Comisión de Selección figurarán de maneira individualizada os solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención proposto para cada un deles.

3. O presidente da Comisión de Avaliación elevará proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 15. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 de euros por persoa beneficiaria será necesario a autorización do Consello da Xunta de Galicia . Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de tres (3) meses, sendo a data límite de concesión o 31 de decembro de 2020. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Unha vez notificada a dita resolución, o interesado terá un prazo de dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

4. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto e a contía da subvención individualizada.

Artigo 16. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obrigación de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que poñen fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 15, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os casos, a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán interpoñer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 18. Modificación de resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á súa modificación.

2. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado. Con todo, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución, outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 19. Pagamento

1. Os servizos competentes da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica comprobarán de oficio o cumprimento dos requisitos para acceder ás axudas, de acordo coa documentación presentada na solicitude e a información dispoñible nas bases de datos e rexistros da Consellería do Mar. Para estes efectos os beneficiarios teñen que facilitar toda a información complementaria que lles sexa requirida polo órgano instrutor.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non estea ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga cando caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

4. O pagamento das axudas efectuarase na conta bancaria que fose designada polo beneficiario.

Artigo 20. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obrigación de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os intereses de demora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a orixe do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e os artigos 74 ao 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06) a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obrigación de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, as persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións prevista no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23. Publicidade

En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, expresando a convocatoria, programa e crédito orzamentario á que se imputan, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, coas excepcións previstas no devandito artigo, de ser o caso.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Mar coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición adicional terceira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file