Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 10 de xullo de 2020 Páx. 27651

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2020 pola que se modifican as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro) e modificadas pola Resolución do 31 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 64, do 1 de abril) (código de procedemento IG535A).

O Consello de Dirección do Igape, nas súas xuntanzas do 18 de maio de 2020 e do 25 de xuño de 2020, acordou modificar as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG nº 28, do 11 de febreiro de 2020), e modificadas pola Resolución do 31 de marzo de 2020 (DOG nº 64, do 1 de abril).

Mediante Resolución do 7 de febreiro de 2020 publicáronse as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas.

Con estas bases reguladoras dábase continuidade ao labor realizado nos últimos 25 anos polo Igape no apoio ao acceso ao financiamento das pemes con axudas en forma de garantía e subvencións de gastos financeiros, promovendo diversas liñas para cubrir necesidades específicas.

No actual contexto do brote de COVID-19, e coa finalidade de dar resposta ás necesidades de liquidez dos colectivos mais afectados con motivo do estado de alarma, por Resolución do 31 de marzo de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 64, do 1 de abril) modificáronse as bases reguladoras, introducindo unha nova liña de financiamento de préstamos avalados para apoiar a pemes e autónomos no contexto do brote do COVID-19. A liña (en diante, «Liquidez COVID-19»), que consiste en préstamos avalados de importes entre 3.000 euros e 200.000 euros, e con xuros bonificados, está orientada á obtención de liquidez inmediata por parte dos autónomos e pequenas e medianas empresas. Dentro da liña, que permitirá mobilizar 250 millóns de euros, habilitouse inicialmente un primeiro tramo de operacións avaladas por importe de 100 millóns de euros.

O volume de solicitudes de financiamento recibidas desborda amplamente a dotación inicial, xa que, desde a publicación da convocatoria, o pasado 1 de abril, ata a data actual, foron recibidas máis de 4.300 solicitudes –das cales o 95 % corresponden á liña «Liquidez COVID-19»– para operacións financeiras por importe total que, a día de hoxe, supera amplamente a dotación orzamentaria inicial.

Ademais, a experiencia acadada polo Igape e as entidades colaboradoras, xunto ás recomendacións do Comité de expertos económicos de Galicia para afrontar a crise provocada polo COVID-19, aconsella a inclusión dunha nova liña adicional orientada ás empresas de menor dimensión, concretamente ás microempresas, que engloban autónomos na súa meirande parte. Nesta liña, denominada «Microcréditos COVID-19» poderase financiar a liquidez con prazo de devolución de ata 5 anos, con préstamos dun importe comprendido entre 3.000 e 20.000 euros.

Polo anterior, resulta necesario modificar as bases reguladoras para incluír a nova liña de «Microcréditos COVID-19» así como incrementar a súa dotación orzamentaria, para cubrir un volume adicional de operacións financeiras avaladas polas SGR de 200 millóns de euros, tanto na liña «Liquidez COVID-19» como na nova liña de «Microcréditos COVID-19» e nas demais liñas de financiamento recollidas nas bases reguladoras, de modo que se acade un volume total de operacións financeiras avaladas polas SGR de 300 millóns de euros no conxunto de liñas das bases reguladoras.

Así mesmo, amplíanse os prazos de presentación de solicitudes e de instrumentación para a nova liña de «Microcréditos COVID-19», co obxecto de dar cobertura ás necesidades financeiras das empresas galegas durante a maior parte do ano 2020.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación das bases reguladoras

Modificar as bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG nº 28, do 11 de febreiro de 2020), e modificadas pola Resolución de 31 de marzo de 2020 (DOG nº 64, do 1 de abril), nos termos incluídos no anexo.

Segundo. Prazos de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes da liña «Microcréditos COVID-19» que se inclúe na epígrafe I.5. do anexo I comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:

a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 32 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro).

b) O 30 de outubro de 2020.

Terceiro. Dotación orzamentaria

Modificar a dotación orzamentaria das bases reguladoras, que queda establecida nos seguintes termos:

a) Para atender posibles falidos nos reavais concedidos ante as SGR, con cargo á partida orzamentaria 09.A1.741A.8900 para o exercicio 2020, increméntase a partida orzamentaria en 5.000.000 €, quedando establecido o crédito desta partida en 7.500.000 €.

As dotacións ao fondo de garantía de avais materializaranse cunha retención de crédito polo 10 % do importe máximo de cada reaval que conceda o Igape ante as SGR que subscriban o convenio asinado para o efecto no período de vixencia. Establécese un límite máximo total de operacións financeiras de 321.600.000 € avaladas polas SGR nun importe máximo de 300.000.000 €, cun límite máximo de reavais do Igape ante as SGR de 75.000.000 €, respectando, xunto aos restantes avais concedidos ou que poida conceder o Igape, o límite de risco establecido pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Anualmente e mentres as operacións reavaladas estean en vigor, será rexistrada ao inicio de cada exercicio unha retención de crédito na partida orzamentaria indicada, aplicando a porcentaxe de provisión ao montante de reavais vivos. Durante o exercicio, esta retención de crédito será incrementada por cada reaval concedido, e minorarase, se é o caso, en proporción aos reavais minorados conforme a información trimestral de avais vivos facilitada para tal efecto polas SGR.

b) Para as compensacións económicas ás SGR, os créditos dispoñibles nesta convocatoria increméntanse en 10.000.000 €, na partida orzamentaria 09.A1.741A.770, con un importe de 8.750.000 € para o exercicio 2020 e 1.250.000 € para o exercicio 2021, quedando establecidos en 15.000.000 €, cun importe de 13.750.000 € para o exercicio 2020, e 1.250.000 € para o exercicio 2021.

c) Para a subsidiación ao tipo de xuro, os créditos dispoñibles nesta convocatoria increméntanse en 8.150.000 €, na partida orzamentaria 09.A1.741A.7700, con un importe de 4.161.000 € para o exercicio 2020 e 3.989.000 € para o exercicio 2021, quedando establecidos en 11.750.000 €, cun importe de 5.961.000 € para o exercicio 2020 e de 5.789.000 € para o exercicio 2021.

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no 30.2º do Decreto 11/2009, e mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento

Para a liña «Microcréditos COVID-19» que se inclúe na epígrafe I.5. do anexo I, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución de concesión/denegación será de dous meses desde a recepción no Rexistro do Igape da solicitude de axuda.

Quinto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto. Contido da convocatoria

Os requisitos das letras c), e), f), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG nº 28, do 11 de febreiro de 2020).

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Modificación das bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG nº 28, do 11 de febreiro de 2020) e modificadas pola Resolución do 31 de marzo de 2020 (DOG nº 64, do 1 de abril)

A. Modificación do artigo 4 das bases reguladoras.

Modifícase o artigo 4 das bases reguladoras, engadindo o punto 12 seguinte:

«Os prazos máximos sinalados nos puntos 7 e 8 do presente artigo para a cumprimentación dos trámites por parte das SGR e das entidades de crédito poderán ser modificados para determinadas liñas de financiamento en función da súa complexidade, cando así se estableza nalgunha ou varias das modalidades incluídas no anexo I.

Así mesmo, poderán establecerse outras particularidades de tramitación para determinadas liñas de financiamento en función da súa complexidade ou das características dos beneficiarios, cando así se estableza nas correspondentes epígrafes do anexo I».

B. Modificación do artigo 10 das bases reguladoras.

Modifícase o artigo 10, Disposicións, que quedará redactado nos seguintes termos:

«Disporase dos fondos do préstamo para os destinos previstos para cada modalidade de financiamento incluída no anexo I das presentes bases e especificados na resolución de concesión.

No caso de préstamos, o período de disposición iniciarase na data de formalización da operación e finalizará coa primeira amortización, salvo que no anexo I se especifique un prazo diferente para a utilización dos fondos da operación».

C. Inclusión dunha nova liña de préstamo nas modalidades de financiamento previstas no anexo I das bases reguladoras.

Modifícase o anexo I «Modalidades de liñas de financiamento» das bases reguladoras do Marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas, publicadas mediante a Resolución do 7 de febreiro de 2020 (DOG nº 28, do 11 de febreiro de 2020), e modificadas pola Resolución do 31 de marzo de 2020 (DOG nº 64, do 1 de abril), incluíndo o punto I.5. seguinte:

I.5. Microcréditos COVID-19.

A) Obxecto.

Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para acceso a liquidez para as microempresas cuxas actividades se atopen afectadas polo actual brote do COVID-19.

B) Modalidade da axuda.

O Igape reavalará ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, dos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas ao abeiro destas bases.

O Igape subvencionará a fondo perdido un importe equivalente á suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta liña de financiamento.

C) Requisitos específicos da beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser beneficiaria desta liña de financiamento deberán ser microempresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, isto é, empresas que ocupen menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non supere os 2 millóns de euros.

Ademais, deberán formalizar un préstamo a un prazo máximo de 5 anos, que será aplicado do seguinte xeito:

1) Un mínimo do 35 % do seu principal será aplicado ao pagamento dos seguintes conceptos de gasto: pagamentos a provedores de mercadorías, materias primas e aprovisionamentos; pagamentos a acredores por prestación de servizos, arrendamentos e/ou subministracións; pagamento de nóminas e seguros sociais; gastos financeiros operativos; pagamento de impostos e primas de seguros en cobertura de riscos asociados á actividade empresarial.

2) Un máximo do 65 % poderá ser aplicado á cancelación de débedas bancarias e outros conceptos, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

– Pagamento de cotas de préstamos, leasing e/ou renting vencidas ou que venzan durante os tres meses seguintes á data de formalización.

– Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.

– Débedas bancarias vencidas, cuxo vencemento se producise con posterioridade ao 1 de marzo de 2020.

– A comisión do aval, así como as achegas ao capital das sociedades de garantía recíproca.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe.

O importe do préstamo que se avale deberá ser igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 20.000 €.

D.2) Prazo.

O prazo máximo do préstamo que se avale será de 5 anos, incluíndo 1 ano de carencia, como máximo.

D.3) Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual que poderán cobrar as entidades de crédito para as operacións de préstamo previstas nesta liña será fixo, cun máximo do 1,50 %.

D.4) Subvención ao tipo de xuro.

O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente á suma dos xuros dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagarase á beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras. No caso de amortización anticipada do préstamo, a titular deberá reintegrar ao Igape a diferenza entre os xuros aboados e o importe da subvención.

D.5) Comisións.

As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir en concepto de apertura e estudo serán do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras.

As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de aval, calculada para toda a vida da operación sobre o saldo vivo anual previsto do importe avalado e que será cobrada por anticipado; e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de achega ao capital social da SGR, que se aboará igualmente ao inicio da operación. Ambos os importes poderán ser financiados co préstamo avalado. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez que remate a súa relación coa SGR.

D.6) Garantías.

A garantía a favor das entidades de crédito será o aval da SGR polo 100 % do risco.

As contragarantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

E) Particularidades na tramitación das operacións acollidas a esta liña.

E.1) Para formular a solicitude, presentar declaracións responsables ou comunicacións, interpoñer recursos, desistir de accións e renunciar a dereitos relacionados co expediente de axuda, a beneficiaria poderá apoderar terceiras persoas, e, en particular, as entidades colaboradoras, tanto entidades de crédito como SGR.

E.2) Os prazos máximos establecidos no puntos 7 e 8 do artigo 4, para que as entidades colaboradoras, tanto entidades de crédito como SGR, comuniquen ao Igape a través da Extranet de entidades colaboradoras (http://extranet.igape.es) a súa decisión sobre a concesión da operación financeira, será de 20 días hábiles desde a recepción da solicitude.

F) Prazo de disposición.

O máximo prazo de disposición e aplicación do préstamo ás finalidades previstas finalizará aos 6 meses desde a data de formalización do préstamo.

G) Xustificación de finalidades.

A xustificación de finalidades do préstamo prevista no artigo 11 das bases deberá presentarse no prazo de 4 meses desde a data da total disposición do préstamo ou, na súa falta, desde o fin do prazo máximo de disposición do préstamo.

O Igape poderá requirir, coa forma e o procedemento descrito no artigo 11, que a titular achegue a seguinte documentación dixitalizada xustificativa da aplicación do préstamo:

– Extracto da conta bancaria en que se aboase o importe do préstamo, comprensivo do período comprendido entre a primeira disposición ata a total utilización do saldo disposto para a súa aplicación ás finalidades.

– Facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto pagado cos recursos procedentes do préstamo. Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

– Nóminas e xustificantes dos importes correspondentes a retencións e ingresos á conta do IRPF e Seguridade Social afrontados co préstamo.

– Xustificantes bancarios de pagamento de todos os gastos pagados co préstamo.