Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 14 de xullo de 2020 Páx. 27963

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 1 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria dos premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2018/19 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional é o departamento da Xunta de Galicia que ten atribuídas esas competencias en virtude do disposto no Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

No artigo 108.1 da referida lei establécese que, sen prexuízo das competencias do Estado, a Xunta de Galicia articulará unha política en materia de axudas e bolsas ao estudo e á investigación, mediante convocatorias anuais, para garantir que todo o estudantado que cumpra as condicións para cursar estudos universitarios con aproveitamento poida acceder, en condicións de igualdade, aos estudos universitarios e poida desenvolvelos sen ser excluído por razóns económicas.

No ámbito da súa competencia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve anualmente diversas liñas de axuda ao alumnado universitario encamiñadas a favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

A promoción, desenvolvemento e mellora continua da calidade do Sistema universitario de Galicia implica, así mesmo, apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país.

O 9 de novembro de 2017 o Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou o Plan de excelencia do Sistema universitario de Galicia para o trienio 2018-2020, que permitirá dar un novo salto de calidade ás universidades galegas e seguir avanzando nun camiño de vangarda e excelencia.

O devandito plan recolle un decálogo de actuacións dirixidas á consecución deses obxectivos. Entre esas medidas, inclúense os premios de excelencia académica para o alumnado de grao que obteña as mellores cualificacións en cada curso da traxectoria académica.

Os premios de excelencia académica pretenden motivar o alumnado universitario a mellorar o seu currículo recoñecendo unha actitude de compromiso e esforzo no estudo.

Incentivar o aproveitamento académico significa seguir apostando pola construción dun Sistema universitario de Galicia excelente, competitivo e de calidade.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar os premios de excelencia académica de grao para o alumnado do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Os premios destínanse ao alumnado universitario de grao oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2018/19 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Concederase un premio por cada curso dos plans de estudos das titulacións oficiais de grao de cada centro, ao alumnado que finalizase, no curso académico mencionado no punto anterior deste artigo, os estudos de primeiro, segundo ou terceiro curso nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Para o alumnado dos graos oficiais con máis de catro cursos, segundo o plan de estudos das ditas titulacións, estenderase o premio ata o cuarto curso, para os graos de 5 anos, e ata o quinto curso, para o grao de 6 anos.

Para o alumnado dos programas de simultaneidade de graos estenderase o premio ata o penúltimo curso da organización docente.

Artigo 3. Orzamento

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, cunha contía global de 512.000 euros.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

No ámbito de aplicación desta convocatoria están incluídos:

1º. Os graos oficiais cuxos plans de estudo estean estruturados en 4, 5 ou 6 cursos académicos.

2º. Os programas de simultaneidade de graos cunha organización docente superior a 4 cursos académicos.

Artigo 5. Requisitos para obter os premios

O alumnado deberá cumprir os seguintes requisitos:

1º. Non estar en posesión dunha titulación universitaria oficial.

2º. Nos graos oficiais será necesario:

– Ter no curso académico 2018/19 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.

– Ter superado no curso académico 2018/19, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo segundo o plan de estudos de cada titulación de grao.

– Estar matriculado da mesma titulación no curso 2019/20 do seguinte curso completo que corresponda segundo o plan de estudos.

3º. Nos programas de simultaneidade de graos para os efectos da obtención deste premio será necesario:

– Ter no curso académico 2018/19 unha nota media igual ou superior a 8 puntos.

– Ter superado no curso académico 2018/19, con aproveitamento excelente, a totalidade dos créditos correspondentes ao curso completo segundo o programa de simultaneidade.

– Estar matriculado do mesmo programa de simultaneidade no curso 2019/20 do seguinte curso completo que corresponda segundo o programa de simultaneidade.

4º. A nota media do curso completo obterase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data do 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no Diario Oficial de Galicia foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro) e na Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Universidades, pola que se dispón a publicidade do acordo da Comisión de seguimento do protocolo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración de expedientes académicos.

5º. No cálculo da nota media do curso completo non se terán en conta as cualificacións recoñecidas, validadas ou adaptadas.

6º. Para os efectos da obtención do premio non terán a consideración de materias recoñecidas as superadas en condición de mobilidade regulada a través dun convenio onde conste o recoñecemento para efectos plenos.

7º. Así mesmo, tampouco terán a consideración de materias recoñecidas aquelas que se obtivesen pola participación nas actividades previstas no artigo 12.8 do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais (BOE núm. 260, do 30 de outubro).

8º. Entenderase que cumpren os requisitos de estar matriculadas no curso completo aquelas persoas que, por un excepcional aproveitamento académico, lles reste para finalizar os seus estudos un número de materias inferior ao curso completo.

9º. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varias persoas, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1ª. Maior número de matrículas de honra.

2ª. Maior número de sobresalientes.

3ª. Maior número de notables.

Artigo 6. Dotación do premio

1. Cada persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

2. No caso de existir remanente de crédito, as persoas premiadas que teñan unha nota media igual ou superior a 9 puntos recibirán unha contía complementaria de 500 euros, comezando desde os expedientes con maior nota media.

Artigo 7. Procedemento para a determinación dos premios: obrigas das universidades

1. Os premios outorgaranse de oficio por proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. O órgano competente en materia de xestión académica de cada unha das universidades do Sistema universitario de Galicia remitirá á Secretaría Xeral de Universidades, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, a súa proposta mediante a certificación incluída como anexo I desta orde, na cal constan os datos correspondentes ás persoas coa nota media máis alta en cada un dos cursos dos plans de estudos oficiais de grao de cada centro, así como dos programas de simultaneidade de grao.

Ao día seguinte de finalizado ese prazo, as universidades publicarán na súa páxina web a relación das persoas propostas para recibir o premio.

3. As universidades do Sistema universitario de Galicia, unha vez determinadas as persoas que cumpren os requisitos establecidos nesta orde, deberán:

1º. Publicar na páxina web da universidade, no prazo establecido no punto segundo deste artigo, a relación do alumnado seleccionado. Nela, indicarán a necesidade de manifestar a súa aceptación expresa á Secretaría Xeral de Universidades no prazo dun mes desde a dita publicación, utilizando para iso o anexo II desta orde, advertíndolles que, de non presentala nese prazo, entenderase que renuncian ao premio.

2º. As persoas propostas deberán presentar obrigatoriamente a súa aceptación expresa por medios electrónicos a través do formulario PR004, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

4. As universidades presentarán obrigatoriamente a súa proposta, realizada segundo o anexo I, á Secretaría Xeral de Universidades por medios electrónicos a través do formulario PR004, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

5. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Proposta de resolución

Unha vez analizada a documentación remitida polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades elevará un informe-proposta á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 9. Resolución

1. A resolución incluirá a listaxe das persoas beneficiarias dos premios e a contía destes.

2. A resolución de concesión dos premios publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pola que se entenderán notificadas, para todos os efectos, as persoas premiadas. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: www.edu.xunta.gal

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira e Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 10. Pagamento

O aboamento dos premios farase efectivo mediante libramento único e directo na conta bancaria indicada polo/a alumno/a, no anexo II da orde.

Artigo 11. Compatibilidade e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. As persoas beneficiarias deberán devolver o premio no caso de que se probe que foi outorgado indebidamente.

Artigo 12. Réxime xurídico

En todo aquilo que non se prevexa nestas bases é de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no seu artigo 3.1, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais solicitados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ANEXO I

……………………………………………, ...... da Universidade de ………….....……………

Certifico:

Que o alumnado que se relaciona a continuación cumpre os requisitos exixidos no artigo 5 da orde de convocatoria, polo que se propón para ser beneficiario dos premios de excelencia académica nas titulacións e cursos indicados.

Titulación

Campus

Curso polo que acada o premio

Alumno/a

DNI

Nota media

......., ....... de ...... 2020

missing image file

missing image file

Secretaría Xeral de Universidades

ANEXO II

PREMIOS DE EXCELENCIA ACADÉMICA AO ALUMNADO DE GRAO UNIVERSITARIO OFICIAL QUE OBTIVESE AS MELLORES CUALIFICACIÓNS NO CURSO 2018/19 NAS UNIVERSIDADES DO SUG

DOCUMENTO

AUTORIZACIÓN DO/DA ALUMNO/A

DATOS DO/DA ALUMNO/A

NOME

PRIMEIRO APELIDO

SEGUNDO APELIDO

NIF

NOME DA VÍA

NÚMERO

BLOQUE

ANDAR

PORTA

CP

PROVINCIA

CONCELLO

LOCALIDADE

TELÉFONO

TELÉFONO MÓBIL

CORREO ELECTRÓNICO

EXPOÑO:

1. Que, con data do ... de ........... de 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional pola que se convocan os premios de excelencia académica ao alumnado de grao universitario oficial que obtivese as mellores cualificacións no curso 2018/19 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. Que, segundo o artigo 7 da orde de convocatoria, os premios outorgaranse de oficio a proposta das universidades do Sistema universitario de Galicia.

3. Que, en virtude do anterior, a Universidade de ... proponme para o premio de excelencia académica no ...... curso do grao en ................................................

4. Que, autorizo a  UDC,  USC,  Uvigo que remita á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional os meus datos para a concesión do premio e a súa posterior inclusión na resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia e na web da referida consellería.

5. Que non estou en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior á correspondente aos estudos para os que recibo o premio.

6. Que acepto o premio e autorizo a que se me ingrese o seu importe na seguinte conta bancaria:

Datos bancarios

Titular da conta (premiado)

Número da conta bancaria (24 díxitos)

IBAN

7. Declaro, baixo a miña responsabilidade, que son certos todos os datos contidos nesta autorización.

............................, ..... de ....... 2020

Asdo.:

missing image file

missing image file

Secretaría Xeral de Universidades