Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 14 de xullo de 2020 Páx. 27973

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2020 pola que se acorda a reapertura das residencias xuvenís, albergues e campamentos xuvenís e das residencias de tempo libre.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública xerada pola expansión do coronavirus COVID-19 a nivel de pandemia internacional. As distintas administracións, organismos e institucións, nacionais e internacionais, tiveron que adoptar medidas drásticas e urxentes para a prevención e a loita contra a pandemia.

Neste sentido, o 12 de marzo de 2020, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o acordo polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Con data do 14 de marzo de 2020 publícase no Boletín Oficial del Estado número 67 o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

No eido dos servizos á xuventude e servizos sociais, en atención á protección que se debe prestar á poboación, acordouse a suspensión de toda a actividade nas residencias xuvenís, albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e nas residencias de tempo libre.

Tras os escenarios de contención e mitigación da pandemia, a tendencia decrecente no número de novos casos fixo posible o inicio da etapa de desaceleración, ao abeiro do Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Durante esta etapa foi necesario planificar a suspensión progresiva adecuada das medidas establecidas nas fases de contención e mitigación que, aínda que se mostraron efectivas para diminuír o número de contaxios, ao favoreceren o distanciamento social, ocasionan un impacto nas persoas usuarias das residencias xuvenís, albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e das residencias de tempo libre.

O antedito Real decreto lei 21/2020, do 9 de xuño, no capítulo II referido ás medidas de prevención e hixiene, establece no seu artigo 10, respecto dos servizos sociais, que os titulares dos centros deben dispor de plans de continxencia por COVID-19 orientados á identificación precoz de posibles casos entre persoas usuarias e traballadoras e os seus contactos, activando de ser o caso caso os procedementos de coordinación coa estrutura do servizo de saúde que corresponda. Así mesmo, no seu artigo 16, respecto doutros sectores de actividade, establece que as administracións competentes deberán asegurar o cumprimento por parte dos titulares de calquera outro centro, lugar, establecemento, local ou entidade que desenvolva a súa actividade nun sector distinto dos mencionados nos artigos anteriores, ou polos responsables ou organizadores dela, cando poida apreciarse risco de transmisión comunitaria da COVID-19 consonte o establecido no artigo 5 das normas de capacidade, desinfección, prevención e acondicionamento que aquelas establezan. En todo caso, deberase asegurar que se adopten as medidas necesarias para garantir unha distancia interpersoal mínima de, polo menos, 1,5 metros, así como o debido control para evitar as aglomeracións. Cando non sexa posible manter esa distancia de seguridade, observaranse as medidas de hixiene adecuadas para previr os riscos de contaxio.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, recolle no punto 4 do seu anexo as medidas específicas respecto de centros, servizos e establecementos sanitarios e de servizos sociais. En concreto, o punto 4.3.b), d) e e) establece que permanecerán pechados, mentres non se dite resolución da consellería competente en materia de política social que acorde a súa reapertura, as residencias de tempo libre, os albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e as residencias xuvenís.

Durante o mes de xuño de 2020, para as residencias xuvenís, albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e as residencias de tempo libre, elaboráronse os plans de continxencia dos centros con base nos protocolos relativos ao levantamento gradual das medidas de confinamento nas residencias xuvenís, albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e as residencias de tempo libre, relativos á súa reapertura, e dotáronse dos medios e equipamentos de prevención e protección precisos para desenvolver a actividade con seguridade.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, ao abeiro do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 e en vista da situación epidemiolóxica en Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a reapertura das residencias xuvenís, albergues e campamentos xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e das residencias de tempo libre na Comunidade Autónoma de Galicia a partir do día 15 de xullo de 2020.

Segundo. Para os efectos do restablecemento dos servizos que se prestan nos centros, o proceso de reapertura realizarase seguindo as medidas, indicacións e recomendacións recollidas no seu plan de continxencia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social