Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 17 de xullo de 2020 Páx. 28475

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 15 de xullo de 2020 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada para o día 20 de xullo no Hospital Juan Cardona de Ferrol.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

O comité de folga designado pola representación do persoal do Hospital Juan Cardona de Ferrol comunicou a convocatoria dunha folga que se desenvolverá entre as 00.00 horas e as 24.00 horas do día 20 de xullo de 2020, dirixida a todos os traballadores/as que desenvolven a súa actividade no dito centro. Polo que a determinación dos servizos esenciais contidos nesta orde se realiza atendendo ás devanditas circunstancias.

Con base no que antecede e logo da audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E, ao propio tempo, responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características da actividade dispensada.

Por iso se manteñen os servizos mínimos necesarios para garantir a asistencia imprescindible a doentes hospitalizados/as, así como a atención urxente e permanente que non pode aprazarse sen consecuencias negativas para a saúde.

De acordo coa motivación anterior, establécense os seguintes criterios reitores para o mantemento dos servizos esenciais na institución afectada pola folga, no que resulte de aplicación ao dito centro:

a) Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nos seguintes ámbitos:

– Servizos de urxencias e gardas médicas.

– Quirófanos urxentes para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervención cirúrxica inaprazable.

– Salas de partos.

Nas áreas sinaladas é imprescindible a cobertura do 100 % da actividade urxente, dado que non é posible prever as necesidades por non tratarse dunha actividade programable. Debido a que nestes casos é preciso dar unha resposta asistencial inmediata, ten que manterse a cobertura asistencial establecida nos supostos de urxencia.

2. Cobertura do 100 % da actividade nas seguintes áreas:

– Unidades de reanimación.

– Unidades de coidados intensivos, de adultos ou pediátricas e unidades coronarias, de ser o caso.

– Área de diálise.

– Área de tratamentos oncolóxicos (radioterapia, hospital de día).

As unidades de reanimación de coidados intensivos precisan manter a súa cobertura habitual, pois teñen que dar resposta aos quirófanos e ás posibles urxencias que, pola súa gravidade e ante unha posible falta axeitada de resposta, porían en perigo a vida dos/das pacientes.

No caso da diálise e os tratamentos oncolóxicos, a súa demora ou aprazamento poden comportar un agravamento importante dos/das pacientes. Neste senso, as descompensacións do equilibrio hidroelectrolítico por ausencia de tratamento renal substitutivo e a suspensión do tratamento antineoplásico teñen un papel fundamental no aumento de morbilidade dos/das doentes.

3. Cobertura da actividade cirúrxica dos/das pacientes, tanto hospitalizados/as como ambulatorios/as, con respecto ás patoloxías que poñan en perigo a súa vida ou agraven o seu estado de saúde, en especial procesos neoplásicos.

Nestes casos a morbilidade e o prognóstico dos/das pacientes poderían agravarse de forma significativa se se modificase a planificación realizada. A historia natural de moitas enfermidades graves e oncolóxicas pode evitarse dando a resposta más áxil posible.

4. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir a atención urxente dos/das doentes hospitalizados/as e as altas clínicas.

Os/as pacientes ingresados/as precisan do control axeitado que permita asegurar o seguimento da súa evolución e a supervisión do tratamento, evitando estadías innecesarias que puidesen modificar o complicar a dita evolución. A hospitalización é axeitada nos casos en que a situación clínica do/da paciente o determina, e a súa prolongación innecesaria pode ter implicacións clínicas prexudiciais.

5. No ámbito de consulta, así como das interconsultas dos/das pacientes hospitalizados/as que o requiran, atenderanse as consideradas como urxentes ou preferentes, no criterio do persoal facultativo. Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das doentes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático, incluídos/as os/as doentes desprazados/as.

Dada a gran variedade das patoloxías que se atenden nun centro sanitario, establécese como criterio de urxencia ou de realización ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia do/da enfermo/a. Con isto garántese a necesaria asistencia sanitaria que debe prestarse aos/ás doentes para tentar evitar complicacións e manter o seguimento necesario das súas patoloxías.

6. Garantirase, así mesmo, a realización de determinacións e probas complementarias urxentes e as que se refiren aos/ás pacientes hospitalizados que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, entendéndose incluídas as dos/das pacientes con neoplasias malignas.

Ao igual que no caso anterior, á vista da gran variedade de patoloxías que se atenden nun centro hospitalario, establécese como criterio de urxencia ou de dispensación ineludible o do persoal facultativo responsable da asistencia do enfermo/a. Os atrasos na realización destas probas poden comprometer a situación clínica da persoa doente.

7. Garantirase a prescrición de sangue, medicamentos e produtos sanitarios.

Dada a gran variedade de patoloxías que se atenden nun centro sanitario, establécese como criterio de urxencia ou de dispensación ineludible o do/da facultativo/a responsable da asistencia da persoa enferma. As demoras na dispensación dos hemoderivados e os medicamentos poden comprometer a situación clínica do/da paciente.

8. Garantirase a atención necesaria a pacientes subsidiarios/as de hospitalización a domicilio e coidados paliativos.

No caso da hospitalización a domicilio requírese garantir a prestación asistencial, ao igual que nun ingreso convencional. No que atinxe aos coidados paliativos, dado o limitado prognóstico vital e a complexidade da situación clínica dos/das pacientes, tense que garantir o nivel de coidados necesario.

b) Persoal sanitario non facultativo:

Respecto a este colectivo, a xustificación dos criterios reitores obedece substancialmente ao xa sinalado para o caso do persoal médico, dado que a asistencia debe ser necesariamente realizada en equipo, sen poder levarse a efecto sen a colaboración do conxunto dos/das profesionais implicados/as.

1. Cobertura do 100 % da actividade urxente nun triplo ámbito:

– Servizos de urxencias.

– Quirófanos urxentes (xerais e de tocoloxía) para a atención dos/das usuarios/as que requiran intervencións cirúrxicas inaprazables.

– Salas de partos.

2. Na área de hospitalización establecerase o número necesario para garantir os coidados dos/das pacientes hospitalizados/as, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

3. No ámbito das consultas estableceranse servizos mínimos nun dobre ámbito:

– Apoio á atención das consultas especializadas consideradas como urxentes ou preferentes.

– Así mesmo, atenderanse as consultas inaprazables dos/das pacientes oncolóxicos/as que requiran tratamento citostático e dos/das pacientes desprazados/as.

4. No ámbito dos servizos centrais, garantirase a realización das probas complementarias urxentes e as que se refiran aos/ás doentes hospitalizados/as que, no criterio do persoal facultativo, sexan necesarias e inaprazables, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

5. Garantirase a dispensación de medicamentos, hemoderivados e produtos sanitarios, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

6. Unidades especiais: o número necesario para garantir o coidado dos/das pacientes, en correspondencia cos efectivos dun domingo ou festivo.

c) Persoal non sanitario:

1. Urxencias: un número de efectivos que garanta a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Na liña indicada para outros colectivos, os dispositivos de urxencias constitúen un servizo vital de atención ininterrompida as 24 horas e todos os días do ano, sendo imprescindible para a prestación do servizo a existencia de persoal de apoio ao sanitario.

2. Área de hospitalización: un número de efectivos equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nesta área é necesaria una prestación continuada do persoal non sanitario equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerándose que por debaixo desas presenzas non se garante a atención aos doentes ingresados/as.

3. Cita previa: un número de efectivos que garanta a atención ao/á paciente que o requira, cun mínimo dun efectivo e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

A situación é variable en función das particularidades dos servizos, polo que ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, é preciso manter os mínimos servizos de atención nesta área ás persoas usuarias.

4. Atención ao paciente: un número de efectivos que garanta a atención ao/á doente que o requira, cun mínimo dun efectivo por centro e ata un máximo do 50 % dos efectivos da quenda.

Ao igual que no caso anterior e debido á diferente casuística da organización e infraestruturas dos servizos, perante una situación de folga e as incidencias que dela poidan derivar, cómpre establecer uns mínimos efectivos de atención nesta área, fundamental no apoio ás persoas usuarias e na resolución das problemáticas propias deste ámbito.

5. Servizos de mantemento: un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nestas áreas de traballo, das cales depende o funcionamento de todas as instalacións e equipamentos do centro, é necesaria una prestación continuada equivalente aos efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, considerándose que por debaixo desas presenzas non se garante a prestación dun servizo mínimo que garanta o axeitado funcionamento das instalacións e equipamentos.

6. Servizo de lavandaría e lenzaría: un número equivalente ao dos domingos e festivos.

Nestas áreas de traballo é preciso garantir a dispoñibilidade de roupa de doentes e lenzaría para camas e padiolas, así como a dotación de roupa para o persoal que debe traballar en áreas críticas, urxencias e quirófanos, e tamén para resolver as cuestións puntuais que se precisen para una prestación axeitada dos servizos. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, sendo preciso manter unha actividade que garanta a non rotura de stocks de roupa nas unidades.

7. Limpeza: ata o 50 % dos efectivos da quenda.

Neste ámbito é preciso garantir, por mor da hixiene necesaria para a prestación dos servizos sanitarios, que as instalacións estean en perfectas condicións de limpeza e hixiene, no que atinxe a zonas de hospitalización de doentes, vestiarios de persoal, áreas críticas, servizos de urxencias e quirófanos, así como nas zonas comúns de uso xeral, pois as eventuais diminucións dos parámetros de limpeza nalgunha delas poden incidir directamente tamén nas outras.

8. Hostalaría: un número mínimo igual ao dos domingos ou festivos.

Nestas áreas de traballo é preciso garantir a dispoñibilidade de alimentos dos/das doentes e do persoal de garda. Considérase que os mínimos necesarios para a súa atención son os efectivos que de xeito habitual prestan servizo nos festivos e domingos, garantindo en todo caso o persoal imprescindible para preservar un mínimo funcionamento da cadea de elaboración, empratado, distribución e recollida de comidas e utensilios.

9. Servizos administrativos:

– Información: o número de profesionais necesarios para garantir a debida información aos/ás pacientes.

Ante una situación de folga e coas incidencias que dela poden derivar, é preciso manter unha mínima dotación para prestar atención e información ás persoas usuarias.

– Persoal: o número imprescindible para garantir a atención das incidencias e xestións derivadas da folga.

Nunha xornada de folga, os servizos de recursos humanos deben asumir unha serie de tarefas específicas relacionadas con ela e coa propia xestión dos servizos mínimos, incluíndo a recompilación de información, resolución de incidencias, etcétera, que fan que nesa xornada sexa preciso manter una dotación mínima que permita realizar todas esas xestións, ademais daqueloutras tarefas ordinarias pero que non admitan demora.

– Subministracións: o número imprescindible para garantir os pedidos urxentes.

Nesta área de traballo cómpre garantir a dispoñibilidade de todo tipo de material, sanitario e non sanitario, para a correcta atención dos/das doentes ingresados/as e dos/das atendidos/as no servizo de urxencias. Para iso é preciso manter una dotación de efectivos nas unidades administrativas encargadas da tramitación e xestión dos pedidos de material.

– Almacén: un número imprescindible para a xestión do almacén.

Nesta área de actividade, ao igual que no caso anterior, é preciso manter una dotación de efectivos no almacén encargados da xestión dos pedidos de material que inclúe a súa preparación e envío á unidade de subministracións.

– Contabilidade: un número imprescindible para as xestións urxentes.

É necesario garantir a tramitación e xestións de carácter urxente, relacionadas coas tarefas administrativas de contabilidade, no que atinxe ás actuacións derivadas da atención sanitaria a pacientes de aseguradoras e compañías privadas que sexan atendidos/as e que non teñan dereito á prestación sanitaria gratuíta. Así mesmo, débese garantir a posibilidade de realización das tarefas urxentes concretas que poidan ser requiridas.

– Persoal das tecnoloxías da información e das comunicacións (TIC) e doutras áreas de traballo ou servizos: establecerase con carácter xeral un número equivalente ao dos domingos ou festivos.

Nas restantes áreas de actividade en que sexa necesaria unha prestación continuada dos servizos para o seu correcto funcionamento, e que nese sentido xa dispoñen de persoal os domingos e festivos, os mínimos necesarios son os que de xeito habitual prestan servizo nos ditos días, considerándose que por debaixo das citadas presenzas non se garante a prestación de servizo mínimo que garanta o axeitado funcionamento dunha institución sanitaria.

Artigo 2

A determinación do persoal necesario con base nos criterios anteriores faraa a dirección da institución, debendo estar a súa fixación adecuadamente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección do centro e notificada aos profesionais designados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a traballador/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

No anexo desta orde recóllese o número de presenzas mínimas establecido para cubrir a xornada de folga.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías das persoas usuarias dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, así mesmo, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Centro: Hospital Juan Cardona

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Xornada partida mañá

tarde

Persoal facultativo

8

6

5

1

Persoal sanitario non facultativo

30

25

15

13

Persoal non sanitario

18

9

1

– En facultativos/as inclúense como sumandos gardas de presenza física e localizadas.