Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 17 de xullo de 2020 Páx. 28451

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de xullo de 2020 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, con domicilio na rúa Andalucía, 10, en Cangas do Morrazo (Pontevedra),

Feitos:

1. O 3 de xuño de 2020, Galo Alberto Martínez Nieto, presidente do Padroado da fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia constituírona en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 2 de marzo de 2020, ante o notario José Luis Espinosa de Soto, co número de protocolo 378, Galo Alberto Martínez Nieto e Jacobo Francisco Martínez Nieto, que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a organización e o desenvolvemento do Museo do Videoxogo (Muvi), que aborde dun xeito integral a historia do videoxogo a través de todos os dispositivos de hardware e software que conforman a súa colección, cunha particular atención ao sector do videoxogo de Galicia, e utilizando o galego como lingua vehicular de todas as actividades desenvolvidas pola entidade.

4. O Padroado inicial da fundación está formado por Galo Alberto Martínez Nieto, como presidente; María Luz Castro Pena, como vicepresidenta; David Sampedro Pena, como secretario; Jacobo Francisco Martínez Nieto, como director executivo; e Roberto Carracelas Nieto, Rubén Santos Lemos, Carlos Pereiro Fernández e Rafael Davila Rama, como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 29 de xuño de 2020,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interporse previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza