Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 17 de xullo de 2020 Páx. 28454

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se regula o procedemento de rexistro de liñas eléctricas de distribución de baixa tensión (código de procedemento IN407D).

A ITC-BT-04 do Regulamento electrotécnico para baixa tensión, aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, establece a obriga de inscribir as instalacións eléctricas de baixa tensión no correspondente rexistro ante o órgano competente da Comunidade Autónoma.

Dentro das instalacións que se inclúen no regulamento anterior figuran as liñas de distribución de baixa tensión. Dadas as súas especiais características (xa que son titularidade de empresas distribuidoras), faise conveniente o seu tratamento diferenciado mediante a habilitación dun novo procedemento, máis conforme coas necesidades do sistema eléctrico e a súa regulación específica.

Por outra banda, a Instrución 2/2012, do 22 de maio, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ditan normas para a autorización da posta en servizo de instalacións eléctricas e para os procedementos de tramitación administrativa das instalacións de distribución de baixa tensión, dispón que na tramitación administrativa das instalacións de distribución de baixa tensión só será preciso o rexistro da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Obxecto.

Regular e dar publicidade ao modelo de solicitude do procedemento de rexistro de liñas eléctricas de distribución de baixa tensión, conforme o indicado na ITC-BT-04 «Documentación e posta en servizo das instalacións», aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, procedemento IN407D, que se recolle no anexo I desta resolución.

2. Destinatarios.

Este procedemento está dirixido ás empresas distribuidoras de enerxía eléctrica titulares de liñas eléctricas de distribución de baixa tensión.

3. Prazo de presentación.

O procedemento IN407D é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese empregar dende o día seguinte ao da publicación desta resolución.

4. Forma de presentación das solicitudes para o procedemento IN407D.

As persoas interesadas presentarán as devanditas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado do anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta as ditas solicitudes presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Notificacións.

1º. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2º. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3º. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran as súas obrigas de relacionarse por medios electrónicos.

4º. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5º. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Trámites posteriores.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación do procedemento IN407D deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais obtidos neste procedemento IN407D serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

8. Especificidades do procedemento IN407D.

a) O procedemento IN407D regula a solicitude de rexistro de liñas eléctricas de distribución de baixa tensión que deberán empregar as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica que sexan titulares destas instalacións, anexo I: IN407D.

b) O procedemento IN407D de rexistro de liñas eléctricas de distribución de baixa tensión é un procedemento electrónico de prazo aberto. A solicitude de rexistro dirixirase á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, a Xefatura Territorial) onde se atopen implantadas as instalacións.

c) Estas instalacións deberán ser rexistradas polas empresas distribuidoras de enerxía eléctrica titulares destas. Poderán presentarse en proxectos conxuntos, agrupadas por concellos ou provincias, e presentados periodicamente en función do seu volume (mínimo unha vez por ano).

d) As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

• Proxecto técnico das instalacións (visado ou con declaración responsable).

• Certificado de dirección de obra (visado ou con declaración responsable).

• Certificado da instalación.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requiririda para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

e) Durante o primeiro trimestre de cada ano as empresas distribuidoras deberán achegar como documentación separada un ficheiro shape cos datos de toda a súa rede de baixa tensión en funcionamento .

f) Comprobación de datos.

Para a tramitación do procedemento IN407D consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF da persoa xurídica solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

g) Unha vez presentada a solicitude, o rexistro devolverá automaticamente un xustificante de recepción das instalacións rexistradas. A xefatura territorial correspondente poderá requirir emenda da documentación presentada se o considera necesario. As citadas notificacións practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

h) O formulario de solicitude ten as opcións de inscrición/modificación/baixa/emenda/corrección erros.

i) As taxa administrativa aplicable para as opcións de inscrición e modificación é a 32.19.15 e para opción de baixa é a 32.19.80. Para as opcións de emenda ou corrección de erros non se aplica ningunha taxa.

9. Actualización de modelos normalizados.

Os modelos normalizados aplicables na tramitación deste procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

missing image file
missing image file
missing image file