Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 17 de xullo de 2020 Páx. 28496

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2020 pola que se modifica a Resolución do 20 de marzo de 2019, pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2019.

O 5 de abril de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 67 a Resolución do 20 de marzo 2019 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento CT403B).

A Axencia das Industrias Culturais, sendo sensible ao impacto producido pola pandemia nas artes escénicas, a través da Consellería de Cultura e Turismo, elevou ao Consello da Xunta de Galicia, para a súa valoración, as propostas relativas a aqueles expedientes de subvencións para os que se propoñía a súa continuidade, así como de modificacións das que estaban en execución por estaren vinculados con carácter maioritario ao funcionamento de servizos públicos esenciais e á protección do interese xeral.

O Acordo do 24 de abril de 2020 determinou a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

O día 30 de abril de 2020, por acordo do Consello da Xunta de Galicia, apróbase o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, que adopta un paquete de medidas dirixidas ao sector cultural co obxectivo de paliar esta crise e de reactivar o sector cultural e turístico e que se fixo público o día 5 de maio de 2020.

Entre as medidas que recolle o plan atópanse as medidas de apoio ás artes escénicas, o que supón unha inxección de liquidez ás empresas a través da modificación extraordinaria das convocatorias de axudas á producción escénica.

Así mesmo, no ámbito estatal, o día 6 de maio de 2020 publícase o Real decreto lei 17/2020, do 5 de maio, polo que se aproban medidas de apoio ao sector cultural e de carácter tributario para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19, adaptando as xa existentes para a protección tanto de traballadores como para as empresas, especialmente os autónomos e as pemes do sector cultural e, dentro deste, do audiovisual.

Por estes motivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da convocatoria do ano 2019 das subvencións á creación escénica.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a base primeira 1, que resulta redactada da maneira seguinte:

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e dos obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CT403B).

A finalidade das subvencións é o fomento da produción escénica, en calquera das súas modalidades e disciplinas artísticas, por parte de compañías profesionais con actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, estreada entre o 1 de abril de 2019 e o 31 de outubro de 2020. A produción deberá iniciarse no exercicio 2019 e admitirase a modalidade en liña para a estrea.

Segundo. Modificar os números 2, 3 e 4 da base décimo quinta da Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica e se convocan para o ano 2019, que quedan redactados como segue:

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e o artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado –que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, e logo da presentación da certificación do inicio dos traballos, da declaración de axudas do anexo VIII e da resolución motivada– o importe da anualidade 2019, sempre que non supere o 50 % do importe concedido, que debe estar xustificado, en todo caso, na data máxima do día 30 de novembro de 2019.

En canto á anualidade 2020, poderase aboar un pagamento anticipado que, sumado ao percibido na anualidade 2019, poida acadar ata o 90 % da subvención concedida, sen necesidade de constituír garantía para facer fronte á situación de crise provocada pola COVID-19. Para facer efectivo o pagamento anticipado, o beneficiario deberá enviar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos (anexo II), e unha memoria do estado de execución do proxecto.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo e alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios que soliciten o pagamento anticipado no ano 2020 polas dificultades producidas pola COVID-19, así como nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O prazo de xustificación da subvención será dun mes desde a data de finalización das actividades subvencionadas e rematará o 30 de novembro de 2020. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terceira. Modifícase o último parágrafo da base décimo sexta 1, que resulta redactado como segue:

– Os beneficiarios estarán obrigados a realizar, no prazo de seis meses desde a data da estrea do espectáculo, un mínimo de dúas representacións do espectáculo subvencionado (unha representación, se o espectáculo é de danza ou novo circo) co límite do 30 de novembro de 2020.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020.

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor
da Axencia Galega das Industrias Culturais