Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 17 de xullo de 2020 Páx. 28492

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2020 pola que se modifica a Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2020.

O 17 de decembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 239 a Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT215B).

O artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que se poderá aboar como pagamento anticipado nos supostos de subvencións correntes ata o 80 % do importe concedido sempre que non supere os 18.000 euros e cando supere este un 10 % adicional. Non obstante o anterior, no parágrafo 3 establece que o Consello da Xunta, logo de xustificación da necesidade, poderá autorizar a modificación da porcentaxe sinalada.

O artigo 67.4 do Decreto 11/2009 establece a posibilidade de que o Consello da Xunta exima da obriga de constituír garantía no suposto de pagamentos anticipados.

A situación provocada pola epidemia do COVID-19 e a consecuente declaración do estado de alarma polo Real decreto lei 463/2020, do 14 de marzo, o futuro incerto xerado pola pandemia está a ter un impacto nos proxectos audiovisuais que se enfronta a grandes dificultades tanto polos problemas de liquidez como pola interrupción da actividade económica que impiden a realización dos festivais subvencionados pola convocatoria. Por este motivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación dos formatos de celebración dos festivais e incluír os celebrados en liña, a posibilidade de reformular as solicitudes presentadas así como percibir pagamentos anticipados coa exención da constitución de garantías na convocatoria do ano 2020 das subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e incluír como gastos subvencionables aqueles que foron realizados antes da declaración do estado de alarma e que non son recuperables.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Modificar as bases da Resolución do 25 de novembro de 2019 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a festivais do sector audiovisual celebrados en Galicia e se convocan para o ano 2020, da forma seguinte:

Primeiro. A base primeira que regulamenta o obxecto da subvención, o punto 2 resulta redactado como segue:

«2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia incluídos os que se celebren en liña».

Segundo. A base sexta que regulamenta os requisitos dos festivais para poder optar as axudas o punto 1.a) queda redactado como segue:

«a) Celebrarse nas datas comprendidas entre o 1 de novembro de 2019 ata o 30 de novembro de 2020. No dito cómputo enténdense incluídos tanto o 1 de novembro do ano da publicación da convocatoria así como o 30 de novembro do seguinte».

Terceiro. A base sétima que regulamenta o procedemento, créditos, contías e límites o punto 5 queda redactada como segue:

«5. A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través da correspondente convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local e do 80 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable».

Cuarto. Á base décimo terceira que regulamento a Instrución do procedemento, engádese o punto 3 que resulta redactado como segue:

«3. De conformidade co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior a que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario á reformulación da súa solicitude presentando un anexo III que poderán obter no enderezo web https://sede.xunta.gal/doc-invia/rest/anexos/88988 e unha memoria detallada do novo proxecto para axustar os compromisos e condicións económicas á subvención outorgable.

A citada documentación presentarana de conformidade co establecido na base oitava punto catro das bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 25 de novembro de 2019 (Diario Oficial de Galicia, núm. 239, do 17 de decembro).

En calquera caso, a reformulación de solicitudes respectará o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos na convocatoria».

Quinto. A base décimo novena que regulamenta o pagamento e xustificación os puntos 3 e 4 parágrafo d) e e) resultan redactados como segue:

«3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, quedarán exentos da constitución de garantía, de conformidade co artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando así o acorde o Consello da Xunta. Quedan exonerados, así mesmo, da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro».

«4. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

d) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión (que presentarán todo tipo de beneficiarios). Esta documentación non será exixible para os que celebren o festival en liña.

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas etc.), ou certificados de asistencia de público. Esta documentación non será exixible para os que celebren o festival en liña».

Sexta. A base décimo sexta, punto un e dous, que resultan redactados como seguen:

«1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e do informe da comisión avaliadora, ditará a proposta de resolución provisional, debidamente motivada, que deberá notificarse aos interesados, concedéndolles un prazo de dez días para presentar alegacións.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo do 2012 (DOG núm. 164) deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución provisional».

Sétima. Á base décimo oitava que regulamenta os gastos subvencionables, engádese o parágrafo j), que resulta redactado como segue:

«j) Aqueles gastos incorridos anteriormente e non recuperables como consecuencia do estado de alarma decretado polo COVID-19».

Oitava. A base vixésima, que regulamenta as obrigas dos beneficiarios o parágrafo g) resulta redactada como segue:

«g) No material empregado como catálogos, publicacións, vídeos e demais material relacionadas con actividades dos festivais, tanto nos actos públicos como os celebrados en liña, os beneficiarios comprométense a facer mención expresa da colaboración da Agadic no desenvolvemento dos festivais».

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais