Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29568

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2020 pola que se establece o procedemento de concesión da tarxeta Bono turístico #QuedamosenGalicia (código de procedemento TU985B).

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Turismo de Galicia, no contexto de accións estratéxicas do Goberno galego para facer fronte ás consecuencias ocasionadas pola situación de emerxencia de saúde pública da pandemia COVID-19, impulsa o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, aprobado no Consello da Xunta do 20 de abril de 2020, en que, entre outras actuacións destinadas a apoiar os sectores cultural e turístico dun xeito integral fronte á situación de crise, recolle o establecemento de diferentes medidas encamiñadas a estimular o turismo interno, inxectar liquidez no sector e promover a súa recuperación nun momento de enorme dificultade derivado da crise sanitaria. Entre estas accións atópase o Bono turístico #QuedamosenGalicia, unha iniciativa froito da colaboración da Administración e o Clúster Turismo de Galicia para fomentar a actividade no sector turístico, que constitúe un dos eidos con maior afectación económica e de perda de emprego tras a pandemia.

Trátase de estimular a demanda turística interna en Galicia, que se instrumenta coa materialización dun bono vinculado á adquisición de servizos e prestacións turísticas en Galicia en calquera dos establecementos que se sumen ao programa, establecementos que, na condición de participantes no programa, ofrecen vantaxes e beneficios adicionais aos beneficiarios do bono.

A Axencia Turismo de Galicia considerou que o medio máis idóneo para facer efectiva esta axuda é unha tarxeta prepagamento que se lles entregará ás persoas beneficiarias.

A Axencia Turismo de Galicia, segundo o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, ten como obxectivos impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Para lograr esta finalidade a Axencia Turismo de Galicia acomete, no ámbito das súas competencias, un decidido apoio á promoción e fomento do sector turístico de Galicia a través daquelas accións que lle permiten acadar os seus obxectivos.

Polo exposto, e no exercicio das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer as condicións polas que se rexerá a concesión do Bono turístico #QuedamosenGalicia, que se fará efectivo a través dunha tarxeta prepagamento que se cargará dunha soa vez cun total de 250 €, para a súa utilización nos establecementos e/ou para as prestacións turísticas ofertadas polas empresas adheridas ao programa Bono turístico e que se atopan publicadas na web da Axencia Turismo de Galicia no portal promocional de Turismo de Galicia, https://www.turismo.gal/QuedamosenGalicia (código de procedemento TU985B).

A citada tarxeta poderá utilizarse ata o 13 de decembro de 2020, data en que este programa quedará extinguido.

O procedemento de concesión do Bono turístico é de outorgamento de subvencións en concorrencia non competititiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde de presentación de solicitudes ata o esgotamento do crédito previsto na presente resolución.

Segundo. Ámbito persoal

1. Poderán ser beneficiarias deste bono aquelas persoas empregadas públicas, tanto persoal funcionario, estatutario ou persoal laboral, fixo ou temporal, que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

a) Todo o persoal do Sistema público de saúde de Galicia, tanto dependente da Consellería de Sanidade como do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas dependentes deste organismo.

b) Persoal empregado público destinado nos centros residencias de maiores, discapacidade e menores calquera que sexa a súa categoría laboral.

2. Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa solicitante teña a condición de empregado publico das categorías establecidas no número anterior.

b) Que a persoa solicitante estivese prestando servizos dentro do período comprendido entre o 15 de marzo e o 15 de xuño de 2020.

Terceiro. Solicitudes e trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

1. Os que, atopándose incluídos no ámbito persoal desta convocatoria, desexen optar ao Bono turístico deberán presentar a súa solicitude, conforme o modelo do anexo I, obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo para a presentación de solicitudes desta convocatoria estará aberto a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución ata o dia 30 de novembro de 2020 (incluído).

O esgotamento do crédito será publicado na páxina web da Axencia Turismo de Galicia, e pasarán a formar parte dunha lista de espera aquelas solicitudes que cheguen unha vez que se esgote o crédito, para os efectos de se poderen atender no caso de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo coa orde de presentación.

3. As solicitudes presentadas ao abeiro da presente resolución terán o carácter de declaración responsable, segundo o disposto no artigo 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co dito precepto, a ocultación de datos, a falsidade na documentación entregada ou a omisión da requirida darán lugar á denegación da axuda solicitada ou á perda da concedida, coa devolución, neste último caso, das cantidades indebidamente percibidas, con independencia das responsabilidades que procedan.

4. As persoas solicitantes poderán consultar o estado da súa solicitude na mesma sede electrónica a través de «A miña sede», consultando o estado do procedemento.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– Condición de empregado público, que se comprobará de acordo coas bases de datos dos servizos de persoal das distintas consellerías.

2. Os datos incluídos nas solicitudes presentadas serán comprobados coas bases de datos de persoal das consellerías correspondentes, para garantir que as persoas solicitantes cumpren cos requirimentos recollidos no punto segundo desta resolución.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Quinto. Tramitación e instrumentalización

1. Unha vez que a persoa solicitante é confirmada como persoa beneficiaria do Bono turístico #QuedamosenGalicia, os seus datos serán remitidos á entidade ABANCA Corporación Bancaria, S.A, seleccionada como entidade colaboradora, de conformidade co establecido no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. No caso de que a solicitude non se presente debidamente cuberta ou non se confirme a persoa solicitante como beneficiara da subvención por non reunir os requisitos antes indicados, notificaráselle á persoa solicitante a súa exclusión.

Os/as interesados/as poderán recorrer contra a súa exclusión a través dun recurso potestativo de reposición ante esta Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao do recibimento desta notificación, ou ben, directamente, de recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Santiago no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao do recibimento desta notificación, de conformidade co disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. A entidade ABANCA Corporación Bancaria, S.A, unha vez que reciba a confirmación de que unha persoa é beneficiaria, procederá á estampación da tarxeta e xestión do seu envío a esta, nun prazo máximo de 7 días, coa correspondente carga de 250 € establecida na presente resolución. O envío realizarase de común acordo entre a entidade e a persoa beneficiaria.

4. A entidade colaboradora habilitará un teléfono de soporte operativo a que se poidan dirixir as persoas beneficiarias que requiran de información adicional sobre as condicións operativas da tarxeta e xestións sobre a súa operatoria, tales como solicitudes de bloqueo por perda/ roubo, solicitudes de duplicado, etc.

5. As tarxetas están sometidas a caducidade e, con carácter xeral, non poderán ser usadas máis ala do 13 de decembro de 2020.

Sexto. Financiamento e compatibilidade

1. O crédito necesario para cargar as tarxetas financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.A2.761A.480.0, código de proxecto 2015 00006, polo importe total máximo de 5.000.000 €, mediante libramentos mensuais á entidade colaboradora, ABANCA Corporación Bancaria, S.A, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes

2. A percepción do Bono turístico será compatible con calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

3. A contía percibida mediante o bono solidario estará suxeita, de ser o caso, ás retencións que legalmente lle poidan corresponder.

Sétimo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Oitavo. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

A solicitude da tarxeta Bono turístico por parte de persoal do Sistema público de saúde de Galicia, tanto dependente da Consellería de Sanidade como do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas dependentes deste organismo, require da consulta de datos da persoa solicitante incluídos no tratamento «Xestión de persoal» para os efectos de verificar a existencia da vinculación esixida. Poden consultar a información sobre este tratamento en www.sergas.es/protecciondatos ou https://www.xunta.gal/rexistro-de-actividades.

A solicitude da tarxeta Bono turístico por parte do persoal empregado público destinado nos centros residencias de maiores, discapacidade e menores, calquera que sexa a súa categoría laboral, require da consulta de datos da persoa solicitante incluídos en «Xestión administrativa dos recursos humanos» para os efectos de verificar a existencia da vinculación esixida. Poden consultar a información sobre este tratamento en https://www.xunta.gal/rexistro-de-actividades.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

A Axencia Turismo de Galicia comunicará á entidade bancaria ABANCA Corporación Bancaria, S.A. os seguintes datos relativos a cada persoa beneficiaria: nome e apelidos, número de teléfono móbil, DNI, correo electrónico e código postal do seu domicilio. Para estes efectos, os beneficiarios autorizan expresamente a Axencia Turismo de Galicia a comunicar os datos citados á entidade ABANCA Corporación Bancaria, S.A.

A entidade ABANCA Corporación Bancaria, S.A. tratará os datos que reciba da Axencia coa finalidade de vincular as tarxetas Bono turístico emitidas aos beneficiarios, para a execución do programa.

Os beneficiarios, na súa condición de persoa física titular dos datos, poderán exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, revogación do consentimento, oposición, portabilidade e limitación do tratamento no/s seguinte/s enderezo/s da entidade bancaria: Servizo de Atención ao Cliente de ABANCA, na Rúa Nova, 1, entreplanta, 15003, A Coruña; ou a través do correo atencioncliente@abanca.com, e que poderán consultar a información completa sobre o tratamento dos seus datos na política de privacidade da entidade publicada na web: https://www.abanca.com/es/legal/politica-privacidad/.

A lexitimación para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión realizada en interese público con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos. Os datos persoais proporcionados polos beneficiarios serán tratados coa finalidade de levar a cabo a tramitación xeral do programa e o desenvolvemento das prestacións derivadas del, polo que se conservarán mentres sexan necesarios para as ditas finalidades e, en todo caso, durante os prazos establecidos pola lexislación vixente. Así mesmo, determinados datos poderán ser publicados, nos termos previstos na lexislación vixente, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios, co fin de dar a publicidade legalmente exixida. Os interesados poderán solicitar o acceso, a rectificación e a supresión dos seus datos, así como exercer outros dereitos segundo se explicita na información adicional en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Contacto delegado de Protección de Datos (DPD): os interesados poderanse poñer en contacto co delegado de Protección de Datos correspondente segundo o especificado en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

As partes quedan sometidas en todo caso á normativa nacional e da Unión Europea en materia de protección de datos, e declararán documentalmente que se responsabilizan de que o tratamento de datos de carácter persoal que se realice se fará con absoluto respecto das normas de seguridade e privacidade, de acordo co establecido no Regulamento 2016/679 (UE) xeral de protección de datos, e na Lei orgánica 3/2018, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. En caso de incumprimento do estipulado, as partes serán responsables das infraccións que deriven.

Noveno. Transparencia e bo goberno.

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei  8/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

O/a director/a da Axencia Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 setembro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia

missing image file
missing image file