Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29503

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 14 de xullo de 2020 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2020/21 (código de procedemento BS403A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de servizos sociais, incluíndo entre estes o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral, así como o de garantir o apoio ás familias como marco de referencia en que se desenvolven as persoas.

Así mesmo, a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer as familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

Contar cunha educación infantil accesible e de calidade non só mellora os resultados educativos posteriores dos nenos e nenas, senón que tamén facilita a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a participación feminina no mercado de traballo. A atención das necesidades de conciliación das familias galegas é unha das áreas estratéxicas do Programa de apoio á natalidade (PAN), un programa posto en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de dar unha resposta global ás necesidades das nais e dos pais galegos de forma que se garanta o benestar das familias e estas sexan apoiadas dun xeito integral e continuo.

Dentro da área de conciliación deste programa, PAN-Concilia, unha das liñas de acción diríxese á universalización do primeiro ciclo de educación infantil, mellorando a accesibilidade deste recurso e constituíndo unha rede galega de centros de educación infantil 0-3 articulada e de calidade, como recurso educativo, dado que a educación e os coidados da primeira infancia constitúen o fundamento da educación e a formación das persoas e un piar esencial para o éxito en materia de aprendizaxe permanente, desenvolvemento persoal e empregabilidade futura.

Na procura deste obxectivo enmárcase a modificación operada a través da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas que engade no seu artigo 23.Seis unha disposición adicional novena á Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, na cal se recollen as actuacións previstas para conseguir a gratuidade da atención educativa nas escolas infantís de 0-3 anos para segundos/as fillos/as e sucesivos.

Tamén pertence a esta área do PAN o Bono concilia, unha axuda económica directa ás familias para colaborar no pagamento dunha praza nunha escola infantil privada da súa elección naqueles casos de nenos ou nenas que queden en lista de agarda nas escolas infantís públicas ou financiadas con fondos públicos, ou residan en localidades onde non existen prazas públicas, que nesta convocatoria se axusta ás novidades introducidas pola Lei 7/2019, do 23 de decembro.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúeselle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e ao regulamento que a desenvolve, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ten en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e convocalas para o curso 2020/21.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total un millón setecentos corenta e seis mil douscentos cincuenta euros (1.746.250,00 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.11, distribuído en dúas anualidades, correspondendo 635.000,00 € á parte do curso 2020/21 que se desenvolve en 2020 e 1.111.250,00 € á que se desenvolve en 2021.

2. O crédito dispoñible desconcentrarase entre as xefaturas territoriais da Consellería de Política Social en función do que resulte da aplicación dos criterios de adxudicación establecidos no artigo 11.

3. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nado ou nada con posterioridade ao 31 de decembro de 2017 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 exercendo a opción do programa Bono concilia e, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2019/20 e solicitala para a mesma nena ou neno.

5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Artigo 4. Tipo de axuda, contía e concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de once meses.

2. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte, e non poderá superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Xornada completa

Media xornada

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Atención

educativa

Atención educativa con comedor

Inferior ao 30 % do IPREM

De 0 a 161,34 €

180,00 €

250,00 €

90,00 €

125,00 €

Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM

De 161,35 a 268,91 €

180,00 €

233,00 €

90,00 €

116,50 €

Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM

De 268,92 a 403,37 €

147,00 €

200,00 €

73,50 €

100,00 €

Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM

De 403,38 a 537,83 €

115,00 €

159,00 €

57,50 €

79,50 €

Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM

De 537,84 a 672,29 €

75,00 €

109,00 €

37,50 €

54,50 €

Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM

De 672,30 a 806,75 €

55,00 €

74,00 €

27,50 €

37,00 €

Entre o 150% do IPREM e 1.000 €

De 806,76 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

22,50 €

25,50 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

22,50 €

22,50 €

3. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de cátering), e incluirá en todo caso os alimentos.

4. Para os efectos desta orde, considérase que as nenas e os nenos con necesidades específicas de apoio educativo ocupan dúas prazas. Neste caso, a axuda que resulte segundo o establecido neste artigo multiplicarase por dous.

5. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.

No caso de se percibiren outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da praza subvencionada.

As persoas solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma finalidade, usando o formulario establecido para o efecto nesta orde, o cal terán que volver achegar actualizado no suposto de variar as circunstancias inicialmente declaradas.

Artigo 5. Renda per cápita mensual

1. Para os efectos de determinación da contía da axuda desta convocatoria, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes ou persoas con relación análoga de afectividade e máis:

1º. As fillas e os fillos menores, agás que, con consentimento do/a pai/nai, vivan de xeito independente.

2º. As fillas e os fillos maiores de idade con incapacitación xudicial e patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

3º. As fillas e os fillos maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no momento de solicitude de praza.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas de cada un dos seus membros no exercicio 2018, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a dita unidade familiar.

Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal, e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

2. Cando as circunstancias na data da devindicación do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) non coincidan coas circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude da axuda, teranse en conta estas últimas, previamente xustificadas documentalmente, tanto para o cálculo da renda per cápita como para a aplicación do baremo.

3. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do IRPF.

Artigo 6. Vías de acceso ao Bono concilia e documentación necesaria

1. As persoas interesadas que se atopen nos supostos recollidos no artigo 3.1.b).4º, e 5º deberán presentar unha solicitude, segundo o modelo normalizado do anexo I, en que indiquen a opción de renovación da axuda ou de nova solicitude segundo corresponda e tamén o anexo II relativo á comprobación de datos da/do cónxuxe, parella ou outros membros da unidade familiar.

Os modelos de solicitude (BS403A) estarán dispoñibles nos enderezos electrónicos https://sede.xunta.gal e https://politicasocial.xunta.gal.

2. Nos supostos de nova solicitude xuntarase ademais a seguinte documentación:

a) Copia do libro de familia ou, na súa falta, dun documento que acredite oficialmente a situación familiar.

b) Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda, de ser o caso, cando non fose expedido pola Comunidade Autónoma galega.

c) Informe emitido polo equipo de valoración e orientación da xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social sobre a necesidade de integración na escola infantil, no caso dos nenos e nenas con necesidades específicas de apoio educativo.

d) Copia da resolución administrativa de acollemento ou garda con fins adoptivos, de ser o caso, cando estean formalizados por outra comunidade autónoma distinta da galega.

e) Xustificación de ocupación da persoa solicitante e da persoa cónxuxe ou parella no caso de persoas traballadoras que non estean no réxime xeral da Seguridade Social.

f) Se procede, os documentos en que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

1º. Certificado de discapacidade ou do grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a, do titor/a legal ou outros membros da unidade familiar cando non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2º. Certificado de convivencia e sentenza de separación ou divorcio, convenio regulador ou resolución de medidas paternofiliais, no caso de familia monoparental.

3º. Copia do título de familia numerosa, no caso de que non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Acreditación da condición de muller vítima de violencia de xénero mediante calquera dos seguintes documentos:

1º. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia dela autenticada pola/o secretaria/o xudicial.

2º. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

3º. Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local.

4º. Certificación dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local.

5º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

6º. Informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social.

3. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles as persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. As persoas interesadas que se encontren nos supostos recollidos no artigo 3.1.b).1º, 2º, e 3º optarán automaticamente ao programa do Bono concilia desde o momento en que formen parte das correspondentes listas de agarda definitivas sen ter que presentar a solicitude regulada nesta orde.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. De conformidade co establecido na normativa de protección de datos, para tramitar este procedemento consultaranse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiros da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Declaración do IRPF da persoa solicitante, do/da cónxuxe ou parella e demais membros da unidade familiar, de ser o caso, correspondente ao ano 2018.

2. Nos supostos de solicitudes de novo ingreso consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Alta na Seguridade Social na data de presentación da solicitude da persoa solicitante e da/do cónxuxe ou parella, de ser o caso.

b) Discapacidade ou grao de dependencia do neno ou nena para quen se solicita a axuda recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Acollemento ou garda con fins adoptivos do neno ou nena para quen se solicita praza formalizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Certificado de estar inscrito como demandante de emprego na data do día anterior ao da publicación desta orde, de ser o caso, da persoa solicitante e do/da cónxuxe ou parella.

e) Discapacidade ou grao de dependencia da nai/pai, acolledor/a, titor/a legal recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Situación de monoparentalidade recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Familia numerosa recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e no anexo II, segundo o caso, e achegar os correspondentes documentos acreditativos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para presentarndas solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Con carácter excepcional, poderán presentarse solicitudes pasado o prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2020, nos seguintes supostos:

a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.

b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.

c) As galegas e os galegos que retornasen a Galicia durante o ano 2020, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación da Consellería de Política Social, quen realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e para iso solicitará a colaboración dos servizos con competencia en materia de familia, infancia e dinamización demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación e prelación das solicitudes presentadas de acordo cos criterios de selección e valoración fixados nestas bases, segundo a puntuación obtida e respectando o límite orzamentario dispoñible. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

4. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requiriranse as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixeren así, se terán por desistidas da súa petición, logo de resolución, que se deberá ditar nos termos previstos no artigo 21 da mesma lei.

5. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta.

6. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria, agás os supostos establecidos no artigo 8.3.

Artigo 10. Comisións de valoración

1. Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, créase, como órgano avaliador das solicitudes, unha comisión central de valoración á cal lle serán remitidos os expedientes unha vez completos, xunto cun informe emitido por cada xefatura territorial. Esta comisión realizará a selección de acordo cos criterios de baremación de solicitudes establecidos no artigo 11.

A comisión rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no relativo aos órganos colexiados, e estará formada polos seguintes membros:

a) Presidencia: a persoa titular do servizo con competencias en materia de conciliación familiar, da Consellería de Política Social, ou persoa que a substitúa.

b) Vogais: as persoas titulares dos servizos con competencias en materia de familia, infancia e dinamización demográfica das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social.

c) Actuará como secretario/a unha persoa da subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a comisión de valoración, será substituída pola persoa designada pola Presidencia da comisión.

2. Avaliadas as solicitudes presentadas no prazo ordinario seguindo os criterios establecidos no artigo 11, a comisión de valoración emitirá un informe no cal se concrete o seu resultado, con indicación da puntuación que corresponde a cada un deles e a axuda aplicable en cada caso, segundo o cal a subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, propondo a concesión de subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

Inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola persoa interesada, poráselle de manifesto para que, no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificacións que coide pertinentes, de acordo co disposto no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. No suposto de que algunha persoa beneficiaria non acepte a axuda ou renuncie a esta, a subdirección xeral con competencias en materia de demografía e conciliación poderá formular proposta de resolución complementaria, e adxudicar o importe dispoñible ás solicitudes avaliadas pola comisión e que non acadaron axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación obtida.

4. As solicitudes presentadas pasado o prazo ordinario ao abeiro do previsto no artigo 8.3 e mais aquelas que, presentadas consonte o previsto no artigo 3.2.b) da Resolución do 27 de abril de 2020, non obtivesen praza e marcasen a opción ao programa Bono concilia, de haber crédito dispoñible, unha vez esgotada a lista de agarda das presentadas no prazo ordinario, serán avaliadas seguindo os criterios establecidos no artigo 11 e atendidas ata esgotar o dito crédito.

5. A persoa que rexeite a axuda concedida polo procedemento establecido nesta orde quedará excluída da lista de agarda a que se refire o número 4, así como da lista de agarda da escola pública, agás neste último suposto cando a renuncia estea motivada polo cambio substancial das condicións en que se concedeu a dita praza.

6. As prazas vacantes que se produzan a partir do 20 de outubro de 2020 nas escolas infantís de titularidade da Axencia Galega de Servizos Sociais ou do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar poderán ofertarse ás persoas beneficiarias da axuda do Bono concilia; neste caso poden optar por esta praza vacante ou continuar co Bono concilia.

Artigo 11. Criterios de valoración das solicitudes

1. As solicitudes presentadas avaliaranse conforme os seguintes criterios:

a) Situación sociofamiliar:

1º. Por cada membro da unidade familiar: 2 puntos.

2º. Por cada persoa que non formando parte da unidade familiar estea ao seu cargo: 1 punto.

3º. No caso de que o/a neno/a para o cal se solicita a praza nacese nun parto múltiple: 1 punto.

4º. Por cada membro da unidade familiar afectado por discapacidade, enfermidade que requira internamento periódico: 2 puntos.

5º. Pola condición de familia monoparental: 3 puntos.

6º. Por ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais: 6 puntos.

7º. Pola condición de familia numerosa: 3 puntos.

8º. Outras situacións de carácter sociofamiliar: de necesidade persoal, familiar ou social grave, debidamente xustificadas e non recollidas nos números anteriores: 3 puntos.

b) Situación laboral familiar:

1º. Situación laboral de ocupación:

1º.1. Nai: 7 puntos.

1º.2. Pai: 7 puntos.

2º. Situación laboral de desemprego:

2º.1. Nai: 2 puntos.

2º.2. Pai: 2 puntos.

3º. Persoas que desenvolvan e perciban o tramo de inserción (Risga):

3º.1. Nai: 3 puntos.

3º.2. Pai: 3 puntos.

No caso de familias monoparentais ou aquelas en que o neno ou a nena estea a cargo dunha soa persoa proxenitora, adxudicarase a puntuación da epígrafe correspondente computando por dous. Así mesmo, só se poderá obter puntuación por unha das epígrafes anteriores.

c) Renda per cápita mensual da unidade familiar referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente e calculada de acordo co establecido no artigo 5:

1º. Inferior ao 30 % do IPREM: 4 puntos.

2º. Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM: 3 puntos.

3º. Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM: 2 puntos.

4º. Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM: 1 punto.

5º. Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM: -1 punto.

6º. Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM: -2 puntos.

7º. Entre o 150 % e o 200 % do IPREM: -3 puntos.

8º. Superior ao 200 % do IPREM: -4 puntos.

d) Condición de vítima de violencia de xénero: 60 puntos.

e) Residencia en concellos onde non exista ningún recurso público de atención á infancia 0-3: 40 puntos.

2. En caso de obter igual puntuación, terán preferencia as solicitudes coa renda per cápita máis baixa.

3. Para os efectos desta orde, están a cargo da unidade familiar as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores ao IPREM vixente.

4. No caso de ausencia do fogar familiar de ambos os dous membros parentais, adxudicarase a puntuación máxima nas epígrafes b) e c).

5. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Artigo 12. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta ou propostas, de ser o caso, en uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, corresponde, por delegación, á persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da correspondente proposta.

2. A resolución fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

3. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de cinco meses, contados desde o día seguinte á data da publicación desta; transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 13. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os actos administrativos de requirimento de emenda de documentación, así como as correspondentes resolucións, sen prexuízo do disposto no artigo 46 da mesma lei. Esta publicación producirá os efectos de notificación. Adicionalmente, de forma complementaria poderase efectuar a notificación de todos actos administrativos de acordo co reflectido nos parágrafos seguintes:

a) As notificacións dos actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

b) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel).

d) As notificacións complementarias por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14 . Réxime de recursos

As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interporse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interporse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se a resolución é presunta, en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 15. Modificación da resolución de concesión

1. En todo caso, dará lugar á modificación da resolución e á minoración da contía no importe correspondente a escolarización nunha praza de custo inferior á axuda concedida.

2. De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tamén poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Unha vez concedida a subvención unicamente se pode variar o tipo de servizo subvencionado e optar ao servizo de atención educativa con comedor, con base nas seguintes circunstancias, sobrevidas e xustificadas documentalmente:

a) Pasar á situación de desemprego ou outros motivos de carácter laboral.

b) Enfermidade grave das/dos nais/pais ou representantes legais.

c) Situación de nulidade, separación ou divorcio.

Artigo 16. Pagamento e xustificación da axuda

1. Notificada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias dispoñen dun prazo de dez días hábiles para achegar á xefatura territorial correspondente:

a) Xustificante de matrícula do centro onde vai acudir a nena ou neno segundo o modelo do anexo IV, no cal deberá constar a data de comezo no centro, o horario de asistencia e o importe da mensualidade desagregado por conceptos.

b) Copia da cartilla de vacinación do neno ou nena

c) Declaración de axudas para o mesmo concepto, coa indicación da súa contía no caso de percibir algunha (anexo III). No suposto de producirse algunha variación respecto do declarado, deberá comunicarse á xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente con carácter inmediato.

Así mesmo, de non telo achegado coa solicitude, deberase indicar o número da conta corrente na que se debe ingresar a axuda.

O cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación, así como a achega do xustificante da matrícula no prazo sinalado, son imprescindibles para obter a axuda; en caso contrario a persoa interesada decaerá da súa solicitude.

2. O importe da axuda aboarase ás familias con carácter mensual.

3. O pagamento, sen prexuízo das xustificacións complementarias que se poidan exixir cando se dean circunstancias obxectivas que así o demanden e das comprobacións necesarias por parte da xefatura territorial da Consellería de Política Social, realizarase logo da presentación, orixinal ou copia cotexada, da factura mensual emitida polo centro en que conste a cota aboada e os servizos a que corresponde xunto co xustificante do seu pagamento. Esta documentación deberá ser remitida á xefatura territorial correspondente con data límite do día 20 do mes a que se refire o servizo.

4. Decaerá o dereito da persoa beneficiaria a percibir a axuda da mensualidade correspondente no caso de non presentar a documentación indicada no número anterior dentro do prazo establecido.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a cal se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

d) Subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 18. Baixas

Será causa de baixa no programa do Bono concilia, o que comportará a perda da axuda, de conformidade coa normativa do procedemento administrativo, calquera das circunstancias seguintes:

a) Non presentar o documento acreditativo de ter efectuada a matrícula no centro elixido.

b) A falta de asistencia continuada ao centro durante 15 días sen causa xustificada.

Artigo 19. Reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e de ser o caso nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das condicións impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e ás persoas beneficiarias, así como os compromisos por estas asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 107 a 109 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 20. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira. Bono concilia para nenos/as con necesidades específicas de apoio educativo

Poderá optar a axuda do Bono concilia o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que, superando a idade máxima regulamentaria, teña concedida a flexibilización da duración do período de escolarización.

Disposición adicional segunda. Bono concilia para nenos/as nados/as entre o 1 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020

As familias con nenos/as nados/as entre o 1 de decembro de 2019 e o 31 de xaneiro de 2020 que estean asistindo a unha escola infantil de titularidade privada poderán solicitar directamente a axuda do Bono concilia a través do modelo normalizado do anexo I, sen a obriga de solicitar previamente unha escola sostida con fondos públicos. No caso de que a solicitasen e a teñan concedida poderán renunciar expresamente a ela sen decaer do dereito á axuda do Bono concilia.

Disposición adicional terceira. Límite orzamentario

A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidades orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Disposición adicional cuarta. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias en relación coas subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispor os gastos en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Igualmente, apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Política Social nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social para o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento previstos no artigo 73.a) anteriormente mencionado.

Disposición adicional quinta. Publicidade

1. As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Por outra parte, de acordo co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria.

Disposición adicional sexta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

O réxime de publicidade do procedemento e dos datos identificadores das persoas interesadas axustarase ao establecido na disposición adicional quinta.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional sétima. Obriga de información das escolas infantís sostidas con fondos públicos con lista de agarda

1. Con data límite do 31 de xullo de 2020, as escolas infantís sostidas con fondos públicos que teñan en lista de agarda solicitudes que optasen polo Bono concilia dentro do prazo ordinario de solicitudes deberán cubrir os datos correspondentes na aplicación escinf. Aquelas entidades que non teñan acceso á aplicación deberanlle remitir á xefatura territorial correspondente da Consellería de Política Social a seguinte documentación:

a) Un arquivo informático coas solicitudes en agarda.

b) Unha certificación da puntuación acadada por estas solicitudes.

c) O anexo III da Resolución do 27 de abril de 2020 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, cuberto polas persoas solicitantes.

O arquivo informático e o modelo de certificación sinalados atópanse dispoñibles na páxina web https://politicasocial.xunta.gal.

2. De non presentar a documentación sinalada no prazo establecido, non se tramitarán estas solicitudes en lista de agarda coa opción deste programa, agás que se esgote a do resto de persoas candidatas ao Bono concilia.

3. Poderanse tamén achegar, con data límite do 31 de outubro de 2020, as solicitudes admitidas fóra de prazo pasado o prazo ordinario por tratarse dos supostos recollidos no artigo 3.2.b) da Resolución do 27 de abril de 2020, que non obtivesen praza e exercesen a opción do Bono concilia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file