Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29535

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 14 de xullo de 2020 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2020/21 (código de procedemento BS403A).

BDNS (Identif.): 516778.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter un fillo ou filla nado ou nada con posterioridade ao 31 de decembro de 2017 e que non cumpra os requisitos para acceder ao programa de gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

1º. Ter solicitado praza en calquera das escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.

2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/21 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2020/2021 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2019/20 e solicitala para a mesma nena ou mesmo neno.

5º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Escolarizar o neno ou nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia.

2. Para os efectos da orde, enténdese por escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos: as escolas infantís 0-3 dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais, as escolas infantís 0-3 dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as escolas infantís 0-3 e puntos de atención á infancia (PAI) dependentes das corporacións locais e as escolas infantís 0-3 dependentes das entidades privadas de iniciativa social que reciban axudas da Xunta de Galicia para mantemento do centro.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e convocalas para o curso 2020/21.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 14 de xullo de 2020 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se convocan para o curso 2020/21 (código de procedemento BS403A).

Cuarto. Financiamento e contía da axuda

1. Ás axudas obxecto da convocatoria destínase un orzamento total dun millón setecentos corenta e seis mil douscentos cincuenta euros (1.746.250,00 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.11, distribuído en dúas anualidades, correspondendo 635.000,00 € á parte do curso 2020/21 que se desenvolve en 2020 e 1.111.250,00 € á que se desenvolve en 2021.

2. A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de once meses.

3. A contía da dita axuda estará en función da renda per cápita da unidade familiar, de acordo co cadro seguinte, e non poderá superar en ningún caso o custo da praza:

Tramo de renda per cápita

Xornada completa

Media xornada

Atención educativa

Atención educativa con comedor

Atención

educativa

Atención educativa con comedor

Inferior ao 30 % do IPREM

De 0 a 161,34 €

180,00 €

250,00 €

90,00 €

125,00 €

Do 30 % ou superior e inferior ao 50 % do IPREM

De 161,35 a 268,91 €

180,00 €

233,00 €

90,00 €

116,50 €

Do 50 % ou superior e inferior ao 75 % do IPREM

De 268,92 a 403,37 €

147,00 €

200,00 €

73,50 €

100,00 €

Do 75 % ou superior e inferior ao 100 % do IPREM

De 403,38 a 537,83 €

115,00 €

159,00 €

57,50 €

79,50 €

Do 100 % ou superior e inferior ao 125 % do IPREM

De 537,84 a 672,29 €

75,00 €

109,00 €

37,50 €

54,50 €

Do 125 % ou superior e inferior ao 150 % do IPREM

De 672,30 a 806,75 €

55,00 €

74,00 €

27,50 €

37,00 €

Entre o 150% do IPREM e 1.000 €

De 806,76 a 1.000 €

45,00 €

51,00 €

22,50 €

25,50 €

Superior a 1.000 €

45,00 €

45,00 €

22,50 €

22,50 €

4. Enténdese por servizo de comedor o definido no artigo 26 do Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia. Este servizo comprenderá o xantar, que será prestado por persoal do propio centro ou contratado con tal fin (servizo de cátering), e incluirá en todo caso os alimentos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1.O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. Con carácter excepcional, poderán presentarse solicitudes pasado o prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2020, nos seguintes supostos:

a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producira un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do dito prazo.

b) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.

c) As galegas e os galegos que retornasen a Galicia durante o ano 2020, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social