Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 31 de xullo de 2020 Páx. 30234

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2020 pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2020.

A Axencia Tributaria de Galicia, desde a súa entrada en funcionamento o 1 de xaneiro de 2013, ten encomendadas as funcións aplicativas dos tributos, como instrumento ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación efectiva dos recursos ao seu cargo.

A Axencia Tributaria de Galicia persegue os seguintes obxectivos:

– Fomentar o cumprimento voluntario das obrigacións fiscais mediante accións de concienciación e sensibilización, prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte e calquera outra que, de modo directo ou indirecto, vaia encamiñada a tal obxectivo.

– Garantir que as actuacións administrativas que desenvolva en exercicio das súas funcións minimicen os custos indirectos derivados das exixencias formais necesarias para o cumprimento das obrigacións tributarias.

– Garantir que se cumpra o principio constitucional en virtude do cal todos deben contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica, mediante actuacións de control e de colaboración con outras administracións públicas dirixidas á detección e regularización dos incumprimentos tributarios.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no Plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non abonda con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os ditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias.

Esta misión de aplicación efectiva do sistema tributario para que se dea cumprimento aos principios constitucionais non se limita ás actuacións de loita contra a fraude ou de control do cumprimento tributario, senón que debe incluír as actuacións de información e asistencia ao contribuínte, co obxecto de facilitar ao máximo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias, potenciando a colaboración con outras administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais e, especificamente, co obxecto de facilitar o desenvolvemento do seu labor co fin de potenciar o cumprimento cooperativo das obrigacións tributarias, cos colexios e asociacións de profesionais da asesoría fiscal.

Desta forma, o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j) que corresponde á Dirección da Axencia aprobar o plan de control tributario anual. En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, publícanse os criterios e as liñas de actuación que o informan.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2020

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2020, que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difundir as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2020

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2020

Mª Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO

Directrices do Plan xeral de control tributario de 2020

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2020 está composto polas directrices xerais de actuación e polos plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme o disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado e, en cada un deles fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos que alcanzar.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase distinguindo entre actuacións de control preventivo, que incluirán fundamentalmente as de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social, actuacións de control posterior e actuacións de xestión recadatoria.

No exercicio das actuacións anteriores, terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de maneira máis eficaz e eficiente. Neste sentido as actuacións centraranse en dous eixos: por unha banda, seguirase traballando en aumentar as fontes de información, tanto na mellora das xa existentes como na procura de novas fontes e, en especial, a información dispoñible na internet e nas redes sociais que poida ter relevancia tributaria; por outro, a dita información unificada ten que ser obxecto dunha análise detallada, empregando as modernas técnicas existentes de tratamento da información para detectar áreas de risco fiscal, para o cal se utilizará a análise por sectores económicos, por zonas territoriais ou por comportamentos subxectivos.

Así mesmo, durante 2020, para detectar as distintas áreas de risco fiscal, seguirase integrando toda a información dispoñible de maneira que quede unificada baixo parámetros comúns, o que redundará na eficacia da Administración e na seguridade xurídica do contribuínte.

En liña co avance na intelixencia artificial que debe estar presente en toda Administración moderna tecnoloxicamente, durante o 2020 desenvolveranse ferramentas específicas de automatización de procesos que permitirán realizar de maneira automática tarefas repetitivas dentro dos procedementos tributarios. Con esta automatización reduciranse os tempos de resposta, detectaranse os incumprimentos dunha forma máis precisa e, por tanto, lograrase un uso máis eficiente dos recursos da Axencia tributaria e reforzaranse os dereitos e as garantías dos contribuíntes.

Por tanto, con este plan dáse cumprimento á obrigación legal de establecer unha planificación anual das actuacións que deben levar a cabo as administracións tributarias.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

1. Control preventivo.

1.1. Información e asistencia aos obrigados tributarios.

As actuacións de información e asistencia teñen como finalidade lograr o cumprimento espontáneo das obrigacións fiscais mediante a redución das cargas administrativas a que debe facer fronte a cidadanía, fomentar o cumprimento voluntario e adecuado das obrigacións fiscais para contribuír á seguridade xurídica e previr o seu incumprimento.

De acordo co anterior, é claro que as novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación electrónica de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación electrónica dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando o contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Coa incorporación das novas tecnoloxías preténdese esencialmente conseguir unha Administración que cumpra os obxectivos dun maior achegamento ao cidadán, facilitándolle o acceso á información e aos seus servizos, un maior coñecemento por parte do cidadán da Administración, das súas funcións e das súas competencias e unha maior axilización na tramitación de asuntos, así como unha redución do tempo de resposta, que redunde nunha mellora da calidade e eficiencia do servizo ofrecido.

O desenvolvemento da normativa básica estatal en materia de administración electrónica levouse a cabo coa Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, que regula o modelo de administración dixital no sector público autonómico.

Os cambios normativos que tiveron lugar implicaron a obriga recíproca de determinadas persoas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas. Isto, unido á necesidade de avanzar na axilización dos trámites que debe realizar o colectivo dos colaboradores sociais a que se refiren os artigos 92 a 95 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, deu lugar a que durante o 2020 se obrigase a todos eles a utilizar medios electrónicos para realizar a presentación e o pagamento dos modelos de autoliquidación dos ITPeAXD e do ISD, coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade no marco dunha Administración pública que evolucione xunto coa sociedade, aproveitando as innovacións das tecnoloxías dixitais para construír un novo modelo de Administración, máis transparente, sinxelo e eficaz, inclusivo e sustentable, todo iso en liña co proceso de modernización en que desde hai tempo está inmersa a Administración autonómica á hora de desenvolver un contexto electrónico sen papel en todos os procedementos administrativos, co efecto positivo que implica nas políticas ambientais.

Para tal fin, continuarase mellorando tanto a información existente na páxina web da Atriga coma os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual, dotándoa con novas funcionalidades e afondando nas seguintes actuacións:

1.1.1. Emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

Levaranse a cabo as seguintes medidas:

– Fomentarase que os cidadáns utilicen os servizos que a Axencia ofrece por vía electrónica, incluída a presentación de autoliquidacións.

– Obrigarase ás persoas xurídicas e colaboradores sociais a presentar telematicamente as autoliquidacións dos modelos do imposto de transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados e o imposto sobre sucesións e doazóns.

– Incorporaranse á OVT os modelos do ITPeAXD 610, 615 e 630, que serán de presentación telemática obrigatoria e se refiren a:

– Modelo 610. Pagamento en metálico do imposto que grava os documentos mercantís admitidos a negociación ou cobramento por entidades colaboradoras.

– Modelo 615. Pagamento en metálico do imposto que grava a emisión de documentos que comporten acción cambiaria ou sexan endosables á orde.

– Modelo 630. Pagamento en metálico do imposto que grava as letras de cambio

– Potenciarase a práctica das notificacións telemáticas, o que, ademais de supoñer un aforro de custo e tempo, redundará nunha redución do número de notificacións devoltas.

– Potenciarase o pagamento mediante cargo na conta e domiciliación bancaria nas presentacións telemáticas, co obxectivo de lles facilitar ao máximo aos obrigados tributarios o cumprimento da súa obrigación de pagamento, evitando desprazamentos ás entidades bancarias, especialmente nos tributos periódicos.

– Aínda que xa existe na actualidade, universalizarase a posibilidade de que calquera cidadán poida pagar en liña, a través da Oficina virtual tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola Axencia Tributaria, o que presenta como vantaxes a autenticidade, confidencialidade e integridade mediante o establecemento de conexións seguras cos servidores web das entidades financeiras para realizar os pagamentos, ademais da plena dispoñibilidade para o seu acceso para todos os contribuíntes.

É un método de pagamento rápido, sinxelo e seguro que evita desprazamentos e que completará o abano de entidades dispoñibles para o pagamento electrónico.

– Irase ampliando, na prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte de forma presencial, o sistema de cita previa, co que se mellorará principalmente a asistencia personalizada, se minimizarán os tempos de espera dos contribuíntes, se evitarán desprazamentos innecesarios e se logrará unha mellor e máis eficiente asignación dos recursos públicos.

1.1.2. Adaptación dos modelos de declaración aos últimos cambios normativos de modo que permitan un maior detalle no tratamento da información que conteñen, ampliando a efectividade dos intercambios de información e o manexo das diversas fontes de datos.

1.1.3. Revisión dos modelos normalizados, para facilitar o exercicio, por parte dos obrigados tributarios, dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, simplificando e reducindo as obrigas de carácter formal.

1.1.4. Garantirase o acceso a unha información de calidade utilizando unha terminoloxía comprensible na elaboración das guías de tributos que xestiona a Axencia.

1.1.5. Realización de programas de comunicación que fomenten a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns.

1.1.6. Tal e como sinala a Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, a procura dos obxectivos de boa administración e de calidade non pode ser unha tarefa unilateral da Administración senón que debe contar, de forma fundamental, coas achegas e demandas cidadás como instrumentos de mellora imprescindibles para abordar a plena satisfacción das persoas usuarias dos servizos públicos.

Por iso, continuarase coa liña iniciada en 2019 de realización de enquisas ás persoas que fan uso dos servizos que presta a Axencia Tributaria de Galicia, tanto de forma presencial como electronicamente, para recoller de forma periódica a opinión dos usuarios e tomar decisións con base na información obtida.

En efecto, a plena modernización das administracións públicas implica non soamente un cumprimento estrito do principio de legalidade, senón tamén a necesidade de instaurar e concibir unha nova base de relacións entre a Administración e a cidadanía para coñecer cales son as súas necesidades e expectativas e responder a elas en cada momento. Estas ferramentas axudarán á Axencia para mellorar a calidade do servizo prestado, aprender das súas experiencias e a incorporalas como unha parte máis da súa xestión para, de forma proactiva, coñecer os puntos fortes e débiles e mellorar o servizo e atención que presta.

1.2. Colaboración e intercambio de información.

Neste ámbito, ademais de consolidar e mellorar a colaboración e o intercambio de información, intensificaranse os labores de captación de información destinados á obtención dos datos tributarios necesarios para a toma de decisións sobre a realización de actuacións de control e para alixeirar as cargas administrativas dos contribuíntes.

En especial, afondarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia, sobre todo coa finalidade de aclarar a tributación das distintas operacións, evitando as planificacións fiscais agresivas que aumentan a litixiosidade e orientando cara á correcta utilización dos beneficios fiscais existentes. Neste aspecto, os asesores fiscais xogan un importante papel, tanto na prevención da fraude fiscal como no fomento dos acordos que reduzan a dita litixiosidade e acheguen seguridade xurídica e económica ás operacións, cos que se seguirá potenciando a sinatura de convenios de colaboración para actuar en nome de terceiros e intensificaranse as canles de comunicación.

Como en anos precedentes, a colaboración e o intercambio de información levaranse a cabo, principalmente, cos seguintes organismos:

1.2.1. Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT):

A Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias, cede ás comunidades autónomas o rendemento total ou parcial producido no seu territorio dunha serie de tributos estatais e delega a competencia para a xestión dunha parte deses tributos. Concretamente, as comunidades autónomas teñen asumida a xestión dos impostos sobre o patrimonio, sucesións e doazóns, transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como determinados tributos sobre o xogo.

Esta lei consagra, como principio esencial, a colaboración entre as administracións tributarias do Estado e das comunidades autónomas para a xestión dos tributos estatais cedidos e, en particular, o fomento e desenvolvemento de intercambios de información e a planificación coordinada das actuacións de control sobre eles.

Por tal motivo, no seo do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria (órgano colexiado integrado por representantes da Administración tributaria do Estado e das comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía encargado de coordinar a xestión dos tributos cedidos) e dos consellos territoriais para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria (órganos colexiados integrados por representantes da Administración tributaria do Estado e da comunidade autónoma ou da cidade con estatuto de autonomía de que se trate, con funcións de coordinación da xestión dos tributos cedidos no seu respectivo ámbito, de acordo coas directrices do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria), esta axencia está a potenciar os intercambios de información con transcendencia tributaria coa finalidade de aumentar a eficacia da xestión tributaria, mellorar a asistencia aos contribuíntes reducindo as cargas administrativas que pesan sobre eles e, especialmente, intensificar a loita contra a fraude fiscal e a economía mergullada.

A Atriga participa no Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria en reunións trimestrais, así como nos seguintes grupos de traballo:

– O grupo de intercambio de información: ten por obxecto establecer procedementos de colaboración e intercambio de información entre a AEAT e as comunidades autónomas.

– O grupo de coordinación normativa: ten por obxecto analizar e propoñer modificacións normativas en relación cos tributos cedidos.

Así, a colaboración coa AEAT continuará potenciando:

a) A planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais do Plan anual de control tributario e alfandegueiro de 2020 da AEAT.

b) O reforzo dos intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia co obxectivo de fornecer periodicamente a información con transcendencia tributaria, mediante cruzamentos de información entre as bases de datos das distintas administracións tributarias. Isto redundaría nun mellor control da fraude fiscal e, paralelamente, nunha diminución do custo administrativo de aplicación dos tributos.

No mesmo sentido propoñerase que a nova información de que dispón a AEAT derivada das novas obrigacións de información, así como os novos convenios de colaboración e intercambio de información subscritos con outros Estados, que poña de manifesto a titularidade dun patrimonio, se incorporen da forma máis áxil posible á información que xa se intercambia na actualidade.

Todo iso con independencia de que a dita información conste en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a AEAT como a Axencia Tributaria de Galicia teñen asumido o compromiso de levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para obter deles a información acordada.

Tanto no seo da UE como da OCDE, nos últimos anos avanzouse moito no intercambio de información entre países, sobre todo no referente ao intercambio de información de carácter financeiro, como sinala a AEAT no seu plan de control para 2020. Dada a importancia que a dita información ten para a aplicación de tributos de carácter patrimonial como os xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia, cómpre profundar no intercambio da devandita información, sobre todo no establecemento das canles informáticas para a súa subministración, todo iso no seo do Consello Superior para a Dirección e Coordinación da Xestión Tributaria.

c) O intercambio de información sobre os datos censuais máis relevantes dos obrigados tributarios a través do censo único compartido, en especial os relativos ao domicilio fiscal e ás súas modificacións para a detección de posibles deslocalizacións co propósito de lograr unha menor tributación.

d) A transmisión periódica á AEAT da información contida en declaracións tributarias correspondentes a tributos cedidos e sobre os valores reais de transmisión de bens e dereitos comprobados no curso de procedementos de control. Neste sentido, potenciarase a remisión de información sobre a constitución de rendas vitalicias, operacións de disolución de sociedades e de redución do capital social con atribución de bens ou dereitos da sociedade aos seus socios, préstamos entre particulares, información sobre operacións de xogo e pagamentos orzamentarios.

e) A subministración de información á AEAT para o control das deducións establecidas pola Comunidade Autónoma no IRPF, os datos de familias numerosas e de graos de discapacidade recoñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos gastos en gardarías e centros de educación infantil autorizados, para tramitar os pagamentos anticipados das deducións para iso previstas no artigo 81 bis da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, modificada pola Lei 26/2014, do 27 de novembro.

f) A colaboración para verificar o cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do IRPF aprobadas pola Comunidade Autónoma, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal, mediante a confección de rexistros de suxeitos beneficiarios dos citados beneficios fiscais.

g) A colaboración coa AEAT para o control das declaracións dos premios procedentes do xogo.

h) O envío de dilixencias de colaboración a outras administracións, especialmente nas actuacións de control da fraude neste ámbito de colaboración, mediante a posta en coñecemento dos feitos ou circunstancias con transcendencia tributaria para outras administracións tributarias, que se poñan de manifesto no curso da tramitación de actuacións ou procedementos de inspección.

i) O intercambio de información nos casos en que, como resultado dun procedemento de comprobación, se determine a improcedencia do tributo cuxa xestión lle corresponde e, conseguintemente, a procedencia doutro xestionado por outra Administración tributaria.

j) O intercambio de información en relación co cumprimento da condición de vivenda habitual cando no curso dun procedemento se detecte o incumprimento desa condición, co fin de controlar a aplicación de exencións, beneficios fiscais ou tipos reducidos no imposto sobre o patrimonio, o imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e no imposto sobre sucesións e doazóns ou a dedución prevista para esta materia no IRPF.

1.2.2. Colaboración con outros organismos e administracións públicas

Algúns convenios subscritos con outras administracións públicas para a cesión de datos prevén, pola súa vez, a obtención de información en poder desas administracións sobre bens, dereitos, rendas ou actividades dúas contribuíntes, que permiten á Axencia Tributaria mellorar os servizos prestados ao contribuínte para favorecer ou cumprimento voluntario das súas obrigacións fiscais e, sobre todo, a loita contra a fraude fiscal. Estes acordos adoitan incluír tamén outras formas de colaboración que van máis aló do intercambio de datos.

Entre estes convenios de intercambio de información e outras formas de colaboración destacan os seguintes:

1.2.2.1. Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial: para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia.

Neste ámbito, o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, desde que foi asinado o 22 de decembro de 2010, e tendo en conta ademais a gran relevancia que teñen os documentos notariais na xestión dos tributos cedidos ao incorporar moitos dos feitos impoñibles que quedan suxeitos a gravame, supón unha moi activa e eficaz colaboración dos notarios coa Administración tributaria pois ofrecen a información necesaria para a verificación das operacións realizadas e a súa tributación.

Neste sentido, seguirase afondando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as fontes de información e permitan, dunha maneira automatizada, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mellorando a eficiencia na acción comprobadora, dado o grande avance técnico dos últimos anos e a mellora tecnolóxica desenvoltos tanto pola Axencia coma polo Colexio Notarial.

Doutra banda, o convenio de colaboración entre a Axencia Tributaria de Galicia e o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís de España para a consulta da titularidade real de sociedades mercantís a través do rexistro mercantil, asinado o 5 de xuño de 2019, permite obter a información completa e actualizada sobre as persoas físicas que exercen o control dunha sociedade de maneira directa ou indirecta a través do acceso ao Rexistro de Titularidades Reais (Retir), unha nova ferramenta contra o branqueo de capitais.

1.2.2.2. Dirección Xeral de Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compravenda de vehículos usados. Neste ámbito, o convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Axencia Tributaria de Galicia en materia de intercambio e cesión de información para os efectos tributarios permite un mellor exercicio das súas respectivas competencias.

1.2.2.3. Dirección Xeral do Catastro: a información contida no Catastro inmobiliario resulta de grande importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial, xa que a través deste se poden detectar bens non declarados ou que determinan a obriga de declarar no imposto sobre o patrimonio e no imposto sobre sucesións, así como verificar os cambios de titularidade que poden dar lugar a feitos impoñibles no imposto sobre doazóns ou no ITP-AXD. Ademais, fomentarase a coordinación co Catastro para determinar os elementos dos bens inmobles que inflúen na determinación do seu valor real, sobre todo naqueles tributos que toman esta contía como base impoñible.

1.2.2.4. Administracións tributarias de tributos locais: reviste grande importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. A Axencia Tributaria de Galicia continuará, durante 2020, fomentando esta colaboración tanto en materia xestora como inspectora ou recadadora, sobre todo tendo en conta a similitude dalgúns impostos locais cos impostos xestionados pola Axencia, así como a mellora que en información tributaria e bases de datos veu esta realizando nos últimos anos.

1.2.2.5. A propia Administración pública galega e outras administracións públicas, en especial o Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios.

2. Control posterior. Control extensivo e intensivo.

Se as actuacións de información e asistencia e as de colaboración social son medidas de control preventivo cuxa finalidade é eliminar as cargas fiscais indirectas aos contribuíntes e fomentar o cumprimento voluntario das súas obrigacións fiscais, as actuacións de control posterior reforzan eses obxectivos e perseguen a mellora do devandito cumprimento, favorecendo a corrección na declaración de feitos impoñibles e na aplicación da normativa tributaria aplicable, así como a desincentivación das condutas dirixidas a evitar a declaración dos supostos gravados. Isto cobra especial relevancia nos tributos periódicos como o imposto sobre o patrimonio, os tributos sobre o xogo ou os impostos ambientais.

As diferentes actuacións de control que se puxeron en marcha nestes anos de funcionamento da Atriga permitiron reconducir as condutas, fomentando a presentación das autoliquidacións e declaracións tributarias no prazo regulamentariamente establecido e corrixir erros frecuentes ou criterios incorrectos de aplicación da normativa tributaria.

Por outra banda, coa creación no ano 2017 do Departamento de Planificación do Control Tributario e a asunción de funcións coordinadas de análises da información dispoñible avanzouse na adecuada detección das áreas de risco e na mellora da eficiencia na loita contra a fraude fiscal; do mesmo xeito, a análise dos resultados das actuacións de control e investigación está a permitir constatar que as actuacións de regularización da situación tributaria inciden tamén de forma significativa nunha mellora do cumprimento voluntario das obrigacións tributarias con independencia de se os obrigados foron obxecto de regularización.

A correcta identificación da áreas de risco e a selección dos obrigados tributarios obxecto de comprobación convértese nunha peza esencial do control tributario, non só desde o punto de vista da eficiencia na actuación da Administración tributaria, senón tamén na diminución dos custos indirectos daqueles contribuíntes cumpridores das súas obrigacións tributarias. Para iso cómpre afondar nos mecanismos de selección, mellorando os sistemas informáticos de detección a través da implantación de novas ferramentas informáticas de tratamento de datos e introducindo novas variables, tanto obxectivas, derivadas dos novos datos de que dispón a Administración tributaria xurdidos das novas obrigacións de información, como subxectivas, tendo en conta as novas tendencias xurdidas no ámbito tributario referidos ao «compliance tributario» ou boas prácticas, co fin de evitar a litixiosidade existente no ámbito tributario. Este último punto resulta moi importante no ámbito dos impostos patrimoniais, dada a importante penetración neles da figura do asesor fiscal.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non fornecidas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

En particular, no que se refire aos beneficios fiscais, estes supoñen unha quebra dos principios constitucionais establecidos no artigo 31 da CE polos que se debe rexer o sistema tributario xa que, cando se poñen de manifesto igual capacidade económica pola adquisición ou utilización de rendas, exceptuar ou diminuír a tributación a distintos colectivos fronte á xeneralidade de contribuíntes supón contradicir os principios constitucionais de xeneralidade, igualdade ou capacidade económica.

Por tanto, en canto responden a outros obxectivos distintos da pura capacidade económica e actúan como un instrumento de política económica, deben ser obxecto de especial comprobación para garantir o logro dos obxectivos perseguidos co seu establecemento e a adecuada contribución da cidadanía ao sostemento dos gastos públicos.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario establecéronse, por unha banda, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que se empregará.

Así, dentro do control posterior distínguese o control extensivo ou de carácter masivo, que busca someter a control a totalidade das declaracións presentadas e o control intensivo (selectivo) e investigación, dirixidas a descubrir e regularizar as formas máis graves e complexas da fraude fiscal e economía mergullada que xeran competencia desleal e prexudican empresas e particulares que si cumpren correctamente coas súas obrigacións tributarias, reforzando especialmente as actuacións para perseguir as diferentes formas de fraude, evasión e elusión fiscal practicadas polas grandes empresas e polos grandes patrimonios.

2.1. Comprobacións de carácter xeral.

2.1.1. Comprobación das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial aos fornecidos polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizase en documento notarial, ou ben aos fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.2. Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

2.1.3. Comprobación das declaracións informativas e das declaracións censuais presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, ou ben os fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.4. Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

2.1.5. Control e seguimento das concesións de prórroga e de suspensión dos prazos de presentación do imposto sobre sucesións e doazóns.

2.1.6. Verificación dos ingresos que se produzan sen presentación da correspondente autoliquidación e, se é o caso, inicio dos procedementos sancionadores oportunos.

2.1.7. Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa fornecida no exercicio do deber de información ou colaboración.

2.2. Áreas de atención preferente.

2.2.1. Actuacións relativas ao sector inmobiliario e á transmisión de bens mobles: intensificación dos controis das diferentes operacións xurídicas relativas aos bens e, máis en concreto:

2.2.1.1. Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente nos diversos rexistros públicos e administrativos.

2.2.1.2. Seguimento das adxudicacións en poxas públicas, en estreita colaboración coa Axencia Estatal do BOE (AEBOE) para as poxas xudiciais, notariais e tributarias, e coa Seguridade Social e outras administracións públicas para o resto de poxas administrativas.

2.2.1.3. Comprobación da orixe dos fondos utilizados nos pagamentos nas transaccións inmobiliarias.

2.2.1.4. Control de arrendamentos de predios urbanos, en colaboración coa Administración tributaria estatal.

2.2.2. Constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen outorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución do uso privativo ou aproveitamento especial do dominio ou uso público.

2.2.3. Comprobación dos negocios que versan sobre transmisións de cotas nas comunidades de bens.

2.2.4. Comprobación dos patrimonios das persoas físicas tanto para os efectos da súa tributación no imposto sobre o patrimonio como para os efectos do imposto de sucesións e doazóns.

Para este control resulta esencial a colaboración coas outras administracións públicas, especialmente coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), compartindo a información derivada das diferentes declaracións informativas como, entre outras, a declaración de préstamos e créditos, e operacións financeiras relacionadas con bens inmobles (modelo 181), declaración de valores, seguros e rendas (modelo 189), incluíndo tamén a declaración de bens e dereitos situados no estranxeiro (modelo 720), así como a declaración tributaria especial (modelo 750), e a través dos convenios de intercambio de información asinados con outros Estados, así como co Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e o Colexio Notarial, a través do Rexistro de Titularidades Reais e a Base de datos de titularidade real.

Dentro desta comprobación inclúense os patrimonios preexistentes dos suxeitos pasivos para a aplicación correcta da estrutura de gravame do imposto de sucesións e doazóns, así como a aplicación de determinados beneficios fiscais nos impostos xestionados pola Atriga.

2.2.5. Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial:

2.2.5.1. A adecuación da masa hereditaria coa información contida nos rexistros administrativos e fiscais, a información obtida da AEAT, así como as declaracións presentadas para efectos doutros impostos e as declaracións informativas de terceiros.

2.2.5.2. A comprobación de actos dispositivos anteriores do causante.

2.2.5.3. A adición de bens nos supostos establecidos na norma.

2.2.5.4. Comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas e créditos con persoas ou entidades con que exista algún tipo de vinculación.

2.2.6. Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial:

2.2.6.1. As reducións na base impoñible ou deducións na cota referidas á vivenda habitual, así como ás empresas e participacións en entidades, ou para fomentar a constitución ou adquisición de empresas ou negocios profesionais, tanto das condicións que se deben cumprir no momento da devindicación como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma.

2.2.6.2. As reducións subxectivas no imposto sobre sucesións e, en especial, a correcta aplicación da redución por parentesco cando se formalizaron pactos sucesorios con anterioridade ao falecemento do causante.

2.2.6.3. Os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas e actos xurídicos asociados.

2.2.6.4. A transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

2.2.6.5. As deducións autonómicas no imposto sobre o patrimonio.

2.2.6.6. Os tipos bonificados noutros tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia.

2.2.7. Comprobación dos domicilios declarados e as súas modificacións para corrixir deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia, en colaboración e coordinación coas restantes comunidades autónomas e a AEAT, co único fin de lograr de forma indebida unha menor contribución fiscal.

2.2.8. Comprobación de operacións diversas, en especial:

2.2.8.1. As operacións en relación coa división da cousa común e extinción do condominio, as operacións de endebedamento e garantía e as súas alteracións, e as de recoñecemento de débeda.

2.2.8.2. A constitución de dereitos reais de garantía.

2.2.8.3. A presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

2.2.8.4. As renuncias ás herdanzas para comprobar que se axustan ao disposto no ordenamento xurídico.

2.2.8.5. A presentación das consolidacións de dominio.

2.2.8.6. A tributación dos seguros no imposto de doazóns.

2.2.8.7. As doazóns con causa onerosa.

2.2.9. En relación coa tributación sobre o xogo, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, fundamentalmente a fornecida polos órganos competentes en materia de xogo, así como a procedente dos obrigados a fornecer información, co obxecto de verificar e comprobar tanto os datos e as bases impoñibles declaradas polos suxeitos pasivos de máquinas, bingo, apostas, rifas, tómbolas e combinacións aleatorias e casinos, como no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados e á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais. Por outra banda, comprobarase o correcto cumprimento da obriga de levar os libros de rexistro para os efectos tributarios.

2.2.10. En relación cos tributos propios ambientais e as taxas e prezos, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario como, por exemplo, a fornecida polos órganos competentes en materia de ambiente, industria, enerxía e augas ou polos órganos xestores de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais.

2.2.11. En relación coas taxas e prezos, estreitar a colaboración cos órganos xestores deles en relación cos procedementos de control que se vaian desenvolver, así como estudar a posibilidade de asumir procedementos de xestión en determinados casos.

2.3. Grandes empresas e patrimonios.

2.3.1. Investigación dos obrigados tributarios que, pola contía do patrimonio persoal ou das súas rendas, teñan obriga de presentar imposto sobre o patrimonio ou poidan concorrer doazóns non declaradas.

2.3.2. Verificación dos requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, relativo á exención dos bens e dereitos das persoas físicas necesarios para o desenvolvemento da súa actividade empresarial ou profesional e das participacións en entidades, en especial, a determinación do importe do devandito beneficio fiscal no caso de que non se aplique á totalidade do valor da empresa ou negocio.

2.3.3. Verificación dos requisitos previstos nos artigos 7.4 e 8.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, relativos á redución no imposto sobre sucesións e doazóns pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades, en especial, a determinación do importe do devandito beneficio fiscal no caso de que non se aplique á totalidade do valor da empresa ou negocio.

2.3.4. Estudo e comprobación das estruturas empresariais constituídas coa finalidade de poder acceder ao desfrute indebido de beneficios fiscais.

2.3.5. Comprobación das transmisións encubertas de inmoble a través de sociedades interpostas, en especial a aplicación indebida da exención regulada no artigo 314 do texto refundido da Lei do mercado de valores, aprobado polo Real decreto lexislativo 4/2015, do 23 de outubro.

2.3.6. Verificación das operacións inmobiliarias realizadas por empresarios para os efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial a comprobación da verdadeira condición de empresario, o cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, prevista no artigo 20.2 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do imposto de actos xurídicos documentados.

2.3.7. Comprobación daquelas operacións e mecanismos de planificación fiscal agresiva que resulten anómalos en relación co fin perseguido, distinto do aforro fiscal, e que poden ser constitutivos de simulación ou conflito na aplicación da norma, sobre todo os relacionados coa transmisión de bens inmobles.

3. Control en fase recadatoria.

A xestión recadatoria consiste no exercicio da función administrativa conducente á realización dos créditos tributarios e demais ingresos de dereito público establecidos a favor da Facenda pública de Galicia.

O principal obxectivo dunha xestión recadatoria eficiente é a cobranza efectiva das débedas aínda que non sexa de forma inmediata, tanto facilitando o seu cumprimento espontáneo simplificando o procedemento e formas de pagamento e reducindo os custos asociados, como previndo e loitando contra a fraude fiscal definindo áreas de acción que permitan detectar riscos potenciais que dificulten ou impidan a eficacia cobratoria, especialmente en período executivo, cando non se atenderon voluntariamente as obrigacións de pagamento, e reducir posibles riscos de cobranza evitando no máximo posible que determinadas figuras poidan ser empregadas para eludir ou dilatar o pagamento.

Resultan especialmente relevantes para lograr estes obxectivos non só as actuacións que poidan levar a cabo as unidades encargadas das funcións de recadación, senón tamén a súa coordinación e colaboración tanto con outras áreas da Axencia como con outras administracións e organismos, sexan ou non tributarios.

A fase recadatoria centrarase principalmente nas seguintes actuacións, en liña coas levadas a cabo en anos anteriores, e nas cales convén incidir polos bos resultados alcanzados:

3.1. Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando a correcta transferencia dos fondos, así como o envío dos ficheiros de información nos prazos establecidos e a correcta validación dos documentos cobratorios presentados polos obrigados tributarios.

3.2. Realizar as actuacións necesarias para incrementar o número das entidades colaboradoras na recadación que se incorporen ao pagamento telemático das débedas.

3.3. Seguimento e control dos ingresos realizados co obxectivo de detectar posibles incidencias e conseguir unha maior eficacia na súa aplicación, prestando especial atención aos que puidesen corresponder a autoliquidacións non presentadas.

3.4. Potenciar a coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito e modificado en 2017, co fin de mellorar a tramitación dos expedientes en constrinximento xestionados ao seu abeiro.

3.5. Coordinación cos órganos competentes para realizar pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto de posibilitar a práctica de embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia, así como establecer canles informáticas en colaboración co resto das administracións públicas para detectar a existencia de créditos a favor de debedores da Facenda pública galega a través de intercambios de información.

3.6. Control do sistema de compensación de débedas e créditos e dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

3.7. Control e seguimento das débedas pendentes de pagamento nos supostos de sucesores de persoas físicas, xurídicas e entidades sen personalidade.

3.8. Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público, atendendo especialmente ás operacións de baleiramento patrimonial.

3.9. Control e seguimento dos expedientes de adiamentos e fraccionamentos de pagamento, das débedas paralizadas ou suspendidas por recurso ou reclamación que estean en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de constrinximento e embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para lograr dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

3.10. Revisión completa dos expedientes de insolvencia e falidos, co fin de extremar a procura de bens do debedor realizables que revelen como inexacta esa situación inicialmente prevista como insolvencia.

3.11. Mellora do control e seguimento da débeda pendente, en particular en fase de embargo, realizando actuacións que permitan axilizar o seu cobramento reducindo os tempos de xestión recadatoria.

3.12. Actuacións en colaboración con xuíces e administradores concursais co obxectivo de atinxir a máxima operatividade no pagamento das débedas que teñan este carácter, con independencia de que o proceso culmine en aprobación do convenio ou entre en fase de liquidación.

3.13. Realización das actuacións necesarias que posibiliten a colaboración nos procedementos de alleamento forzoso de bens inmobles embargados noutras comunidades autónomas e no embargo de pagamentos orzamentarios efectuados por outras comunidades autónomas.

3.14. Especial atención ás actuacións que xiran ao redor das poxas, unha vez integrado o seu procedemento no portal do Boletín Oficial del Estado, como último paso da recadación en período executivo –tales como valoracións, comunicacións, publicidade– co obxectivo de aumentar a afluencia de licitadores e lograr unha maior adxudicación dos bens obxecto destas.

3.15. Control das renuncias ás herdanzas realizadas polos obrigados tributarios que sexan debedores da Comunidade Autónoma de Galicia, por se puideren prexudicar os intereses de cobramento desta e co fin de iniciar, neste caso, as actuacións procesuais necesarias na vía civil ou penal.

3.16. Comprobación da existencia de avais, así como doutro tipo de garantías que poidan estar constituídas dentro de calquera procedemento, que garantan o cobramento das débedas que non fosen ingresadas no prazo legal, para a súa correspondente execución, co fin de lograr a máxima satisfacción posible das débedas garantidas.