Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 31 de xullo de 2020 Páx. 30230

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 30 de xullo de 2020 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG-Autonómica), Comisiones Obreras de Galicia (CC.OO.), a Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF) e a Federación de Servicios de Empleados y Empleadas de Servicios Públicos de la UGT Galicia-FeSP-UGT Galicia, que comeza o día 1 de agosto ás 00.00 horas e ten carácter indefinido.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental dos traballadores en defensa dos seus intereses o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma, entre os cales se atopa o de prevención e extinción de incendios forestais.

O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o Comité de Folga.

Por outra banda, a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, considera a protección civil como un servizo público esencial e o artigo 17 da Lei 17/2015, do 9 de xullo, do Sistema Nacional de Protección Civil, outórgalle a consideración de servizo público de intervención e asistencia en emerxencias de protección civil aos servizos de prevención e extinción de incendios forestais.

O exercicio público da extinción de incendios non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece, no seu artigo 9, que a consellería con competencias en materia forestal definirá épocas de perigo alto, medio e baixo, que condicionarán a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia, e que establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto. A consellería establece estas épocas de perigo a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2020:

Época de perigo alto:

Na cal o despregamento dos medios de extinción e alerta deberán ser o máximo, en función da avaliación do risco e da vulnerabilidade. A previsión actual do Pladiga comprende con carácter xeral os meses de xullo, agosto e setembro, máis un período adicional de aproximadamente un mes en función das condicións meteorolóxicas e de risco.

Mediante Orde da Consellería do Medio Rural do 28 de maio de 2020 pola que se determina a época de perigo alto de incendios, determinouse a época de perigo alto de incendios e declaráronse como tal as datas comprendidas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, ademais de facultar o director xeral de Defensa do Monte para ditar cantas instrucións foren precisas para modificar estas datas e declarar como perigo alto outras épocas do ano, cando as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

Tendo en conta que se trata dunha folga convocada en plena época de perigo alto de incendios forestais, pero que ten carácter indefinido a partir do 1 de agosto de 2020, na consellería competente en materia de extinción de incendios procede fixar servizos mínimos tanto para o período de alto risco de incendios en que nos atopamos como para o período ordinario.

A folga comunicada pola Confederación Intersindical Galega (CIG-Autonómica), Comisiones Obreras de Galicia (CC.OO.), a Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF) e a Federación de Servicios de Empleados y Empleadas de Servicios Públicos de la UGT Galicia- FeSP-UGT Galicia, que comenza o día 1 de agosto ás 00.00 horas e ten carácter indefinido, afecta o persoal das escalas de persoal enxeñeiro técnico forestal e enxeñaría de montes dos grupos A2 e A1 da Xunta de Galicia, do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural.

Polo tanto, sen prexuízo do exercicio do lexítimo dereito de folga, a parada dos servizos prestados polo dito persoal dificultaría poder acometer adecuadamente o servizo esencial de vixilancia e extinción de incendios e garantir a seguridade de persoas e bens.

A folga comunicada polos sindicatos convocantes afecta as escalas de persoal enxeñeiro técnico forestal e de enxeñaría de montes dos grupos A2 e A1, respectivamente, empregados/as da Xunta de Galicia adscritos ao Servizo contra Incendios Forestais, dependente da Consellería do Medio Rural e funcionarios e funcionarias ao servizo da Administración autonómica galega, e desenvolverase conforme o establecido no artigo 1.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan nesta orde.

Os servizos mínimos que se fixan ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, resultan imprescindibles para poder garantir a prestación do servizo público esencial de vixilancia e extinción de incendios e para garantir a seguridade.

En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma, oído o Comité de Folga,

ACORDO:

Artigo 1

A folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG-Autonómica), Comisiones Obreras de Galicia (CC.OO.), a Central Sindical Independiente y de Funcionarios (CSIF) e a Federación de Servicios de Empleados y Empleadas de Servicios Públicos de la UGT Galicia-FeSP-UGT Galicia, que comeza o día 1 de agosto ás 00.00 horas e ten carácter indefinido, afecta o persoal das escalas de persoal enxeñeiro técnico forestal e de enxeñaría de montes dos grupos A2 e A1, respectivamente, empregados/as da Xunta de Galicia adscritos ao Servizo contra Incendios Forestais, dependente da Consellería do Medio Rural, e funcionarios e funcionarias ao servizo da Administración autonómica galega, e entenderase condicionada á prestación dos servizos mínimos establecidos nesta orde.

Artigo 2

Establécense como servizos mínimos durante os días e as horas de folga a que fai referencia o artigo anterior os que se relacionan no anexo da presente orde.

Artigo 3

Os paros e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para manter a prestación dos devanditos servizos considéranse ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo.

Artigo 4

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Servizos mínimos

a) Na época de perigo alto de incendios ata o 30 de setembro, así como na época variable, cunha duración aproximada dun mes, segundo o determinado no artigo 1 da Orde do 28 de maio de 2020 pola que se determina a época de perigo alto de incendios (DOG núm. 106, do 2 de xuño) en todos e cada un dos centros de coordinación, central, provinciais e de distrito: cada día un (1) xefe de garda e un (1) técnico de garda por centro de coordinación para as tarefas de coordinación e de dirección de medios de extinción de incendios.

b) No período ordinario, o persoal designado como servizos mínimos estará constituído:

– Polo subdirector xeral de Extinción.

– Polo xefe do Servizo de Programación e o xefe do Servizo de Coordinación de Medios

– Polos xefes do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

– Polos dezanove xefes de distrito.