Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31153

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT238A).

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura e Turismo favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas.

Tamén é competencia da consellería a colaboración coas editoras galegas mediante accións específicas encamiñadas á promoción do libro galego tanto en Galicia como fóra da comunidade autónoma.

Debido ás circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia provocada pola incidencia do COVID-19 e ás graves consecuencias previsibles para a economía en xeral e para o sector editorial en particular, o Plan de reactivación da cultura exixe unha actuación da Administración que pasa por centrar recursos en obxectivos próximos que permitan paliar a situación deste sector e poidan acadar unha dinámica máis expansiva dentro da cultura galega. O sector editorial galego resulta clave para o desenvolvemento do país, o libro e a produción escrita constitúen na actualidade unha das bases do prestixio cultural de Galicia; por iso, a Administración apoia as iniciativas profesionais da edición galega, sobre todo en momentos de difícil difusión dos seus produtos editoriais.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo establece subvencións de apoio ao sector editorial galego para cubrir os gastos de edición, distribución e comercialización das súas publicacións editadas no 2020, co fin de posibilitar a súa difusión e que estas cheguen ao destinatario final, que é o público lector.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución dos recursos destinados ao libro, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e non concorrencia, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT238A).

As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e/ou distribuídas entre o 1.9.2019 e o 31.10.2020.

Para os efectos da presente orde, considéranse gastos de edición os de autoría, tradución, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización...

Distribución: transporte.

Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2020.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras e desenvolvan a súa actividade en Galicia de acordo co establecido na presente orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

3. Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Libros obxecto de subvención e contía das axudas

1. A dotación total da subvención distribuirase entre os libros publicados nos idiomas cooficiais de Galicia e noutras linguas.

2. Os libros obxecto de subvención deberán reunir as seguintes características:

a) Estaren editados por editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia, e cuxa produción sexa comercializada a través de librarías ou doutras plataformas de distribución, física ou dixital.

b) A edición, distribución e comercialización das obras deberase realizar entre o 1.9.2019 e o 31.10.2020, ambos incluídos.

c) Teren unha tiraxe mínima de 500 exemplares, agás as obras de poesía, teatro e ensaio, que poderán ter un mínimo de 250 exemplares por tiraxe.

d) Teren un plan de distribución e comercialización en Galicia e no resto do Estado español e/ou ter un plan de distribución e comercialización fóra de España.

e) Seren unha primeira edición dunha obra inédita, ou ben dunha obra cuxa última edición, na lingua que se propón publicar, ten unha antigüidade de máis de 15 anos.

f) Posuíren un mínimo de 60 páxinas por exemplar, excepto os libros infantís, de teatro e de poesía.

g) Tamén poderán optar a esta axuda as partituras publicadas por editoriais que teñan como actividade a edición de libros en Galicia, sempre que conten cun mínimo de 6 páxinas e unha tiraxe mínima de 300 exemplares.

h) Calquera outro tipo de publicación en que concorran as características establecidas na convocatoria de subvencións regulada por estas bases.

3. Os solicitantes deberán, obrigatoriamente, indicar a área ou modalidade de produción editorial a que presenten cada obra das establecidas no parágrafo 4 deste artigo, tendo en conta que unha obra soamente poderá ser presentada a unha única modalidade ou área subvencionable.

Unha obra que estea editada en varias encadernacións (rústica, cartoné, etc.) só poderá presentarse nunha delas.

4. O importe adxudicado a cada tipo de libros será o seguinte:

– Obras de non ficción. Recibirán unha subvención de ata 4.000 €.

– Obras de ficción, de poesía e de teatro. Recibirán unha subvención ata 3.000 €.

– Obras de ficción e non ficción para público infantil e xuvenil. Recibirán unha subvención ata 5.000 €.

5. O importe da subvención concedida ás obras editadas en galego, segundo o establecido neste artigo, incrementarase nun 20 %.

6. A axuda concedida non pode superar en ningún caso o 70 % dos custos de edición, distribución e comercialización de cada libro.

7. O importe final adxudicado a cada entidade determinarase en función do resultado da valoración resultante da aplicación dos importes, porcentaxes e limitacións establecidos nesta orde. O importe máximo adxudicado a cada editorial non pode superar os 30.000 €.

8. Cada editorial poderá solicitar axuda para un máximo de 20 libros.

Artigo 4. Supostos excluídos

Quedan excluídos expresamente das subvencións reguladas nestas bases:

a) Todos os libros de texto sen excepción, calquera que sexa o nivel ou tipo de ensino, os libros de exercicios e prácticas, e as correspondentes claves de exercicios e libros do profesor, os temarios de oposicións, así como enciclopedias e dicionarios.

b) Os libros editados ou coeditados con algunha institución ou organismo público.

c) As obras editadas en fascículos.

d) Os libros conceptuados como de bibliófilos.

e) Todas as edicións facsímiles sen excepción, calquera que sexa a súa temática ou tipoloxía.

f) Os libros editados polos seus autores e aqueles non vendibles.

g) As obras que, editadas por clubs do libro e empresas similares, só son alcanzables aos respectivos socios ou adheridos, e os editados expresamente para a venda a prazos.

h) Os álbums, recortables, libros de pintar e colorear, cadernos de caligrafía e de exercicios e, en xeral, todos aqueles en que se teña que traballar.

i) Os catálogos de exposicións.

j) Os anuarios, publicacións periódicas e separatas ou números monográficos destas.

k) As fotocopias encadernadas en forma de libro.

l) Os volumes soltos que formen parte dunha obra completa no caso de que non se comercialicen por separado.

m) As reimpresións de obras salvo o previsto no artigo 1, número 2, letra d).

n) As obras subvencionadas con cargo á Orde do 8 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución ao galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, así como para a súa edición, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT221C).

Artigo 5. Imputación orzamentaria

1.As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 200.000 €.

2. O importe inicial da convocatoria pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Natureza e concorrencia das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde para apoiar as editoriais galegas quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) nº 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 € nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as editoriais que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes,así como para as persoas físicas que sexan autónomas, tendo en conta que neste colectivo existe esta figura e pola natureza da súa actividade e a súa capacidade técnica e dedicación profesional acreditada, cómpre que a súa relación co sector público autonómico sexa por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten as súas solicitudes presencialmente, requiriranse para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As editoriais que sexan persoas físicas, en concreto aquelas que non teñan a obriga de darse de alta como autónomas, opcionalmente, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral:

– De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da editorial solicitante, tanto que sexa persoa física como xurídica. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/modelos-xenericos.

– Copia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

– No caso de que a editorial, sexa persoa física ou xurídica, non conste inscrita nas bases de datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria, e/ou da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e/ou da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar unha certificación que acredite o motivo polo que non figura inscrita nas ditas bases de datos.

B. Documentación específica:

– Memoria explicativa dos gastos totais de edición, comercialización e distribución da obra ou obras para a cal se solicita a axuda coa desagregación de cada custo.

– Plan de distribución e comercialización previsto, baseado na realidade da editorial ou, se for o caso, con xustificación das expectativas.

– Calendario de investimentos para desenvolver o proxecto editorial, cos conceptos de gastos desagregados e cuantificados.

2. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá pedirlles ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución, etc.

Artigo 10. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As editoriais que sexan persoas xurídicas e os seus representantes, así como as persoas físicas que sexan autónomas, deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que presentase a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As editoriais que sexan persoas físicas, en concreto aquelas que non teñan a obriga de darse de alta como autónomos, deberán presentar a documentación preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. As editoriais, tanto persoas físicas como xurídicas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade ou NIE da persoa solicitante se a editorial solicitante é unha persoa física.

b) Documento nacional de identidade ou NIE da persoa representante da editorial solicitante, no caso de ser persoa física, ou NIF da entidade representante, no caso de ser persoa xurídica.

c) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante, se a editorial é unha persoa xurídica.

d) Alta no imposto de actividades económicas referido á epígrafe correspondente á edición de libros.

e) Certificacións da Axencia Estatal da Administración Tributaria, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificado de domicilio fiscal, de ser o caso.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas deberán facelo constar nos correspondentes recadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 13. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

3. Os expedientes serán avaliados polo órgano instrutor, segundo o procedemento previsto no parágrafo 4 deste artigo.

4. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase mediante o rateo do orzamento existente entre as entidades solicitantes que cumpran as condicións establecidas, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles unha cantidade final para o cumprimento da finalidade desta orde. Esta cantidade será a resultante da repartición da cantidade total, entre a totalidade das solicitudes correctamente recibidas, segundo o criterio establecido no parágrafo 4 deste artigo. No suposto de que, unha vez adxudicada a dita cantidade total entre todas as solicitudes correctamente presentadas, exista un remanente, este repartirase entre as solicitudes admitidas coa mesma proporción prevista no dito parágrafo.

6. Ningunha entidade editora poderá recibir unha axuda pública que exceda o 70 % do custo total da obra subvencionada.

Artigo 14. Proposta de resolución

Realizada a repartición, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, quen resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

Artigo 15. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluiranse a relación de beneficiarios e as cantidades concedidas e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública no portal https://www.cultura.gal. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Deberá comunicarse por escrito á persoa beneficiaria o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

Artigo 16. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións administrativas, provisional e definitiva, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 18. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

No suposto de que algunha editorial non acepte a axuda ou renuncie a esta, o órgano instrutor poderá formular unha proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible entre as solicitudes admitidas, coa mesma proporción prevista no artigo 13 da presente orde.

Artigo 20. Xustificación

1. As editoriais beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización das actividades subvencionadas e a xustificar a totalidade do orzamento presentado coa solicitude, no prazo establecido na presente orde. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación da axuda deberá realizarse do seguinte xeito:

2.1. Para o pagamento debe presentarse antes do 1 de novembro de 2020, obrigatoriamente, a seguinte documentación:

– Factura e certificado bancario acreditativo do pagamento de cada un dos conceptos aplicados para valorar o custo de cada libro e/ou porcentaxe do custo xeral do concepto de gasto, tal e como se especificou na solicitude.

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas de venda onde o libro está aloxado. Será obrigatorio no caso de que o libro se edite en formato dixital ou se trate dunha edición a demanda, e será opcional no caso de que o libro se edite en formato físico.

Artigo 21. Pagamento

1. Poderá realizarse o pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e tras a aceptación desta.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

De acordo co artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías polas entidades beneficiarias.

2. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado e pagado o que se acredite entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o prazo de xustificación previsto na presente orde.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

6. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

7. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para as mesmas actividades, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

4. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse o que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

5. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 23. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a.) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 25. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 26. Recursos

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán tratados na súa de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Cultura e Turismo, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que as persoas interesadas poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www. xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira

Facúltaselle a persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file