Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 6 de agosto de 2020 Páx. 31367

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2020 sobre ampliación dos prazos establecidos no artigo 25 da Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 12, do 20 de xaneiro de 2020).

No Diario Oficial de Galicia número 12, do 20 de xaneiro de 2020, publicouse a Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de auditorías enerxéticas, a implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos, para o ano 2020.

De acordo co disposto no artigo 25 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2020.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte, antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

O 14 de marzo publicouse no BOE o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nos últimos meses moitas empresas tiveron que parar a súa actividade e parte dos seus cadros de persoal foron obxecto de ERTE, e a situación actual é aínda anómala en moitas rexións.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite dado que a actual crise sanitaria impide a entrega en prazo de maquinaria debido á rotura de stock de moitos fabricantes e a citada situación de ERTE de moitos traballadores que dificultan o abastecemento polos provedores.

Por todo o anterior, dado a inexistencia de prexuízos a terceiros, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 25.1 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 30 de novembro de 2020.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da LPACAP.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia