Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 6 de agosto de 2020 Páx. 31340

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás librarías de Galicia para a realización de actividades de difusión do libro e da lectura en 2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT224C).

A Constitución española, no artigo 44, establece a obriga dos poderes públicos de promover e tutelar o acceso á cultura como dereito da cidadanía. Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúe o marco competencial en materia de cultura á Xunta de Galicia.

A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no artigo 11, recoñece o papel das librarías como puntos esenciais de venda de libros, así como axentes culturais activos indispensables para que a industria do libro manteña a súa pluralidade e creatividade, e para a consolidación do tecido cultural da sociedade.

Debido ás circunstancias extraordinarias derivadas da pandemia provocada pola incidencia do COVID-19 e ás graves consecuencias previsibles para a economía en xeral e para o sector editorial en particular, o Plan de reactivación cultural, aprobado polo Goberno da Xunta de Galicia, exixe unha liña de actuación que pasa por centrar recursos en obxectivos próximos que permitan paliar a situación deste sector e poidan acadar unha dinámica máis expansiva dentro da cultura galega. E as librarías de Galicia constitúen un elo indispensable na cadea de valor e de comercialización do libro, así como un espazo fundamental de mediación e de dinamización cultural a través do contacto entre autores/as e lectores.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura e Turismo establece subvencións de apoio ás librarías de Galicia, co fin de cubrir os gastos das actividades de difusión do libro e de fomento da lectura levadas a cabo neste ano 2020.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura e Turismo quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de seren titulares de librarías que desenvolvan a súa actividade en Galicia, de acordo co establecido na presente orde (código do procedemento CT224C).

As axudas van dirixidas a apoiar o sector libreiro galego, no que se refire aos gastos derivados das actividades destinadas ao fomento da promoción da lectura e de difusión do libro e de creadores galegos (escritores/as, ilustradores/as e tradutoras/os) ou de fóra de Galicia, no ano 2020.

Para os efectos da presente orde, considéranse actividades de promoción da lectura e de difusión do libro e dos/das creadores/as, entre outras, as presentacións, encontros, lecturas ou actividades similares, levadas a cabo no espazo físico do establecemento libreiro, así como actos de difusión dos libros a través da páxina web e redes sociais da libraría, difusión en prensa, radio, internet ou a través doutros medios.

As actividades deberán realizarse desde a resolución desta orde de subvencións e ata o 30 de novembro de 2020.

2. Así mesmo, esta orde ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2020.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de titulares de librarías e desenvolvan a súa actividade en Galicia, de acordo co establecido na presente orde.

2. En todo caso, estarán suxeitas ás limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

3. Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos apartados 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 150.000 €.

2. Quedarán excluídas desta axuda aquelas librarías que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acaden unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

3. A axuda non pode superar en ningún caso os 3.000 € por libraría.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O importe final adxudicado a cada entidade determinarase proporcionalmente ao resultado da valoración resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 12 desta orde, coas limitacións establecidas neste artigo.

Artigo 4. Natureza e concorrencia das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde para apoiar as librarías galegas quedan suxeitas ao Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites sinalados no Regulamento (UE) núm. 1407/2013. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000,00 € nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se tal acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as librarías que sexan persoas xurídicas e para os seus representantes, así como para as persoas físicas que sexan autónomas, tendo en conta que neste colectivo existe esta figura e pola natureza da súa actividade e a súa capacidade técnica e dedicación profesional acreditada, cómpre que a súa relación co sector público autonómico sexa por vía electrónica, de acordo co establecido no artigo 14.2.a) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de que presenten as súas solicitudes presencialmente, requiriranse para que as emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As librarías das que sexan titulares persoas físicas, aquelas que non teñan a obriga de darse de alta como autónomas, opcionalmente, poderán presentar as súas solicitudes presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

A. Documentación de carácter xeral:

– De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da libraría solicitante, tanto se é persoa física como xurídica. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados.

– Copia do último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Certificado de exención do do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– Declaración xurada de exención do pagamento do imposto de actividades económicas, de ser o caso.

– No caso de que a libraría, sexa persoa física ou xurídica, non conste inscrita nas bases de datos da Axencia Estatal da Administración Tributaria, e/ou da Tesourería Xeral da Seguridade Social e/ou da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, deberá achegar unha certificación que acredite o motivo polo cal non figura inscrita nas ditas bases de datos.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

B. Documentación específica:

– Memoria detallada das actividades de difusión de libros que vai levar a cabo a libraría, con indicación da data, número de actividades, persoa/s participante/s, público asistente e breve descrición da actividade.

– Memoria detallada das actividades de difusión de libros que se van levar a cabo na páxina web da libraría, prensa, radio, internet ou calquera outra canle, con indicación da data, número de actividades, persoa/s participante/s, público asistente e breve descrición da actividade.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá pedirlles ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, etc.

Artigo 8. Forma de presentación da documentación complementaria

1. As librarías que sexan persoas xurídicas e os seus representantes deberán presentar a documentación complementaria electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14.2.b) e d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro. No caso de que se presentase a documentación complementaria presencialmente, serán requiridas para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As librarías que sexan persoas físicas, aquelas que non teñan a obriga de darse de alta como autónomos, deberán presentar a documentación preferiblemente por vía electrónica. Tamén poderán presentala en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. As librarías, tanto persoas físicas como xurídicas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.

4. Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial, dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas (IAE).

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

i) Certificación de domicilio fiscal.

j) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. Cando as persoas interesadas se opoñan a estas consultas deberán facelo constar nos correspondentes recadros habilitados para tal efecto na solicitude e, ao mesmo tempo, achegar os documentos oportunos.

3. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada está incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 11. Procedemento de instrución

1. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Avaliación que se axustará aos preceptos contidos na sección 3ª da Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público.

2. Correspóndelle á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro a instrución do procedemento de concesión de subvencións e desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

3. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado, segundo os criterios establecidos na presente orde. O dito órgano colexiado, Comisión de Avaliación, estará constituída polos seguintes membros:

– Presidente/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

– Secretario/a: un/unha funcionario/a de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro, nomeado/a pola persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

– Vogais:

A persoa titular da xefatura do Servizo do Sistema de Bibliotecas.

A persoa titular da xefatura do Servizo do Libro e Publicacións.

Una persoa funcionaria de carreira da Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que para o efecto designe a persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais.

4. As solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria valoraranse de acordo cos criterios establecidos no artigo 12 desta orde e a repartición económica realizarase proporcionalmente ás puntuacións obtidas, cos límites determinados no artigo 3.

5. Ningunha libraría poderá recibir unha axuda que exceda o 80 % do custo total das actividades realizadas.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten serán valoradas pola Comisión de Avaliación a que fai referencia o artigo 11, punto 3, de acordo cos seguintes criterios e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

1) Actividades de difusión de carácter presencial na libraría:

a) Polo número de actividades:

– Ata 5 actividades, inclusive: 10 puntos.

– Máis de 5 actividades: 15 puntos.

b) Actos que formen parte dun ciclo: 10 puntos.

c) Ao menos 2 das actividades coa presenza de autor/a (escritor/a), ilustrador/a ou tradutor/a): 25 puntos.

d) Actos, debates, conferencias etc. que fomenten a inclusión e a diversidade: 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 60 puntos.

2) Actividades de difusión de carácter non presencial na libraría:

a) Difusión a través da páxina web da libraría: 10 puntos.

b) Difusión a través de redes sociais ou outras canles dixitais: 10 puntos.

c) Difusión en prensa escrita e/ou dixital, en radio ou noutros medios distintos: 10 puntos.

Máxima puntuación nesta epígrafe: 30 puntos.

Artigo 13. Proposta de resolución

Unha vez avaliados os proxectos segundo os criterios establecidos no artigo 12 desta orde, a Comisión de Avaliación remitirá o seu informe á Subdirección Xeral de Bibliotecas e do Libro que, como órgano instrutor, elaborará a proposta de resolución, na cal se incluirá unha listaxe que indique a puntuación asignada a cada proxecto.

Artigo 14. Resolución

O órgano instrutor trasladará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, que ditará a resolución de concesión, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, no prazo de quince (15) días desde a elevación da proposta de resolución, de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web
http://www.cultura.gal

Deberá comunicarse por escrito á persoa beneficiaria o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

Artigo 15. Notificación e desestimación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco (5) meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

7. O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16. Publicación dos actos

Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións administrativas, provisional e definitiva, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 17. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Aceptación das axudas

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

No suposto de que algunha libraría non acepte a axuda ou renuncie a ela, o órgano instrutor poderá formular unha proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible a aquelas solicitudes valoradas pola comisión e que resultasen beneficiarias, sen alcanzar o límite fixado no artigo 3.3 desta orde.

Artigo 19. Xustificación

1. As librarías beneficiarias das axudas, para percibiren a subvención, quedan obrigadas a acreditar a realización das actividades subvencionadas e a xustificar a totalidade do orzamento, no prazo establecido na presente orde. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.

2. A xustificación das axudas deberá realizarse do seguinte xeito:

2.1. A contía correspondente á axuda librarase antes do 15 de decembro de 2020, tras a aceptación da axuda por parte da entidade beneficiaria e da entrega da seguinte documentación:

– A/as factura/s xunto co xustificante do pagamento realizado á/ás persoas participantes na actividade de difusión, de ser o caso.

– Material fotográfico, copia de material divulgativo en que quede acreditada a realización da/das actividade/s presenciais na libraría.

– A factura xunto co xustificante de pagamento realizado ao diario escrito e/ou radio en que se realizou a difusión.

– Comunicación que acredite a plataforma ou plataformas dixitais onde se realizou a difusión.

– Material divulgativo, de ser o caso, tal como carteis, folletos... en que se acredite a realización das actividades, que deberán xustificarse mediante a correspondente factura e o xustificante de pagamento.

– Facturas xunto co xustificante do pagamento da divulgación na páxina web e/ou nas redes sociais, de ser o caso.

– Calquera outra que xustifique un gasto imprescindible para realizar as actividades obxecto desta orde.

Artigo 20. Pagamento

1. Poderá realizarse o pagamento do 50 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado, que se fará efectivo por solicitude da entidade beneficiaria, unha vez realizada a notificación da subvención e tras a aceptación desta.

Ao abeiro do disposto no artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano concedente.

De acordo co artigo 65.4.i) do Decreto 11/2009, para a concesión dos pagamentos anticipados non se exixirá a presentación de garantías polas entidades beneficiarias.

2. Para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considérase gasto realizado e pagado o que se acredite entre a data de publicación da resolución de concesión da subvención e o prazo de xustificación previsto na presente orde.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda.

– Identificación da persoa destinataria do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 €. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que a presente no prazo improrrogable de dez (10) días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

6. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá requirir en todo momento calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

7. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias desta axuda quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, a persoa peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas coma das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

4. Se para a realización da actividade obxecto da subvención se utiliza calquera elemento susceptible de xerar dereitos de autor, debe cumprirse o que dispón a normativa sobre propiedade intelectual.

5. As persoas beneficiarias das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 22. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura e Turismo instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, supletoriamente:

d) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico, que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

e) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 25. Recursos

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, o interesado poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, contados desde a recepción da notificación da resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun (1) mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Cultura e Turismo, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Disposición derradeira primeira

Facúltaselle a persoa titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais, no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file
missing image file