Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 11 de agosto de 2020 Páx. 31861

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2020/21 (código de procedemento TU200A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das facultades que corresponden ao Estado.

A Axencia Turismo de Galicia está a levar adiante unha política de asistencia económica ás/aos estudantes do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (en diante CSHG), que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade, así como a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico dos/das estudantes que cursen as titulacións do CSHG.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de bolsas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Axencia Turismo de Galicia,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), así como efectuar a súa convocatoria para o curso 2020/21.

2. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2020/21:

a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

b) 12 bolsas tipo II para o 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

c) 3 bolsas tipo II para o 1º curso de Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

2. Solicitudes.

1. Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos nos artigos 6 e 7 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-institucional/transparencia/axudas-e-subvencions e a páxina web do CSHG: http://www.cshg.es/index.php/es/formacion/informacion-interes/becas-y-financiacion.

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento TU200A.

c) Os teléfonos 981 54 25 19 e 981 54 25 59 do CSHG.

d) Correo electrónico informacion.cshg@xunta.gal.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.gal. Se as dúbidas están relacionadas coas bases da presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico informacion.cshg@xunta.gal.

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

A directora da Axencia Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro,
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das bolsas para a realización de estudos no CSHG para o curso 2020/21

Artigo 1. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula, en réxime de concorrencia competitiva, para os/as alumnos/as que cursen as titulacións que imparte o CSHG, para o curso 2020/21, código do procedemento TU200A.

Artigo 2. Clases e contías das bolsas

1. As bolsas supoñen un desconto no prezo da matrícula ordinaria por titulación en réxime externo, segundo se reflicte na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do CSHG (DOG núm. 128, do 8 de xullo), modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019 (DOG núm. 199, do 18 de outubro).

2. As bolsas serán de dous tipos, ao abeiro do disposto no artigo 6.2 da Orde do 4 de xullo de 2014, modificada pola Orde do 3 de outubro de 2019:

Tipo I: supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

Tipo II: supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria por titulación.

3. Conforme as titulacións que se imparten no CSHG, a través da presente convocatoria outorgaranse as seguintes bolsas para o curso 2020/21:

a) 6 bolsas tipo I para o 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

b) 12 bolsas tipo II para o 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira.

c) 3 bolsas tipo II para o 1º curso de Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

Artigo 3. Persoas solicitantes

1. Poderán solicitar estas bolsas os/as alumnos/as que reúnan os requisitos académicos e económicos que establece esta resolución e teñan feito, se procede, a reserva de praza nalgunha das titulacións do CSHG para o curso 2020/21, no seu primeiro curso.

2. No caso de que non se outorgue a totalidade das bolsas incluídas para a convocatoria do curso 2020/21, poderán outorgarse ao alumnado do resto de cursos, sempre que reúnan os requisitos establecidos para a obtención das bolsas no artigo 4 destas bases, salvo o de cursar o primeiro curso.

En todo caso, só poderán obter bolsa neste suposto os alumnos/as que non obtivesen bolsa en ningunha ocasión anterior e superen o curso nas convocatorias de xuño, a excepción do stage.

Artigo 4. Requisitos xerais

Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:

1. Ser español, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o propio estudante ou os seus proxenitores/titores ou representante legal se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os estudantes estranxeiros non comunitarios deberán acreditar a súa condición de residentes e queda excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estadía.

2. Non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior.

3. Matricularse por primeira vez no primeiro curso das titulacións do CSHG para o cal se pide a bolsa.

4. Non ter en vigor unha bolsa ou exención do CSHG.

Artigo 5. Requisitos específicos segundo o tipo de bolsas

a) Para as bolsas de 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira, acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (EBAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

b) Para as bolsas de 1º curso de Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, acreditar ter superado o bacharelato (ou equivalente), ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores, antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

c) En ambos os casos, a renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 11 desta resolución.

Artigo 6. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para o procedemento TU200A. Este formulario axústase ao modelo que figura no anexo II.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Anexo III, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– Certificación que inclúa a nota media dos estudos da persoa solicitante, que permitan o acceso á universidade ou tarxeta PAAU para os que se matriculen no Diploma Superior en Xestión Hoteleira, ou do Bacharelato (ou equivalente), ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores para os que se matriculen no Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– Copia do libro de familia.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, presentarase unha declaración responsable en que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo, ademais, unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

E, se for o caso:

– Xustificante de orfandade absoluta da persoa solicitante.

– Documentación acreditativa da independencia familiar e económica.

– Título oficial de familia numerosa (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas) só no caso de que sexa expedido por outra comunidade autónoma.

– Xustificante da condición de persoa con discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar só no caso de que sexa expedido por outra comunidade autónoma.

– Xustificante de viuvez, solteiría, separación ou divorcio do pai/nai da persoa solicitante.

– Certificación académica de estar cursando estudos universitarios, dos membros da unidade familiar menores de 25 anos e residentes fóra do domicilio familiar, durante o curso 2019/20.

2. No caso das persoas solicitantes que aspiren á renovación da bolsa, deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

– Anexo III, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, presentarase unha declaración responsable en que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo, ademais, unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

A documentación relacionada neste punto non é preciso presentala no caso dos beneficiarios de bolsas de excelencia para a renovación da bolsa.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento (tanto para novas adxudicacións de bolsas como para renovación) consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade familiar.

– Consulta de datos de residencia da persoa solicitante e dos demais membros que integran a unidade de convivencia.

– Certificacións catastrais literais da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

– Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade familiar do último exercicio fiscal de que estean dispoñibles estes datos.

2. No caso das bolsas que se solicitan por primeira vez, consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle son de aplicación as circunstancias que acreditan os seguintes documentos, e sempre que fosen expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia:

– Título de familia numerosa.

– Certificado de discapacidade da persoa solicitante e dos membros da unidade familiar.

3. No caso de que as persoas interesadas ou os membros da súa unidade familiar se opoñan expresamente a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude no caso do solicitante, ou no anexo III no caso dos membros da unidade familiar, e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Selección

A cada persoa beneficiaria concederáselle unha bolsa, que consistirá no desconto do importe que o/a alumno/a teña que aboar pola matrícula en réxime externo segundo a tipoloxía da bolsa (tipo I ou II).

A ordenación e selección farase ordenando todas as solicitudes que cumpran os requisitos, segundo a puntuación obtida pola renda familiar e o seu expediente académico, ata esgotar o número de bolsas destinado para cada modalidade.

Para as seis primeiras puntuacións de Diploma Superior en Xestión Hoteleira as bolsas serán de tipo I e de tipo II para as doce seguintes. En Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña serán de tipo II.

A puntuación por solicitante será o resultado de sumar a puntuación resultante da renda per cápita da unidade familiar (A) e do expediente académico (B). Sobre unha puntuación máxima de 10 puntos, a puntuación resultante da renda per cápita da unidade familiar (A) pode alcanzar ata un máximo de 6 puntos e a do expediente académico (B) ata un máximo de 4 puntos.

A puntuación correspondente á renda per cápita da unidade familiar (A) será a resultante de aplicar os criterios de cálculo e límites establecidos no artigo 11.

A puntuación obtida polo expediente académico (B) virá dada pola fórmula: [(cualificación expediente - 5) * 4 ] /5

Para o cálculo das notas do expediente:

Para 1º curso de Diploma Superior en Xestión Hoteleira empregarase a cualificación na proba de acceso á universidade (EBAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso.

Para 1º curso de Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña empregarase a cualificación do expediente de bacharelato (ou equivalente), ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores.

No suposto previsto no artigo 3.2 destas bases, isto é, as solicitudes de bolsa de alumnos/as que estén xa cursando algunha das titulacións do CSHG, empregarase a cualificación da nota media do seu expediente académico ata o curso 2019/20 sen incluír a nota do stage de 2020.

A puntuación total será o resultado da suma de A (ponderado nun 60 %) e B (ponderado nun 40 %).

En caso de empate entre dúas ou máis persoas solicitantes, procederase ao desempate de acordo co expediente académico dos/das persoas solicitantes afectados/as.

Artigo 11. Cálculo da renda per cápita, límites de renda e puntuación resultante

1. A renda familiar total obterase pola agregación das rendas do exercicio 2019 de cada un dos membros computables da familia (entendéndose como tales os membros que integren a unidade de convivencia) que obteña ingresos de calquera natureza segundo se indica nos parágrafos seguintes e de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Para a determinación da renda dos membros computables que presenten declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas, procederase do seguinte xeito:

– Primeiro: sumarase a base impoñibe xeral coa base impoñible do aforro.

– Segundo: deste resultado restarase a cota resultante da autoliquidación.

3. Para a determinación da renda dos membros computables que obteñan ingresos propios e non presentasen a declaración do IRPF, seguirase o procedemento descrito no parágrafo primeiro deste punto anterior e do resultado obtido restaranse os pagamentos á conta efectuados.

4. Para o cálculo da renda familiar total, son membros computables da unidade de convivencia o pai e a nai, ou o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor, o/a solicitante, os irmáns solteiros menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar en 31 de decembro de 2019 ou os maiores de idade, cando se trate de persoas con discapacidade, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente. No caso de persoas solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se considerarán membros computables o cónxuxe ou, de ser o caso, a persoa que se atope unida por análoga relación, así como os fillos, se os houber.

5. No caso de divorcio, separación legal ou de feito dos pais, non se considerará membro computable aquel que non conviva co/a solicitante da bolsa. Terá, non obstante, a consideración de membro computable, de ser o caso, o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación cando conviva no mesmo domicilio do solicitante.

6. Nos casos en que o/a solicitante alegue que é o único membro da unidade familiar, deberá acreditar con que medios económicos conta. No caso de que os ingresos acreditados resulten inferiores aos gastos soportados, considerados indispensables (vivenda, manutención etc.) entenderase non probada a independencia, polo que para o cálculo da renda, para efectos de bolsa, se computarán os ingresos correspondentes aos membros computables da familia a que se refire o punto 5 deste artigo. De non xustificar suficientemente estes aspectos, a solicitude será obxecto de denegación.

7. Unha vez calculada a renda familiar total segundo o establecido nos puntos anteriores, aplicaranse as deducións seguintes:

a) O cincuenta por cento de renda computable por cada un dos membros da unidade familiar distinto do sustentador principal e do seu cónxuxe.

b) 500,00 euros por cada irmán, incluído o/a solicitante, que conviva no domicilio familiar, cando se trate de familias numerosas de categoría xeral e 765,00 euros para familias numerosas de categoría especial, sempre que teñan dereito a este beneficio. Cando sexa o/a propio/a solicitante o/a titular da familia numerosa, as cantidades sinaladas serán computadas en relación cos fillos que a compoñan.

c) 1.811,00 euros por cada irmán ou fillo do solicitante ou o propio solicitante, que acredite a condición de persoa con discapacidade, cun grao igual ou superior ao 33 %. Esta dedución será de 2.881,00 euros cando a discapacidade sexa de grao igual ou superior ao 65 %.

d) 1.176,00 euros por cada fillo menor de 25 anos que curse estudos universitarios e resida fóra do domicilio familiar, cando sexan dous ou máis os fillos estudantes con residencia fóra do domicilio familiar por razón de estudos universitarios.

e) Incrementaranse os límites de renda media por membro da unidade familiar aplicables nun 20 por cento cando o/a solicitante sexa orfo/a absoluto/a.

8. A bolsa solicitada será denegada no caso de que a renda media por membro da unidade familiar sexa superior a 14.273,00 euros.

9. A bolsa solicitada será denegada cando as actividades económicas das cales sexan titulares os membros computables da familia teñan un volume de facturación, en 2019, superior a 155.500 euros. Para os efectos do cómputo do dito valor de volume de facturación, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

10. Denegarase a bolsa, calquera que for a renda familiar calculada segundo o disposto nos artigos anteriores, cando o valor dos elementos indicativos do patrimonio do conxunto de membros computables da familia supere algún ou algúns dos limiares seguintes:

a) A suma dos valores catastrais dos predios urbanos que pertenzan aos membros computables da familia, excluída a vivenda habitual, e aqueles bens que se atopan afectos a actividades económicas realizadas por calquera dos membros computables da unidade familiar non poderá superar 42.500,00 euros.

b) A suma dos valores catastrais dos predios rústicos que pertenzan aos membros computables da familia non poderá superar 13.130,00 euros de media por cada membro computable.

c) A suma dos rendementos netos reducidos do capital mobiliario máis o saldo neto positivo de ganancias e perdas patrimoniais pertencente aos membros computables da familia, excluíndo as subvencións recibidas para adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual e, se for o caso, a renda básica de emancipación, non poderá superar 1.700,00 euros.

d) Cando sexan varios os elementos indicativos do patrimonio descritos nos puntos anteriores de que dispoñan os membros computables da familia, calcularase a porcentaxe de valor de cada elemento respecto do límite correspondente. Denegarase a bolsa cando a suma das referidas porcentaxes supere 100.

e) Para os efectos do cómputo do valor dos elementos a que se refiren os parágrafos anteriores, deducirase o 50 % do valor dos que pertenzan a calquera membro computable da familia, excluídos os sustentadores principais.

11. A renda media por membro da unidade familiar, calculada como a renda total da unidade familiar dividida entre o número de membros computables, puntuarase seguindo os seguintes tramos:

Renda media por membro da unidade familiar (en euros)

Puntuación

14.273 ou máis

excluído

13.831 a 14.272

0

13.389 a 13.830

0,25

12.948 a 13.388

0,5

12.506 a 12.947

0,75

12.065 a 12.505

1

11.623 a 12.064

1,25

11.183 a 11.622

1,5

10.741 a 11.182

1,75

10.300 a 10.740

2

9.858 a 10.299

2,25

9.417 a 9.857

2,5

8.975 a 9.416

2,75

8.534 a 8.974

3

8.093 a 8.533

3,25

7.651 a 8.092

3,5

7.211 a 7.650

3,75

6.769 a 7.210

4

6.328 a 6.768

4,25

5.886 a 6.327

4,5

5.445 a 5.885

4,75

5.003 a 5.444

5

4.562 a 5.002

5,25

4.120 a 4.561

5,5

3.679 a 4.119

5,75

0 a 3.678

6

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia publicará na súa páxina web oficial o texto íntegro da convocatoria das axudas ou subvencións, a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a suministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

4. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Compatibilidade con outras axudas

As bolsas reguladas ao abeiro desta resolución son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatales, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

O importe das bolsas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concurrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da matrícula do curso solicitado.

Artigo 14. Órganos competentes

A Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa e corresponde á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia ditar a resolución de concesión, así como as demais resolucións que poñan fin ao procedemento.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Instrución

1. Unha vez finalizado o prazo de recepción de solicitudes, determinarase se reúnen os requisitos establecidos nestas bases, para logo expoñer as listas das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios do CSHG, con indicación das causas de exclusión. Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas, no enderezo web do CSHG http://www.cshg.es/index.php/es/formacion/informacion-interes/becas-y-financiacion

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o/a interesado/a para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte. Xunto cos expedientes o órgano instrutor remitirá unha proposta de puntuación corresponde a cada expediente, calculada en aplicación dos criterios de valoración previstos nos artigos 8 e 9.

Artigo 17. Comisión avaliadora

1. A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente/a: a persoa titular da Xerencia da Axencia Turismo de Galicia.

Secretario/a: a persoa titular do CSHG, que actuará como membro do órgano con voz e voto.

Vogais:

A persoa titular do departamento de Coordinación Académica do CSHG.

Un/unha asesor/a técnico/a da Axencia de Turismo de Galicia.

A persoa titular do Departamento de Marketing do CSHG.

2. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non poider asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

3. A comisión levantará acta das súas deliberacións e elaborará un informe en que constarán:

– Relación de bolsas propostas para cada unha das titulacións, de conformidade cos criterios de valoración fixados nestas bases.

– Lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas, por orde de puntuación, para cada titulación.

Á vista do informe da comisión avaliadora, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución provisional debidamente motivada, na cal se detallarán as bolsas concedidas, o importe e as persoas beneficiarias, así como as listas de reserva. Esta proposta publicarase na internet, na web do CSHG, no enderezo http://www.cshg.es/index.php/es/formacion/informacion-interes/becas-y-financiacion, así como no taboleiro de anuncios do CSHG, e os/as interesados/as poderán formular alegacións nun prazo de 10 días contado desde o día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Resolución

1. Examinadas as alegacións, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva e elevaraa á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, á vista da proposta de resolución, ditará no prazo de 15 días desde a súa elevación a correspondente resolución motivada, que será publicada no DOG, así como nos lugares indicados no artigo 17.3.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

3. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes a esta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Contra a devandita resolución, que pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade cos requisitos establecidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 17.3.

3. Cando o beneficiario da bolsa poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da bolsa, e que poderían dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da bolsa poderá aceptar a xustificación presentada, sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Aceptación e renuncia

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación e, transcorrido este sen que se producise manifestación expresa en contra, entenderase tacitamente aceptada.

2. A renuncia á bolsa poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo IV, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

3. No caso de que as persoas beneficiarias non acepten a bolsa, serán substituídos/as polas persoas que figuren na correspondente listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 21. Aboamento e xustificación das bolsas

A bolsa non supón a entrega efectiva de diñeiro ao/á alumno/a ao/á cal lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula segundo o tipo de bolsa que lle foi concedido.

Artigo 22. Obrigas das persoas solicitantes e beneficiarias

As persoas solicitantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de persoa beneficiaria de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indicado no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

O alumnado que resulte beneficiario destas bolsas comprométese ao cumprimento do establecido nesta convocatoria e na súa resolución, así como a cumprir as seguintes obrigas:

a) Seguir durante o curso académico, con carácter presencial, os estudos en que estea matriculado e non anular a matrícula.

b) Cumprir os requisitos e condicións establecidos para a concesión e goce da bolsa.

c) Cooperar coa Administración nas actuacións de comprobación que sexa necesario verificar, se procede, do cumprimento e a efectividade das condicións determinantes da concesión da bolsa.

d) Comunicar por escrito calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias alegadas na solicitude ou na declaración responsable e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Axencia Turismo de Galicia.

e) Comunicar á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien o custo da matrícula solicitada, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da bolsa.

f) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das bolsas, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Comunicar por escrito a renuncia á bolsa no caso de producirse unha causa que determine a dita renuncia.

h) Subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 23. Duración das bolsas, condicións aplicables ao desfrute da bolsa e renovación

a) Estas bolsas concédense durante a totalidade dos cursos de que se compón a titulación para a cal foron concedidas, sempre que non exista unha variación substancial da situación económica, se manteñan os requisitos económicos e patrimoniais establecidos nestas bases para obter a bolsa, e o/a alumno/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento. Enténdese que existe unha variación substancial cando a situación económica en cada un dos anos fiscais seguintes á concesión da bolsa supere en 6.000,00 euros ou máis a renda media establecida para obter bolsa este ano.

b) Os/as alumnos/as beneficiarios/as da concesión dunha bolsa de matrícula non poderán solicitar un cuarto individual na residencia de estudantes do centro.

c) A concesión da bolsa para unha titulación non supón, en ningún caso, o seu mantemento se se desexa iniciar unha titulación diferente. Non terán dereito a bolsa os/as alumnos/as que desexen matricularse no curso de convalidación do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

d) O/a alumno/a que obteña unha bolsa para cursar unha titulación do CSHG e que, non tendo finalizados os cursos dos que se compón esta, desexe iniciar outra titulación diferente, perdería os dereitos da bolsa de que estivo gozando.

e) O/a alumno/a que cause «baixa voluntaria» implicará a perda da bolsa para reiniciar ese curso e cursar os seguintes.

f) O/a alumno/a que acumule 2 o máis sancións por faltas graves ou unha moi grave poderá perder a bolsa.

g) A cualificación de stage incompleto ou insatisfactorio supón a perda da bolsa, así como o suspenso do curso. Nestes casos non será posible volver solicitar a renovación da bolsa unha vez superado o curso suspenso e repetido.

h) A falta de entrega da documentación exixida para acreditar a situación económica e patrimonial da unidade familiar ou a presentación fóra do prazo establecido serán motivo de perda da bolsa.

Artigo 24. Remisión normativa

É de aplicación o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia – Axencia Turismo de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file