Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 11 de agosto de 2020 Páx. 31858

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2020 pola que se modifica a Resolución do 14 de xuño de 2018 pola que se aproban as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para a posterior axuda á produción dunha obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT208A).

A situación provocada pola epidemia do COVID-19 e a consecuente declaración do estado de alarma polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, está a ter un impacto nas empresas audiovisuais que se enfrontan a dificultades tanto por problemas de liquidez como pola interrupción da actividade económica, que impiden o cumprimento das obrigas e a presentación das xustificacións das actividades subvencionadas nos prazos establecidos para levar a cabo os seus proxectos. Por este motivo, a Axencia Galega das Industrias Culturais considera necesaria a modificación da convocatoria do ano 2018 para produción dunha obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Modificar as bases primeira, punto 1; cuarta, punto 3; décimo sétima, puntos 2, 3 e 4, e a décimo oitava, punto 2, da Resolución do 14 de xuño de 2018 pola que se aproban as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para a posterior axuda á produción dunha obra audiovisual de contido específico que fomente a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT208A), da forma seguinte:

Primeiro. Modificar o punto un da base primeira, que queda redactado:

«1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de axudas para o desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais e para o posterior financiamento da produción dunha obra audiovisual que, non só promova a creatividade audiovisual, senón tamén promova e difunda o camiño de Santiago, a cultura xacobea e a internacionalización da marca Galicia como obxectivo estratéxico da Comunidade Autónoma de cara ao Xacobeo 2021, e que debe estrearse antes do 15 de maio de 2021».

Segunda. Modificar o punto 3 da base cuarta, que queda redactado:

3. O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será dun millón cincocentos setenta e cinco mil euros (1.575.000 euros) distribuídos segundo as seguintes anualidades con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, coa seguinte distribución:

2018

2019

2020

2021

Total

Fase 1

Traballos de desenvolvemento do proxecto audiovisual

15.000 euros por proxecto

75.000

 

75.000

Fase 2, produción dunha obra audiovisual (un dos seguintes formatos)

Produción de longametraxe de ficción cinematográfica

(1.000.000 euros por proxecto)

400.000

480.000

120.000

1.000.000

Produción de serie de ficción para TV

(1.500.000 euros por proxecto)

600.000

720.000

180.000

1.500.000

Terceiro. Modificar o penúltimo parágrafo da base décimo sétima 2, o punto 3 e o punto 4, que quedan redactados como segue:

«2. Por autorización do Consello da Xunta, o beneficiario da axuda concedida ao proxecto seleccionado na fase segunda do procedemento poderá acollerse ás previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

(..)

Nos supostos en que se presentase a documentación exixida para o pagamento da anualidade 2019, poderá pagarse totalidade da anualidade 2020, como anticipado sen xustificación, sempre que se solicite a partir da comunicación do inicio de rodaxe, e sempre a partir do 1 de xaneiro de 2020.

3. O pagamento final da subvención procederá unha vez cumpridas as obrigas establecidas na presente resolución, e xustificación, de conformidade cos artigos seguintes, sempre a partir do 1 de xaneiro de 2021. A xustificación incompleta ou insuficiente dará lugar á redución do pagamento nas porcentaxes incumpridas.

4. O prazo de xustificación da subvención ao proxecto seleccionado na fase 2 do procedemento rematará o 15 de setembro de 2021. Transcorrido este prazo sen que se presente a xustificación ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. As entidades beneficiarias terán a obriga de xustificar os anticipos concedidos no exercicio en que son aboados, en cumprimento do artigo 60.1 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia».

Cuarto. Modificar o punto 2 da base décimo oitava, que queda redactado da seguinte forma:

«2. No caso de que a produción sexa unha longametraxe cinematográfica, deberá estar estreada nun mínimo de 30 salas comerciais antes do 20 de maio de 2021. Se se trata dunha serie deberá ter como mínimo dous capítulos emitidos por televisión ou plataforma antes do 20 de maio de 2021».

Disposición adicional

Unha vez publicada a presente resolución procederase a reaxustar as anualidades nas resolucións de concesión dos beneficiarios, de conformidade coa presente resolución.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor