Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 31978

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 30 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para o impulso da comercialización dixital, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento IN201G).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.17, atribúelle á nosa comunidade autónoma competencias exclusivas en materia de artesanía. A Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade.

O Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, indica que lle corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de artesanía e comercio.

A situación de crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19 obrigou a adaptar os xeitos de relacionarse e a adoptar unha serie de medidas en canto á mobilidade de persoas e ao exercicio de actividades sociais e económicas para conter o avance da pandemia, protexer as persoas do risco de contaxio e garantir actividades consideradas esenciais, así como velar polas empresas e persoas traballadoras afectadas no aspecto económico e produtivo, de xeito que poidan recuperar a normalidade en canto rematen as circunstancias excepcionais.

Co fin de adaptarse, tanto aos novos hábitos de consumo como ás condicións que neste exercicio veñen impostas pola realidade social e sanitaria, cómpre proceder a unha nova convocatoria de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, co obxecto de impulsar accións de promoción comercial e de acceso a canles de venda innovadoras, tanto nacionais como internacionais, a través da organización e participación en eventos, feiras, certames e pop ups virtuais de interese comercial e artesanal.

Con este fin, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020 está consignado crédito por importe de 330.000,00 € nas aplicacións orzamentarias seguintes para atender as axudas da presente orde:

– 09.30.751A.770.1: 100.000,00 €. Comerciantes retallistas.

– 09.30.751A.770.3: 123.000,00 €. Titulares de obradoiros artesáns.

– 09.30.751A.761.5: 62.000, 00 €. Concellos.

– 09.30.751A.781.4: 45.000,00 €. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns.

Segundo o exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía, Emprego e Industria en materia de artesanía, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía, Emprego e Industria, en réxime de concorrencia non competitiva, para o impulso da comercialización dixital.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2020.

3. A concesión da subvención queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión, ao abeiro do establecido no artigo 25.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 330.000,00 €, que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2020:

Aplicación orzamentaria

Importe ( €)

Beneficiarios

09.30.751A.770.1. Dixitalización do sector e sustentabilidade ambiental. Pulo comercio 360

100.000,00

Artigo 3.1 do anexo I

09.30.751A.770.3. Comercialización de artesanía de Galicia. Obradoiros artesanais

123.000,00

Artigo 3.2 do anexo I

09.30.751A.761.5. Comercialización e promoción de feiras de artesanía de Galicia

62.000, 00

Artigo 3.3 do anexo I

09.30.751A.781.4. Comercialización de artesanía de Galicia. Asociacións profesionais de artesás/áns

45.000,00 €

Artigo 3.4 do anexo I

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiaria/o da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 4 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado anexo IV, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións que sexan persoas físicas están dadas de alta no réxime de autónomos e, polo tanto, teñen a obriga de empregar medios electrónicos para realizar calquera trámite dun procedemento administrativo no exercicio da súa actividade profesional, tal e como establece o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

5. O prazo para a presentación de solicitudes será aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro de 2020 ou ata o esgotamento do crédito.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez recibida a solicitude, esta será tramitada e valorada de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a dous meses contados a partir do día seguinte á data en que entrase a solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do cal se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación das solicitudes entre si, polo interese excepcional en promover actuacións que posibiliten a volta á actividade de venda dos obradoiros artesáns nunha contorna de crise económica e de grande incerteza. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as actuacións subvencionables poidan ser atendidas en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as entidades interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7. Información para as persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN201G, poderase obter información na Dirección Xeral de Comercio e Consumo e na Fundación Pública Artesanía de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria (http://ceei.xunta.gal) na súa epígrafe de axudas ou http://artesaniadegalicia.xunta.gal

b) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

c) Nos teléfonos 981 54 55 99 e 881 99 91 78 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

d) Nos teléfonos 881 99 91 71 ou 881 99 91 75 da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

e) Nos enderezos electrónicos cei.dxcomercio@xunta.gal e centro.artesania@xunta.gal

f) Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificio administrativo de San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Comercio e Consumo para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia
non competitiva, de subvencións para o fomento da comercialización dixital
(código de procedemento IN201G)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da comercialización dixital (código de procedemento IN201G).

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva. Así mesmo, quedará suxeito o réxime de axudas de minimis (agás no caso dos concellos), polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 € nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013,L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a seguir se especifican, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2020 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 16. Así mesmo, no caso das actuacións desenvolvidas por titulares de obradoiros artesanais, concellos galegos e asociacións profesionais e empresariais de artesáns, excepcionalmente considérase subvencionable a organización e participación en feiras do período do Nadal 2019-2020 e os gastos efectuados dende o 1 de novembro ata o 31 de decembro de 2019 derivados destas.

Actuacións de comercialización dixital.

a) A organización virtual de tendas efémeras, plataformas ou páxinas de market place, feiras ou calquera outro tipo de evento comercial, nacional ou internacional, celebrados en liña.

A axuda consistirá nun tícket por cada evento que se organice, ata un máximo de dous eventos por persoa beneficiaria, cun importe máximo de axuda cada un deles, a razón de:

– Eventos de ata 5 participantes, un tícket de 1.000,00 euros.

– Eventos de 6 ata 20 participantes un tícket de 3.000,00 euros.

– Eventos de 21 ata 50 participantes, un tícket de 5.000,00 euros.

– Eventos de máis de 50 participantes, un tícket de 8.000,00 euros.

A porcentaxe subvencionable por cada evento acadará o 80 % do investimento subvencionable.

Poderán ser persoas beneficiarias destas actuacións as/os titulares dos obradoiros artesanais, comerciantes retallistas, asociacións profesionais e empresariais de artesáns e concellos galegos previstos no artigo 3.

b) A participación virtual como expositora/o en tendas efémeras, plataformas ou páxinas de market place, feiras ou calquera outro tipo de evento comercial, nacional ou internacional celebrados en liña.

A axuda consistirá nun tícket por cada evento en que se participe, ata un máximo de catro eventos por persoa beneficiaria, que terán as modalidades de 500,00 € e 1.500,00 €.

A porcentaxe subvencionable por cada evento acadará o 80 % do investimento subvencionable.

Poderán ser persoas beneficiarias destas actuacións as/os titulares dos obradoiros artesanais e comerciantes retallistas previstos no artigo 3.

Actuacións de comercialización física.

1) Titulares dos obradoiros artesanais.

Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/o en feiras de interese artesanal, nacionais ou internacionais:

a) Feiras profesionais sen venda directa con retirada de mercadoría.

b) Feiras non profesionais.

c) Feiras profesionais e non profesionais do período do Nadal 2019-2020.

As devanditas feiras deberán ter indubidable interese comercial para o sector artesanal galego.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar un informe da Fundación Pública Artesanía de Galicia ou unha certificación das asociacións profesionais de artesás/áns de Galicia máis representativas que acrediten estas calidades.

Non se considerará subvencionable a participación en feiras cuxa organización sexa subvencionada ás asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns e concellos ao abeiro desta orde.

A axuda consistirá en tíckets de impulso á comercialización se non dispoñen da documentación acreditativa da actividade realizada, que terán as seguintes modalidades:

a) Tícket de feira profesional cun importe máximo de axuda cada un de: 500,00 €, 1.000,00 €, 1.500,00 €, 2.000,00 € e 3.000,00 € (IVE excluído). Os tíckets concederanse unicamente para a participación en feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior ás anteditas cantidades.

A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable.

b) Tícket de feira non profesional cun importe máximo de axuda cada un de 400,00 € e 750,00 € euros (IVE excluído) cun máximo de seis tíckets por obradoiro. Os tíckets concederanse unicamente para a asistencia a feiras cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior ás anteditas cantidades. Quedan excluídas as feiras do período de Nadal 2020-2021.

A porcentaxe subvencionable por cada feira acadará o 80 % do investimento subvencionable.

Dado que a asistencia a feiras do período de Nadal 2019-2020 para as que se solicite subvención xa se realizou ao tempo da presentación da solicitude, deberá ser presentada a documentación sinalada no artigo 4.2.3.2. xunto a esta solicitude.

O importe máximo de axuda para estas feiras será do 80 % do investimento subvencionable cun máximo de 1.500,00 € (IVE excluído) por cada unha e cun límite de 3 feiras para este período.

Así mesmo, se xa se asistiu a algunha feira daquelas a que se refiren as alíneas a) e b) e, polo tanto, xa se conta coa documentación xustificativa que así o acredite, o solicitante poderá substituír a solicitude de tícket pola antedita documentación do artigo 4.2.3.2., sinalándoo no anexo IV.

O importe máximo de subvención, para o conxunto de todas estas actuacións subvencionables, non poderá superar os 8.000,00 €, IVE excluído.

O pagamento do tícket realizarase unha vez que se xustifiquen os gastos nos termos do artigo 16, sempre que se xustifique, como mínimo, o 40 % do importe do tícket concedido.

Porén, a natureza desta subvención xustifica realizar pagamentos anticipados aos obradoiros que así o soliciten, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a esta de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 6.

2) Concellos.

Considéranse actuacións subvencionables a organización e celebración de feiras de artesanía:

a) Feiras monográficas cuxo obxectivo sexa a venda e posta en valor de produtos dun mesmo oficio tradicional.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento cun máximo de 15.000,00 € de subvención por feira.

b) Feiras non monográficas de distintos oficios.

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento. O importe máximo de subvención será de 3.000,00 € por feira se contan cun mínimo dun 80 % de expositores, sobre o total de postos, de produtos artesanais inscritos na Sección Segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns). O importe máximo de subvención será de 1.500,00 € por feira para as que conten cun mínimo do 40 % de expositores mencionados na alínea anterior.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar os 15.000,00 €.

3) Asociacións profesionais e empresariais de artesáns.

Considéranse actuacións subvencionables:

a) Organización de feiras de artesanía no ámbito da Comunidade Autónoma de distintos oficios, que conten cun mínimo dun 80 % de expositores (sobre o total de postos) de produtos artesanais inscritos na Sección Segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (obradoiros artesáns).

A porcentaxe subvencionable acadará o 80 % do investimento cun máximo de 15.000,00 € de subvención por certame.

O importe máximo de subvención para o conxunto de todas as actuacións subvencionables non poderá superar os 30.000,00 €.

5. Gastos subvencionables:

a) Son gastos subvencionables para a asistencia a feiras como expositora/o:

– Os que ocasione o alugamento do espazo expositivo que se contrata.

– Os seguros e aqueles servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento da feira.

– O transporte do material expositivo por un transportista profesional.

– No caso de feiras internacionais, os servizos de tradución e o transporte internacional por un transportista profesional.

– No caso de feiras e eventos virtuais, os gastos de inscrición neles, así como a elaboración de contidos e a realización de material audiovisual dos produtos para a súa inserción no espazo web do evento.

b) Son gastos subvencionables para a organización de feiras:

– A infraestrutura e os servizos propiamente feirais. No caso de feiras e eventos virtuais, os gastos correspondentes ao espazo web, infraestrutura e soporte informático.

– A publicidade.

En todo caso, no suposto dos concellos, os gastos subvencionables deberán cumprir o establecido no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

6. Gastos e actuacións non subvencionables:

a) Gastos derivados da participación en feiras: construción das casetas, seguros non obrigatorios, vixilancia, contratación de persoal de atención ao público, de intérpretes (coas excepcións recollidas nos puntos anteriores), axudas de custo de manutención, desprazamentos, aloxamento e publicacións.

b) Organización e celebración de feiras: gastos derivados de seguros non obrigatorios, axudas de custo de manutención, desprazamentos e aloxamento, regalos promocionais e realización de cócteles e actos análogos, gastos de persoal propio da entidade de que se trate, así como calquera outro gasto derivado da súa actividade habitual.

c) Organización, celebración e participación de feiras de carácter gastronómico, turístico e festivais musicais.

d) Os impostos recuperables ou repercutibles pola persoa beneficiaria e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

e) Aqueles que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable, e/ou directamente relacionados coa cualificación dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito total de 330.000,00 €, que será imputado ás aplicacións orzamentarias seguintes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2020:

– 09.30.751A.770.1: 100.000,00 €.

– 09.30.751A.770.3: 123.000,00 €.

– 09.30.751A.761.5: 62.000,00 €.

– 09.30.751A.781.4: 45.000,00 €.

As ditas aplicacións orzamentarias están financiadas por fondos propios libres.

2. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

3. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería e entes dependentes para os mesmos conceptos subvencionables.

Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE nº 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de vinte (20) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal da persoa solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, terán de prazo ata a data límite de presentación da solicitude de subvención para solicitar a inscrición no dito rexistro.

3. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas en que cando menos o 90 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos na Sección Segunda (obradoiros artesanais) do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

4. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal

Artigo 4. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indica no artigo 3 da orde de convocatoria.

2. As persoas interesadas deberan achegar xunto coa solicitude, anexo IV, a seguinte documentación:

2.1. Comerciantes retallistas e asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns:

a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se for o caso, modificación deles, debidamente legalizados. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.

b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da entidade solicitante, ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.

c) Se for o caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE).

d) No caso de comerciantes retallistas, se a persoa solicitante está dada de alta no IAE nunha actividade económica do anexo II ou III e noutra ou outras que non sexan subvencionables deberá xustificar cal de elas é a principal:

– No caso de sociedades, presentarán a declaración anual do IVE (modelo 390) do ano anterior. No suposto de sociedades constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, substituirase ese documento pola declaración responsable contida no anexo VII (declaración responsable da actividade principal).

– As comunidades de bens, sociedades civís e persoas físicas acreditarán cal das actividades é a principal mediante a declaración responsable contida no anexo VII (declaración responsable da actividade principal).

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, procederase ao inicio do expediente de reintegro da subvención concedida, de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Informe de vida laboral do código de conta de cotización da persoa solicitante ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadoras/es.

f) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da asociación profesional e/ou empresarial de artesás/áns que acredite a relación de persoas asociadas que a integran, indicando o seu NIF correspondente.

2.2. Concellos:

a) Xustificante de que se atopa ao día na rendición de contas xerais diante do Consello de Contas de Galicia, de acordo co previsto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Declaración do concello de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda (anexo IV).

2.3. Documentación común para todas/os as/os solicitantes, segundo o caso:

2.3.1. Para a organización en actuacións de comercialización dixital.

Memoria explicativa do evento ou do proxecto en que consten os seguintes aspectos: datas de celebración, entidade ou persoa organizadora, se for o caso, o enlace a plataforma ou páxina web, se está en liña ou, se for o caso, capturas de pantalla, segundo anexo VIII (información e memoria das características do evento feiral).

2.3.2. Para participación en actuacións de comercialización dixital.

Memoria explicativa do evento en que consten os seguintes aspectos: datas de celebración, entidade ou persoa organizadora, se for o caso, o enlace a plataforma ou páxina web se está en liña ou, se for o caso, capturas de pantalla, segundo anexo VIII (información e memoria das características do evento feiral).

2.3.3. Para a participación en actuacións de comercialización física.

No caso de que o titular do obradoiro solicite feiras das que xa dispón de documentación achegará, xunto coa solicitude (anexo IV), a documentación xustificativa segundo o artigo 16 (facturas, xustificantes dos pagamentos, certificación expresa de participación no certame e documentación gráfica do evento). A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar certificación da Fundación Pública Artesanía de Galicia ou ben dunha asociación profesional de artesás/áns de Galicia que acredite o indubidable interese comercial para o sector artesanal.

2.3.4. Para a organización de actuacións de comercialización física (concellos e asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns).

– Memoria explicativa do evento en que consten os seguintes aspectos: datas de celebración, horario e lugar; número de edición, relación de expositores e de obradoiros artesáns no cal se indicará o NIF do obradoiro ou, se for o caso, do seu responsable para os efectos da súa consulta no RXAG; relación de oficios convocados, segundo anexo VIII (información e memoria das características do evento feiral). No caso de feiras que ao remate do prazo de presentación de solicitudes aínda non teñan data de convocatoria ou de apertura do prazo de inscrición, a relación de expositores e de obradoiros artesáns referirase á edición inmediatamente anterior.

– Bosquexo do recinto feiral; infraestrutura do recinto con servizos con que conta e características das casetas; campaña publicitaria que se vai realizar para a difusión do evento e calquera outro aspecto relacionado coa feira.

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo solicitará un informe á Fundación Pública Artesanía de Galicia que acredite o carácter subvencionable do evento.

2.3.5. Para todas e respecto a cada unha das actuacións solicitadas:

a) Facturas ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades ou adquisicións para as cales se solicita subvención. Non terán a consideración de orzamentos as estimacións de gastos realizadas pola persoa solicitante e que carezan do soporte da oferta do provedor ou tarifa oficial do gasto nin se admitirán aqueles orzamentos que non presenten a suficiente desagregación para determinar o carácter subvencionable dos conceptos relacionados nel.

b) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, deberán constar expresamente (anexo VI - declaración-compromiso para os efectos do sinalado no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para o procedemento IN201G 2020) os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. Deberá nomearse unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

1. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os cales se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola persoa solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

2. Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionados pola persoa solicitante para a realización do proxecto.

3. Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

– Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que como mínimo obtivo a persoa solicitante.

– Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a persoa solicitante.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na cal se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura dada de alta a persoa solicitante.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas

j) Consulta de concesións pola regra de minimis

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Pagamentos á conta

1. As/os beneficiaras/os poderán solicitar pagamentos á conta, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida, coa obriga de constituír garantía nos termos previstos a continuación.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

5. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de economía e facenda.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a persoas beneficiarias cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento ou se atopen declaradas en concurso, salvo que este adquirise a eficacia dun convenio, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro, e corresponderá ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro, e corresponderá ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

2. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as persoas solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitudes e concederá a subvención en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas persoas beneficiarias que cumpran cos requisitos.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir a persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite e ditarase a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 2 da convocatoria.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, quen ditará a correspondente resolución, delegada na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo pola Orde do 16 de xuño de 2016, DOG núm. 131.

A resolución de concesión, que non poderá ter unha duración superior a dous meses contados a partir do día seguinte á data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, adxudicará a subvención ao obradoiro co importe do tícket ou tíckets, cuxo importe será empregado para as actuacións subvencionables, e adxudicará as subvencións correspondentes ás asociacións e aos concellos. Transcorrido o prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007.

2. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Nesa notificación comunicarase o importe concedido, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas.

Artigo 10. Réxime de recursos

As resolucións do procedemento ditadas ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 11. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria e deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa beneficiaria deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte (20) días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada nos termos previstos no artigo 9 destas bases.

Artigo 12. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da consellería ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 13. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 das presentes bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Obrigas específicas de publicidade

As persoas beneficiarias deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia.

En todo caso, as/os beneficiarias/os de actuacións de artesanía quedan obrigadas/os a dar publicidade suficiente da axuda e deberán incluír en cada unha das actuacións a publicidade da Xunta de Galicia e da marca de Artesanía de Galicia, de acordo coas instrucións contidas no documento correspondente dispoñible en https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-comercio-e-consumo, na epígrafe desta axuda.

No caso de actuacións comerciais físicas, a dita publicidade deberá colocarse nun lugar ben visible para o público e deberá manterse en perfectas condicións durante o período da actuación, segundo as condicións e características previstas no punto anterior.

No caso de actuacións comerciais virtuais, farase segundo as instrucións contidas no documento correspondente dispoñible en https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/direccion-xeral-de-comercio-e-consumo, na epígrafe desta axuda.

O incumprimento desta obriga de publicidade producirá a perda do dereito ao cobramento total da subvención, así como o reintegro total das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora correspondentes dende o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

Artigo 15. Subcontratación

Enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto da subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer a persoa beneficiaria para realizar por si mesma a actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007 e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Faise especial indicación de que as persoas ou entidades subcontratadas non poderán estar vinculadas coa entidade solicitante, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se solicite e conceda a súa autorización previa (a solicitude de autorización e a súa xustificación presentaranse xunto coa solicitude de subvención).

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2020, dunha copia da seguinte documentación:

a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, pagados, en orixinal ou copias autenticas electrónicas.

Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia autentica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

Non obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite da xustificación do proxecto. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Anexo V (declaración doutras axudas) debidamente asinado.

d) Achega da documentación gráfica que acredite o cumprimento da utilización de logos e sinalécticas exixidos para cada unha das axudas concedidas de acordo co artigo 14.

e) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

2. En concreto para os comerciantes, obradoiros artesáns e as asociacións profesionais de artesáns, segundo o caso:

a) No caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

b) A xustificación de asistencia a feiras e eventos de interese artesanal celebrados fisicamente farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora.

c) Documentación que acredite, se for o caso, a non admisión nas feiras solicitadas.

d) No caso de organización de feiras e eventos virtuais: declaración responsable coa relación de participantes, a dirección web e as capturas de pantalla en que queden debidamente acreditados a organización e desenvolvemento do evento e a participación de todas/os as/os integrantes, así como outros aspectos de interese.

e) No caso de participación en feiras e eventos virtuais: o enderezo web e as capturas de pantalla en que queden debidamente acreditados a participación no evento, a organización e os participantes, así como outros aspectos de interese.

3. En concreto, para os concellos:

– Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación.

– Certificación da Intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

– As entidades locais beneficiarias estarán obrigadas a xustificar o cumprimento da finalidade da subvención mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada, con carácter xeral, pola documentación que se relaciona nos artigos seguintes, e que incorporará, en todo caso, a certificación da Intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

No caso de subvencións destinadas a financiar investimentos, a conta xustificativa conterá:

a) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras e sen prexuízo do previsto da letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Certificado de taxadora/or independente debidamente acreditada/o e inscrita/o no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a).

d) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

e) De ser o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) No caso de organización de feiras e eventos virtuais: declaración responsable coa relación de participantes, o enderezo web e as capturas de pantalla en que queden debidamente acreditados a organización e o desenvolvemento do evento e a participación de todos os integrantes, así como outros aspectos de interese.

Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá a persoa beneficiaria das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 17. Pagamento.

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, e antes de proceder ao seu pagamento, os órganos competentes da consellería poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe da subvención aboarase nun único pagamento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria, sen prexuízo do recollido no artigo 6 referido aos pagamentos á conta.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, co límite establecido no artigo 18.3, alínea segunda.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente dende o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase incumprimento total, co reintegro do total da cantidade percibida para as actuacións establecidas no artigo 1, cando o antedito incumprimento supere o 40 % do investimento subvencionable.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos establecidos neste artigo, non se considerará incumprimento a non admisión para a participación nas feiras, o cal deberá ser suficientemente acreditado.

Artigo 19. Control

1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, no regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II

Epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados deles.

643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas clases.

647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).

656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, artigos e útiles ordinarios de uso doméstico.

657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659. Outro comercio polo miúdo.

665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

ANEXO III

Epígrafes do IAE subvencionables

255.2. Fabricante de xabóns de tocador e produtos de perfumaría.

253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.

41. Industria de produción de produtos alimenticios.

421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.

43. Industria téxtil.

44. Industria do coiro.

45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file