Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 32061

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para o ano 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421Y e IN421S).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre as súas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, pretende fomentar a utilización da enerxía fotovoltaica, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais coma ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a fotovoltaica é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Especificamente, nun esquema de autoconsumo considerase que contribuirán á descarbonización do sistema eléctrico. Por tanto, no contexto actual este sistema de axudas é necesario tendo en conta as recentes modificacións normativas que regulan o autoconsumo eléctrico e que esta actividade aínda está nunha fase inicial de desenvolvemento.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2020-2021 ascende a 4.500.000 euros financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4 (favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores) na prioridade de investimento 1 (fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables), e no obxectivo específico 1 (aumentar a proporción no consumo final de enerxía das fontes renovables para produción de electricidade, incluídas as redes de transporte e distribución necesarias para a súa integración no sistema eléctrico) en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020, Feder nun 80 % e compútase como cofinanciamento nacional ou investimento privado o investimento privado elixible dos beneficiarios.

De acordo co recollido no Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, a actual situación económica, que afecta tamén os concellos, fixo necesario o desenvolvemento de medidas destinadas á xestión eficaz e eficiencia dos recursos dispoñibles. Entre estas medidas atópase o impulso á xestión compartida de servizos, polo que a presente resolución de axudas prima cunha maior puntuación as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, sexa por agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente.

O uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade e, por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista para o futuro, materializándoa a través da concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva.

De acordo co anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, para o exercicio 2020-2021, que se xuntan a esta resolución como anexo I (IN421Y, IN421S).

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, segundo a excepción mencionada no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de adhesión presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de solicitudes entre si, polo interese especial en promover a adhesión do maior número de entidades colaboradoras, que poidan levar a diante este tipo de proxectos en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as solicitudes de adhesión poidan ser atendidas en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude de adhesión aberta de maneira continuada.

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020-2021 que se xuntan a esta resolución como anexos II a VIII.

4. Publicar o convenio de colaboración para poder tramitar as axudas ás entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos para proxectos de enerxía fotovoltaica, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).

5. Convocar para o ano 2020-2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxía fotovoltaica. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables que, cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases, poidan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Non se poden determinar circunstancias valorables que permitan establecer unha orde de prelación entre unhas solicitudes e outras e ademais co réxime de concorrencia non competitiva poderanse atender todas as necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2020-2021.

Beneficiarios axudas

Anualidade 2020

Anualidade 2021

Aplicación orzamentaria

Empresas

3.300.000

875.000

09.A2.733A.770.7

Administración local

100.000

100.000

09.A2.733A.760.8

Entidades sen ánimo de lucro

100.000

25.000

09.A2.733A.781.7

Total

3.500.000

1.000.000

4.500.000 €

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

De producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes e a documentación

1. Cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou ben unha empresa ou autónomo, a solicitude de axudas presentarase a través de entidade colaboradora que estea dada de alta na Consellería de Economía, Emprego e Industria como empresa con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

Cando o beneficiario sexa unha Administración local a solicitude faraa directamente o seu representante.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade interesada presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, para solicitar a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II) (procedemento IN421Y).

3. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 21 de setembro ás 9.00 horas e finalizará o 1 de decembro de 2020 (procedemento IN421S).

Artigo 4. Prazo de resolución das solicitudes

O prazo para ditar resolución expresa de concesión das axudas aos beneficiarios será de catro (4) meses contados desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao contido da resolución.

Artigo 5. Prazos de execución e xustificación dos investimentos

Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos será o 30 de xuño de 2021. O feito de non xustificar correctamente os ditos investimentos devirá en perda do dereito ao cobramento da axuda concedida.

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, perante o presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Actos de resolución

O director do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta execución desta convocatoria.

Disposición derradeira única

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (procedementos IN421Y e IN421S)

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación (procedemento IN421S)

1. O obxecto de estas bases e apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos (procedemento IN421S).

2. As axudas recollidas nesta bases reguladoras, con excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas locais ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no artigo 41 e no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

As entidades xurídicas sen animo de lucro, cando realicen actividades económicas de forma regular, estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

A presente convocatoria refírese as axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41.6.b) (Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables) do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Poderán ter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 10 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

2. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para a petición de equipamentos ou outros compromisos que fagan o investimento irreversible, se esta data é anterior.

Artigo 3. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

3. Presencialmente, no Inega (rúa Avelino Pousa Antelo, 5. San Lázaro. 15703 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 15 00.

Artigo 4. Entidades colaboradoras (IN421Y)

1. Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

2. Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía, Emprego e industria, como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

3. As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos ás persoas beneficiarias, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

4. Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

b) Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

c) Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

d) Xustificación da axuda ante o Inega.

5. Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

Os autónomos e os empresarios individuais presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos necesarios.

6. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no artigo 4 da resolución da convocatoria contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

7. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar un convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III desta resolución. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

8. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 5. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras

1. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

c) Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

d) Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos.

e) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a 1.000.000 de € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

f) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Inega.

g) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Encher convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo IV) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

b) Vender no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

c) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do convocatoria, en concreto a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

Artigo 6. Adhesión simplificada

1. Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, reguladas na Resolución do 18 de decembro de 2019 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Galicia 2014-2020, para a anualidade 2020-2021.

2. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.

Por defecto a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participasen no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, da anualidade 2020.

Para acceder a aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizarase o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2020.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido.

Artigo 7. Adhesión común (altas novas entidades colaboradoras)

1. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

2. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), e xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos, o segundo por duplicado.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a entidade interesada presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a subsane a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

3. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Recibo do imposto de actividades económicas (IAE) en que conste a actividade que desenvolve ou, se for o caso, declaración responsable de exención de pagamento segundo figura no anexo II.

b) Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

c) Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

4. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade colaboradora cando sexa unha persoa xurídica.

b) DNI/NIE da entidade colaboradora cando sexa unha persoa física (autónomo).

c) NIF do solicitante cando sexa unha persoa xurídica.

d) DNI/NIE do solicitante cando sexa unha persoa física (autónomo).

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.

h) Certificación de alta no imposto de actividades económicas cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A documentación complementaria deberase presentar electrónicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose presentada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos 5 MB, por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

6. Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

7. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.

O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión será de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

8. Instrución do procedemento de adhesión.

a) Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), Consellería de Facenda, Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

b) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

c) As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

d) Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

e) As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

f) Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

g) As entidades colaboradoras poderán consultar na aplicación informática e na carpeta cidadá-A Miña Sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

9. Instrución do procedemento e audiencia.

a) O xefe da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega realizará de oficio os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

b) Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto ás entidades colaboradoras para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

c) Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que elevará ao órgano competente para resolver.

10. Resolución.

a) O director do Inega é o órgano competente para resolver o procedemento de selección das solicitudes de obtención da calidade de entidade colaboradora.

b) O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 25 días hábiles desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG). Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa de axudas.

c) Na páxina web do Inega (www.inega.gal) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 8. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.

As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.

Para poderen ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e deberán contar en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda der lugar á modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na Listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulada no capítulo iii do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grao de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións que inclúen a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible o estimable.

As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto e pode dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada após a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu artigo 1.2, entre as cales figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

b) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade dela se repercuta nos produtos primarios.

3. Non poderán ter condición de beneficiarias as empresas que operan no sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde da 1.11 á 02.40, ambas excluídas.

4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, nos seguintes ámbitos:

a) Investimentos para lograr redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

b) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tiver declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

6. O Inega realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do 2, do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 10. Investimentos subvencionables

1. Os paneis solares fotovoltaicos.

2. O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cableamento, equipamentos de medida, etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.) e sistema de acumulación con baterías.

3. O resto dos accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

4. O custo de montaxe e conexión.

5. Non son subvencionables:

a) O imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

En todo caso aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE ou dun réxime de pro rata deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) As obras de mantemento.

d) A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos nin os gastos de legalización.

e) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foron obxecto de subvención anteriormente; tampouco serán subvencionables as ampliacións de instalacións fotovoltaicas que xa foron obxecto de axuda do Inega en anos anteriores.

6. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 11. Proxectos que se subvencionan

1. Co obxectivo de garantir o correcto funcionamento das instalación, con carácter xeral, cando sexa de aplicación, cumprirase o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) ou de alta tensión, se for o caso. Por outra banda, establécese un rendemento mínimo do panel fotovoltaico do 17 % para que o proxecto sexa subvencionable.

2. A potencia máxima dos paneis fotovoltaicos do proxecto será de 100 kWp.

3. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polos 840 €/kWp que poderán incrementarse ata os 1.100 €/kWp no caso de que se instale un sistema de baterías de litio cunha capacidade de acumulación en kWh igual ou superior á potencia pico da instalación

Artigo 12. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

80 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que no realicen actividade económica)

80 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e, no caso de medianas empresas, en 10 puntos porcentuais

25 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto para empresas e entidades locais será de 40.000 € e de 25.000 € en entidades sen ánimo de lucro.

3. Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 900.000 € en proxectos con reserva de fondos.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 13. Presentación a través de entidades colaboradoras

Cando se trate de axudas para entidades sen ánimo de lucro ou empresas e autónomos, as solicitudes presentaranse a través de empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A) que estean dadas de alta na Consellería de Economía, emprego e Industria, que actuarán como entidades colaboradoras e, no caso das entidades locais, serán presentadas directamente pola persoa que represente a entidade local.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Xustificar ante o Inega directamente ou a través de entidade colaboradora o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

2. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.

3. As entidades sen ánimo de lucro e as empresas e autónomos facilitarán á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

As ofertas deberan respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberán solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

b) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada, deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúa, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca e modelo, así como as características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

c) Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos nos cales non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

4. Acreditar directamente ou ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 27 destas bases.

6. Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia será tramitada directamente polo beneficiario ou pola entidade colaboradora, cando proceda, mediante a presentación do anexo VI que se xunta a título informativo.

7. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control, e, se for o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeos.

8. Comunicar ao Inega directamente ou a través de entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

9. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos unha vez rematado o proxecto; no caso de grandes empresas, o período mínimo será de cinco anos, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

10. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 de € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará os beneficiarios da data de presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación.

No caso das operacións non recollidas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

11. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e a Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo que dá apoio á operación co lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión; b) colocando, polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira da Unión nun lugar ben visible para o público, por exemplo, na entrada dun edificio.

O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma en que debe crearse o emblema e as súas características técnicas e no artigo 5 as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

12. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder 2014-2020 implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda:

http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

14. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar a Administración, ao organismo ou á entidade dos previstos no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15 . Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará as subvencións concedidas ao amparo destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal ) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Presentación de solicitudes (procedemento IN421S)

1. As solicitudes serán subscritas directamente polo representante da entidade local e, cando se trate de entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos, polas entidades colaboradoras. Unha vez presentada unha solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata se ditar resolución de concesión.

2. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 21 de setembro ás 9.00 horas e finalizará o 1 de decembro de 2020.

3. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar como mínimo o contido de 3 ofertas de distintos provedores, tendo en conta que a oferta seleccionada corresponderá á da entidade colaboradora adherida encargada da tramitación da súa solicitude, cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro, empresa ou autónomo.

4. Unha vez elixida a instalación, o solicitante, directamente, ou a entidade colaboradora terán que encher a solicitude mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a paxina web do Inega (www.inega.gal). Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinados polas persoas interesada.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

5. A entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV.

6. Para que unha solicitude sexa válida debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo IV.

b) Autorización para a representación outorgada á entidade colaboradora-anexo V.

c) Memoria técnica da actuación, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

d) Tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

7. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles. Por tanto, a axuda máxima que se conceda ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática, informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

8. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 17. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento (procedemento IN421S)

1. Co envío da solicitude (anexo IV) deberase incluír dixitalmente e en formato PDF, con tamaño máximo por arquivo individual de 5MB, a seguinte documentación complementaria:

a) Acreditación da titularidade dos terreos ou inmobles sobre os cales se vai executar o proxecto ou da dispoñibilidade deles durante un período mínimo de cinco anos a partir do último pagamento (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Os documentos admitidos para acreditar a titularidade son: certificado do rexistro da propiedade, escritura pública de obra nova, escritura pública de compravenda, escritura pública de aceptación de herdanza, escritura pública de doazón e aceptación ou sentenza xudicial, segundo corresponda, contrato de arrendamento ou cesión de uso acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Non se admitirán como acreditación da titularidade recibos de impostos de bens inmobles ou certificacións do catastro inmobiliario.

b) As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, salvo cando se trate dunha entidade local, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

c) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal ) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión. Tamén incluirá unha xustificación da enerxía xerada, autoconsumida e excedentes e tamén das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro.

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (sixpac, catastro, etc.). Esquemas ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis

3º. Folla de características dos equipamentos xeradores.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Oferta técnica dun provedor no caso de que o solicitante sexa unha empresa, autónomo ou entidade sen ánimo de lucro.

6º. Facturas de consumo eléctrico.

7º. Solicitude de punto de conexión, se for necesaria pola normativa vixente.

d) As administracións locais, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3º. Certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

e) As entidades sen ánimo de lucro, as empresas e autónomos, ademais deben presentar a autorización á entidade colaboradora para a representación segundo o anexo V.

f) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas a), b) e c) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

g) As empresas deben acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

– Unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda.

– Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

i) As entidades sen ánimo de lucro, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas alíneas a), b) e c) deste artigo, e ademais, deberán achegar a documentación que acredite a representación correspondente.

j) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 18. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

2. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirilo á persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 19. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

1º. DNI/NIE do solicitante, cando se trate dunha persoa física.

2º. NIF do solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

3º. DNI/NIE da persoa representante, cando se trate dunha persoa física.

4º. NIF da entidade representante, cando se trate dunha persoa xurídica.

5º. Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e a facenda autonómica.

6º. Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 20. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 21. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido no artigo 8 das bases reguladoras, no marco nos números 7 a 9 do artigo 41 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 26 destas bases reguladoras.

Artigo 22. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, se dite resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado ou, se for o caso, a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Poderá requirirse o interesado ou a entidade colaboradora para que acheguen aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular do Área de Enerxías Renovables e dous técnicos do Inega (un da Área de Enerxías Renovables e outro da Xerencia). O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 23. Resolución

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. O prazo máximo para ditar resolución expresa de concesión das axudas aos beneficiarios será de catro (4) meses contados desde a data de presentación da solicitude. Transcorrido o devandito prazo, os beneficiarios poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención, as obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo cal se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito, e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

Artigo 24. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A Miña Sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa dos expedientes e a documentación presentada.

7. Se transcorrer o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificalo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VII.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, se for caso, os valores estimados dos indicadores de produtividade.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non presenten a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 26. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos dez (10) días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), sen que a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e desde ese momento adquire a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicalo á entidade colaboradora, que presentará o anexo VI polos medios establecidos no artigo 16 destas bases reguladorase comunicará este feito co fin de proceder ao arquivamentoo do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará de conformidade co procedemento establecido no artigo 12 destas bases reguladoras.

Artigo 27. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado será presentada pola entidade colaboradora de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 25 destas bases reguladoras.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

Igual requirimento será efectuado polo Inega no suposto do resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica) e, neste caso, o solicitante ten que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 29. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 5 desta resolución de convocatoria, e nese momento os investimentos deben estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento por parte do solicitante da subvención concedida, a entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VIII, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá completarse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No caso dunha factura cuxo pago se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso da administracións públicas, presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

1º. Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste o titular da conta desde a cal se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

ii. Efectos mercantís que permitan o pago aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor no cal se especifique o número de factura pagada, o número e a data do cheque e o NIF e o nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

iii. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por paarte de terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 5 desta resolución.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos determinados nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3º. No caso da Administración local, a certificación ten que ter sido expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida facendo constar, como mínimo:

i. O cumprimento da finalidade da subvención.

ii. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) No caso da Administración local certificación expedida por la secretaría ou persoa responsable do control de legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

c) Os concellos, para as obras públicas que promovan, deberán achegar o acordo municipal de aprobación do proxecto.

d) Fotografías dos principais equipamentos instalados.

e) Xustificación de ter dado cumprimento ás obrigas establecidas no artigo 14.11 en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

f) O beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador no cal se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos con potencia superior a 10 kW, deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de ser necesario.

g) No caso de que sexa esixible pola normativa vixente, presentarase a concesión do punto de conexión pola compañía distribuidora e a autorización administrativa da instalación.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de produtividade asociados a estas bases reguladoras, que son CO30 (capacidade adicional para producir enerxía renovable (MW) e CO34 (redución anual estimada de gases efecto invernadoiro IGEI) (toneladas equivalentes de CO2/ano).

Artigo 30. Pagamento das axudas

1. O beneficiario, directamente ou a través da entidade colaboradora, poderá solicitar un anticipo, unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 1 de decembro de 2020.

2. Os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai a aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

4. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos, quedan exonerados de constituíren garantía os beneficiarios previstos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, entre os cales figuran:

a) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal.

b) As entidades non lucrativas, así como as federacións, confederacións ou agrupacións destas, que desenvolvan proxectos ou programas de acción social ou cooperación internacional.

c) As entidades que por lei estean exentas de presentación de caución, finanzas ou depósitos perante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

d) Os beneficiarios das subvencións concedidas cuxos os pagamentos non superen os 18.000 €. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta, o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

5. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

6. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 31. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, apartado 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais .

Artigo 32. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os intereses de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tiver a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, e deben, se for o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de tres ou cinco anos (segundo o tipo de empresa beneficiaria).

e) Suporá a perda da subvención, cando se trate de operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos se, nos dez (10) anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario, a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión (excepto cando o beneficiario sexa unha peme) ou no prazo que determina a normativa de axudas de Estado.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 33. Réxime de sancións

As entidades colaboradoras e os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolvido no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 34. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013), que xa foron mencionadas no número 7 do artigo 14 das bases.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 35. Comprobación de subvencións

O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013).

Artigo 36. Remisión normativa

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras con fondos Feder, rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca e se derroga o Regulamento (CE) no 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desanvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

h) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

i) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

j) Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

k) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

missing image file
missing image file

ANEXO III

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a entidade colaboradora ___________ para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas con fondos Feder-Galicia, para o ano 2020-2021

Santiago de Compostela, ____ de _________ de ______

Dunha parte, o director do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro) e polo Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante Resolución do 8 de abril de 1991 da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte___________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF/CIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o programa de axudas destinadas a proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas con fondos Feder-Galicia. Estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables, mediante a instalación de paneis solares fotovoltaicos para a xeración de electricidade.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade ________________________________________ de acordo coa Resolución do 3 de agosto de 2020 , pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, para os anos 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvención.

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ______________________________________________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 4 e 5 das bases reguladoras para a concesión de subvencións, para proxecto de enerxía fotovoltaica, para os anos 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 2020 (códigos do procedemento IN421Y-IN421S) (en diante bases reguladoras das axudas), que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 30 de agosto de 2021.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 5 das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións tal e como se recolle nas bases reguladoras.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os equipamentos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

– Comunicar ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo a protección da persoa física no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación de estes datos e as normas que o desenvolvan.

– Atoparse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Atoparse ao día no pagamento das obrigacións coa facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Cumprir as medidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

– Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 5 das bases reguladoras das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido das bases reguladoras destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos nelas.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 4 da Resolución pola que se convoca o procedemento de selección de entidades colaboradoras.

– Que consente expresamente na utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

– Que non se atopa incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ao Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recolleitos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor das axudas para que solicite a información necesaria en relación co NIF ou CIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF ou CIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións do Inega

– Facilitar á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación por parte dos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida nas bases reguladoras das axudas, así como a comprobala mesma e a gardar a mencionada documentación durante un período de tres ou cinco anos (dependendo do tipo de empresa) desde o 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará á disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista nas bases reguladoras das axudas.

Décimo primeira. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre o Inega e a entidade colaboradora o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega se detectar que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativae queda fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

(Sinatura)

O director do Inega

Ángel Bernardo Tahoces

(Sinatura)

Pola entidade colaboradora

Representante legal de ________

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file