Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 32124

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para o ano 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421Y e IN421S).

BDNS (Identif.): 519103.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos.

As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, o máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras das subvencións, para proxectos de enerxía fotovoltaica, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, para o exercicio 2020-2021, que se xuntan á resolución como anexo I (código de procedemento IN421Y e IN421S).

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia non competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2020-2021 que se xuntan á resolución como anexos II a VIII.

4. Publicar o convenio de colaboración para poder tramitar as axudas ás entidades sen ánimo de lucro, empresas e autónomos para proxectos de enerxía fotovoltaica, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).

5. Convocar para o ano 2020-2021, en réxime de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións dirixidas a proxectos de enerxía fotovoltaica.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para o ano 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións (códigos de procedemento IN421Y e IN421S).

Cuarto. Contía

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2020-2021.

Beneficiarios axudas

Anualidade 2020

Anualidade 2021

Aplicación orzamentaria

Empresas

3.300.000

875.000

09.A2.733A.770.7

Administración local

100.000

100.000

09.A2.733A.760.8

Entidades sen ánimo de lucro

100.000

25.000

09.A2.733A.781.7

Total

3.500.000

1.000.000

4.500.000 €

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

De producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Quinto. Prazo para presentar as solicitudes

1. Cando o beneficiario sexa unha entidade sen ánimo de lucro ou ben unha empresa ou autónomo, a solicitude de axudas presentaranse a través de entidade colaboradora que estea dada de alta na Consellería de Economía, Emprego e industria como empresa con actividade de instalación de baixa tensión (código de procedemento IN609A).

Cando o beneficiario sexa unha Administración local, a solicitude faraa directamente o seu representante.

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal) , ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Se a entidade interesada presenta a solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades colaboradoras contarán cun prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a súa adhesión, cubrindo e confirmando o formulario de adhesión (anexo II) (código de procedemento IN421Y).

3. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 21 de setembro ás 9.00 horas e finalizará o 1 de decembro de 2020 (código de procedemento IN421S).

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia