Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 12 de agosto de 2020 Páx. 32128

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de subvencións do programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o exercicio 2020.

O 26 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para o ano 2020.

No punto tres do ordinal terceiro da citada resolución sinálase que as contías establecidas nestas convocatorias poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No ordinal décimo sexto da dita resolución convócanse as subvencións para o programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. No seu resolvo dous indícase que as subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.0, por importe de 100.000 euros.

Por Resolución do 19 de maio de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia do 26 de maio, ampliouse o citado en importe en 100.000 euros máis.

Dentro do prazo de presentación de solicitudes presentáronse 33 solicitudes, por un importe estimado de concesión de 454.744,23 euros.

Tendo en conta que en data de hoxe existen remanentes de convocatorias doutros programas da mesma aplicación económica, e que o crédito fixado na convocatoria é insuficiente para atender o número de solicitudes presentadas, é necesaria a ampliación do crédito establecido inicialmente.

De conformidade co artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co punto tres do ordinal terceiro da Resolución do 6 de febreiro de 2020 é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a convocatoria de subvencións do programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI406A).

O incremento da dotación será de 270.000 euros para a anualidade de 2020, polo que a contía máxima das subvencións que se poderán conceder con cargo a esta anualidade será de 470.000 euros.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo