Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Venres, 14 de agosto de 2020 Páx. 32446

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2020 pola que se amplía o prazo de estrea e de xustificación das modalidades 1, 2 e 3 das subvencións convocadas ao abeiro da Resolución do 10 de xaneiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, á creación escénica, e se convocan para o ano 2020 (Diario Oficial de Galicia número 35, do 20 de febreiro).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no Diario Oficial de Galicia do día 20 de febreiro de 2020, a Resolución do 10 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento CT403B).

A base terceira punto 1 establece que o prazo de estrea no caso das modalidades 1, 2 e 3 deberá ser entre o 1 de abril de 2020 e o 31 de marzo de 2021 e a base décimo quinta punto 4 establece que o prazo de xustificación da subvención será dun mes desde a data de finalización das actividades subvencionadas e rematará o 30 de abril de 2021, para as modalidades 1, 2 e 3.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Tendo en conta as solicitudes de ampliación destes prazos por parte de beneficiarios, polas dificultades consecuencia da declaración do estado de alarma polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, por mor do COVID-19, que provocou a suspensión dos prazos administrativos, a parálise total da actividade económica e un novo escenario social.

Polas razóns antes expostas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a data límite de estrea establecida na base terceira punto 1 da Resolución do 10 de xaneiro de 2020 para as modalidades 1, 2 e 3 que deberá ser entre o 1 de abril de 2020 e 15 de maio de 2021.

Segundo. Modificar o prazo de xustificación establecido na base décimo quinta punto 4 da Resolución do 10 de xaneiro de 2020 para as modalidades 1, 2 e 3 que será dun mes desde a data de finalización das actividades subvencionadas e rematará o 15 de xuño de 2021.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais