Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 17 de agosto de 2020 Páx. 32732

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de agosto de 2020 pola que se regula a concesión das subvencións estatais destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos, durante os meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas (código de procedemento MR242B).

A gandaría ovina e caprina diferénciase doutros sectores gandeiros por tratarse dunha produción estacional, cuxo consumo maioritario se produce en determinados períodos do ano e que se canaliza na súa maior parte polos servizos da restauración e hostalaría.

A crise sanitaria do COVID-19 e a conseguinte declaración do estado de alarma en España, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, provocaron un forte impacto sobre o consumo destes produtos, dado que determinaron o peche de establecementos de restauración e de hostalaría en que estes se ofrecían ás persoas consumidoras, polo que a súa demanda caeu drasticamente.

Ademais, esta situación coincide no tempo coa época de maior produción dos años nas granxas, en virtude da parideira de primavera.

A redución dos sacrificios de años non só tivo un forte impacto no sector, senón que coadxuva en xerar un risco para o mantemento das condicións en que deben manterse estes animais nas granxas de nacemento.

Como consecuencia destas circunstancias, o día 6 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 508/2020, do 5 de maio, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións estatais destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos, durante os meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas.

Este real decreto ten como obxecto establecer a normativa básica das subvencións estatais destinadas no ano 2020 ás granxas ovinas e caprinas, como produtores primarios, que tiveron dificultades na comercialización de años e cabritos nos meses de marzo e abril como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas.

No dito real decreto regulouse unha subvención con base no sistema de pagamento dunha cantidade a tanto global por ovella ou cabra afectada pola situación derivada da declaración do estado de alarma.

A axuda configúrase como pagamento complementario ás axudas asociadas ao sector ovino e caprino previstas no Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro, sobre a aplicación a partir de 2015 dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e outros réximes de axuda, así como sobre a xestión e o control dos pagamentos directos e dos pagamentos ao desenvolvemento rural, para mellorar as condicións de produción daquelas.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia estas axudas ao sector ovino e caprino regúlanse no ano 2020 na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control (DOG núm. 33, do 18 de febreiro). Esta orde regula expresamente entre as liñas de axudas integradas polos pagamentos directos á agricultura e á gandaría a axuda asociada para as explotacións de ovino, a axuda asociada para as explotacións de cabrún e as axudas asociadas para gandeiros de ovino e cabrún que mantiveron dereitos especiais en 2014 e non dispoñen de hectáreas admisibles para a activación de dereitos de pagamento básico. As liñas mencionadas solicítanse a través da solicitude única que regula a Orde do 12 de febreiro de 2020.

O procedemento de concesión das axudas previstas nesta orde será o de concorrencia competitiva, que regula o artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que esta situación non afectou de forma homoxénea todas as explotacións.

Co fin de reducir as cargas administrativas e acelerar a xestión, as axudas previstas nesta orde concederanse a todas as persoas gandeiras que, cumprindo os requisitos, presenten a solicitude única no ano 2020, prevista na Orde do 12 de febreiro de 2020, e obteñan a puntuación correspondente en función dos criterios obxectivos de concesión que determina esta orde. Para a súa tramitación empregarase a información contida nas solicitudes de axuda da política agrícola común (PAC), e a que figura en poder do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

O financiamento destas axudas correspóndelle á Administración xeral do Estado. No seo da Comisión Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural propúxose a distribución do crédito para as medidas excepcionais polo COVID-19 nos sectores ovino e cabrún entre as diversas comunidades autónomas que decidiran aplicar o disposto no Real decreto 508/2020, entre elas Galicia.

Esta axuda concédese ao abeiro das axudas de minimis no sector agrario, de acordo co Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola.

Partindo da regulación básica que contén o Real decreto 508/2020, do 5 de maio, que debe ser respectada na concesión destas subvencións, esta orde pretende regular as peculiaridades técnicas, procedementais e competenciais propias da Comunidade Autónoma de Galicia na concesión destas subvencións. En concreto, nesta orde especifícanse as seguintes cuestións no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega: concrétase o límite inferior de femias reprodutoras que é preciso dispoñer nas explotacións para poder ser unha persoa beneficiaria destas axudas, establécense os criterios obxectivos de outorgamento das subvencións con base nos cales se puntuarán e ordenarán por prioridades as solicitudes admisibles e fíxanse, de acordo coas condicións xerais establecidas no Real decreto 508/2020, do 5 de maio, os importes diferenciados en función da especie ou da orientación produtiva das explotacións, sen superar a contía máxima por ovella ou cabra elixible determinada no dito real decreto.

En consecuencia, en conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito

1. Esta orde ten por obxecto establecer o desenvolvemento da normativa básica que regula o Real decreto 508/2020, do 5 de maio, polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión das subvencións estatais destinadas no exercicio 2020 ás explotacións ovinas e caprinas con dificultades de comercialización de años e cabritos, durante os meses de marzo e abril, como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as súas prórrogas.

2. Esta orde aplicarase no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e regula as peculiaridades neste ámbito territorial das subvencións estatais destinadas no ano 2020 ás granxas ovinas e cabrúas, como produtores primarios, que tiveron dificultades na comercialización de años e cabritos nos meses de marzo e abril como consecuencia das limitacións impostas polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

3. Nesta orde regúlase o procedemento MR242B, relativo á comunicación da declaración responsable doutras axudas en réxime de minimis e autorización ás entidades colaboradoras para a presentación da documentación, cuxo modelo normalizado se regula no anexo desta orde.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, que cumpran todos os requisitos que se indican a continuación:

a) Que presentasen ou presenten en 2020 a solicitude única prevista na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, dentro do prazo establecido pola norma.

b) Que sexan beneficiarias do pagamento das liñas de axuda por ovella e cabra que regula o artigo 2.1.c), 6ª, 7ª ou 8ª da Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control.

c) Que sexan persoas titulares dunha explotación inscrita no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) cos requisitos que se indican no punto 2 deste artigo.

2. Para poder ser beneficiaria desta axuda é preciso que a persoa sexa titular dalgunha das seguintes explotacións de produción primaria inscritas como:

a) Explotacións de ovino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 10 femias reprodutoras conforme a última declaración censual obrigatoria establecida no artigo 11.4 do Real decreto 685/2013, do 16 de setembro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais das especies ovina e cabrúa.

b) Explotacións de caprino cunha clasificación zootécnica de «reprodución para a produción de carne», «reprodución para a produción de leite» ou «reprodución para produción mixta» con máis de 10 femias reprodutoras conforme a última declaración censual obrigatoria establecida no artigo 11.4 do Real decreto 685/2013, do 16 de setembro.

Artigo 3. Criterios obxectivos de concesión das axudas

1. Ao abeiro do principio de concorrencia competitiva, os criterios obxectivos de concesión das axudas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia para puntuar e ordenar as solicitudes admisibles serán os seguintes:

– Solicitantes que teñan a condición de agricultores mozos de acordo co artigo 25.b) do Real decreto 1075/2014, do 19 de decembro: 10 puntos.

– Solicitantes de explotacións prioritarias segundo o disposto na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias: 5 puntos.

2. No caso de que máis dunha solicitude obtivese a mesma puntuación, romperase o empate a favor do solicitante que obteña maior puntuación no primeiro criterio e, en caso de persistir o empate, actuarase de igual xeito co seguinte. De persistir o empate, romperase en favor da persoa solicitante que presentase en primeiro lugar a documentación exixida por esta orde.

3. No caso de que algunha das persoas beneficiarias renunciase á subvención, acordarase a concesión da axuda á persoa ou persoas solicitantes seguintes a aquela en puntuación, a condición de que coa renuncia se liberase crédito suficiente para atender, cando menos, unha das solicitudes denegadas.

Artigo 4. Solicitude das axudas e documentación complementaria obrigatoria

1. A solicitude da axuda entenderase realizada pola presentación no ano 2020 da solicitude única regulada na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, dentro do prazo establecido para a presentación da dita solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán efectuar unha declaración responsable sobre se teñen concedidas axudas en réxime de minimis (Regulamento (UE) nº 1408/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola), neste ano e nos dous anteriores, segundo o modelo que figura no anexo desta orde, no prazo máximo de 10 días hábiles desde a entrada en vigor desta orde.

3. A remisión ao Fogga da declaración responsable prevista no número anterior deste artigo poderá efectuala a persoa interesada na concesión da axuda ou ben as entidades colaboradoras que teñan asinado un convenio de colaboración co Fogga para a tramitación da solicitude única das axudas da política agrícola común (PAC) e outras solicitudes relacionadas con esta. Neste caso, a persoa solicitante deberá autorizar a entidade colaboradora mediante a súa indicación na epígrafe correspondente da declaración responsable que figura no anexo desta orde.

4. A declaración responsable regulada nos números anteriores deste artigo deberá remitirse ao Fogga obrigatoriamente por medios electrónicos. A persoa asinante responsabilizarase da veracidade do documento que presente. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para verificar o contido da declaración responsable.

Para efectuar a comunicación desa declaración empregarase o formulario normalizado cuxo modelo se inclúe como anexo da orde, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, accedendo ao procedemento MR242B.

No caso de que algunha das persoas interesadas presentase a súa declaración presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da documentación aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 5. Tramites posteriores, comprobación de datos, resolución e notificación das axudas

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Para tramitar este procedemento de concesión o Fogga comprobará os datos que se indican a continuación:

– Información sobre o réxime de minimis das subvencións ou axudas da persoa solicitante da axuda. En concreto, se a persoa solicitante ten concedidas en réxime de minimis (Regulamento (UE) nº 1408/2013), neste ano e nos dous anteriores, outras axudas para este mesmo fin, mediante consulta realizada aos datos que contén a Base nacional de datos de subvencións (BDNS).

3. A persoa titular da Dirección do Fogga será competente para resolver estas solicitudes de axuda.

4. Nas resolucións de concesión farase constar expresamente que os fondos con que se sufraga proceden dos orzamentos xerais do Estado e que a axuda concedida está suxeita ao réxime de minimis regulado polo Regulamento (UE) 1408/2013 da Comisión Europea, do 18 de decembro.

5. As resolucións das solicitudes de axudas reguladas nesta orde serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro. De conformidade co establecido no artigo 45 da indicada lei, a notificación poderá realizarse mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia, cunha ligazón á páxina web do Fogga. Nesta notificación especificaranse a convocatoria, a persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como, se for o caso, as causas da desestimación, e expresará, ademais, os recursos que procedan contra a resolución, o órgano administrativo e xudicial ante o cal se deben presentar e o prazo para interpoñelos. As persoas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a aceptación da resolución. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada e non será admisible a renuncia posterior.

6. O prazo máximo para ditar a resolución das axudas previstas nesta orde será de 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que se dite e notifique a correspondente resolución, a persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude de axuda por silencio administrativo.

Artigo 6. Compatibilidade e contía das axudas

1. Se unha persoa beneficiaria recibiu por calquera concepto outras axudas de minimis de acordo co Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, que, sumadas á contía que puidese corresponderlle en virtude do previsto nesta orde e no Real decreto 508/2020, do 5 de maio, excedese o importe establecido no artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1408/2013 en calquera período dentro deste exercicio fiscal e nos dous anteriores, o importe da axuda prevista neste real decreto reducirase de xeito proporcional ata non exceder o citado límite. Este límite operará por persoa beneficiaria, con independencia de cantas explotacións dispoña, situadas nunha ou en varias comunidades autónomas.

2. A contía máxima da axuda que percibirán as persoas solicitantes non poderá superar os 12 euros por ovella ou cabra elixible.

3. En caso de que as solicitudes admisibles superen os fondos orzamentarios, poderase reducir a contía das subvencións para conceder que non alcanzasen unha puntuación de 5 puntos, en aplicación dos criterios obxectivos de concesión das axudas, previstos no artigo 5 desta orde.

Artigo 7. Financiamento e pagamento

1. Estas axudas serán financiadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación con cargo á aplicación orzamentaria 21.05.412C.450 dos orzamentos xerais do Estado, habilitada para o efecto na anualidade 2020, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, consonte o previsto no artigo 10 do Real decreto 508/2020, do 5 de maio, cunha dotación máxima de 62.952,00 euros, que se esgotará no exercicio orzamentario 2020.

2. O Fogga efectuará a xestión do pagamento na mesma conta que indicaron as persoas solicitantes na solicitude única regulada na Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control. A aplicación orzamentaria do Fogga con cargo á cal se efectuarán os pagamentos será a 14.80.713F.470.1 (proxecto 2020 00002).

Artigo 8. Reintegro da axuda

Calquera incumprimento que teña como consecuencia a perda total das liñas de axuda por ovella e cabra que regula o artigo 2.1.c), 6ª, 7ª e 8ª da Orde do 12 de febreiro de 2020 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control, ou o reintegro total ou parcial da axuda terá como consecuencia o reintegro da axuda de minimis.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará na páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, a consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

3. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a facilitar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela dos deberes previstos no título I da citada lei.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https:/ /www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file