Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 21 de agosto de 2020 Páx. 33341

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 17 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2020 (código de procedemento SI429A).

Mediante a Resolución do 17 de xuño de 2020 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria no ano 2020 (código de procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Co dito fin, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto de mellora.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia polo COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, para o financiamento das axudas previstas nesta convocatoria destínase crédito por importe total dun millón setecentos setenta e oito mil cento tres euros (1.778.103 €), con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.470.0, código de proxecto 2015 00143, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

Co fin de poder amparar un maior número de solicitudes, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada para a anualidade 2020, para o programa de emprendemento feminino Emega, a través dos supostos previsto na letra b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 2.3 da Resolución do 17 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2020 (código de procedemento SI429A), ao existiren remanentes doutra convocatoria financiada con cargo ao mesmo programa e servizo e logo da transferencia de crédito efectuada para o efecto.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co exposto, de acordo co previsto no Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero. Incorporar o principio de igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia, en cumprimento do principio de transversalidade, así como promover programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos, e establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Neste ámbito, apoiar o apoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino é unha das liñas básicas de actuación da Xunta de Galicia no marco da igualdade de oportunidades; a importancia desta actuación e a súa necesidade recóllense de xeito expreso na normativa autonómica, tanto de igualdade coma de emprendemento, en particular, no título I, capítulo V, do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e de acordo coa demais lexislación aplicable na materia, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade a aprobación das bases, da convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións, así como a administración dos créditos para gastos do seu respectivo ámbito de competencia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista no artigo 2.1 da Resolución do 17 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2020 (código de procedemento SI429A).

2. O incremento da dotación é de 343.368,03 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.11.313B.470.0, código de proxecto 2015 00143, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.

O crédito total dispoñible para atender as axudas previstas na citada Resolución do 17 de xuño de 2020 do programa de emprendemento feminino, programa Emega, queda así establecido en 2.121.471,03 euros:

Aplicación

Proxecto

Crédito inicial

Ampliación

Crédito total

05.11.313B.470.0

2015 00143

1.778.103 €

343.368,03 €

2.121.471,03 €

3. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 11.1 da Resolución do 17 de xuño de 2020 nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2020

A secretaria xeral da Igualdade
P.D. (Resolución do 8.6.2020; DOG núm. 111, do 9 de xuño)
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa