Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 21 de agosto de 2020 Páx. 33345

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de agosto de 2020 pola que se modifica a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT814A).

O día 14 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MT814A).

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas dirixidas a restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nas zonas Natura 2000, os sistemas agrarios de alto valor natural, así como a mellorar o estado das paisaxes agrarias galegas dentro dos espazos da Rede Natura 2000 ou nas súas áreas de influencia socioeconómica por medio de proxectos que contribúan á mellora da paisaxe rural tradicional e dos seus elementos representativos e para o mantemento das condicións ambientais necesarias dirixidas á conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats. Incluiranse axudas destinadas a investimentos non produtivos necesarias para conseguir obxectivos ambientais, é dicir investimentos que non dean lugar a un aumento significativo do valor ou a rendibilidade das explotacións agrícolas e que contribúan á mellora do carácter de utilidade pública das zonas Rede Natura 2000.

O artigo 21.7 establece que a notificación do remate das accións correspondentes á anualidade 2020, xunto coa solicitude de pagamento da axuda deberá xustificarse con data límite do 1 de setembro. Ademais, a orde recolle que este prazo será, en todo caso, improrrogable.

O elevado número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros; a excepcionalidade da situación actual debido á pandemia xerada polo COVID-19, ademais da obriga de efectuar unha inspección sobre o terreo para comprobar a realidade e viabilidade do solicitado, previamente á proposta de resolución de concesión das axudas, xeraron unha demora na resolución da convocatoria que dificulta o cumprimento polas persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación das axudas.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación dos artigos 14.1 e 21.7 da Orde do 26 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para os anos 2020 e 2021 das axudas a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

1. Modifícase o artigo 14.1, que queda redactado como segue: «O prazo para resolver será de seis meses desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte».

2. Modifícase o artigo 21.7, que queda redactado como segue: «A notificación do remate das accións (total ou parcial) e a solicitude de pagamento das axudas deberá xustificarse con data límite do 30 de outubro do 2020 para a anualidade do ano 2020 e do 31 de marzo de 2021 para a anualidade do ano 2021. Estes prazos serán en todo caso improrrogables. Para estes efectos, considérase gasto realizado o que foi efectivamente aboado con anterioridade á finalización do período de xustificación».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda