Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Venres, 21 de agosto de 2020 Páx. 33356

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 14 de agosto de 2020 pola que se modifica o procedemento de xustificación e o réxime de reintegro das subvencións concedidas pola Consellería de Política Social na anualidade 2020 a escolas infantís 0-3 e casas niño para o período de suspensión da actividade presencial como consecuencia da evolución da COVID-19.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 3, os obxectivos do Sistema galego de Servizos Sociais, incluíndo entre estes o de dar protección e oportunidades sociais e educativas a menores de idade e a aquelas outras persoas que se atopen en situación de conflito ou de desamparo.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, recoñece no seu artigo 6 como un dos principios de responsabilidade pública o de atender, apoiar e protexer ás familias como núcleo fundamental da sociedade no cumprimento das súas funcións.

De conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, atribúese á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica o exercicio das políticas públicas de apoio á familia e á infancia, así como a promoción e adopción das medidas de conciliación que garanten un ambiente favorable para o libre desenvolvemento das familias.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública ocasionada polo COVID-19 á categoría de pandemia internacional.

Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no Boletín Oficial del Estado número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Na Comunidade Autónoma de Galicia por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública, que foron seguidas da declaración, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O apartado 1.b) do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020 anteriormente citado prevé, entre outras medidas, a suspensión da actividade nas escolas infantís cero tres e casas niño. Este peche foi mantido polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte a crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 unha vez superada a Fase III do Plan para a transición cara unha nova normalidade.

En Galicia existe un total de 49 escolas infantís dependentes de Entidades Privadas de Iniciativa Social sen ánimo de lucro, dotadas cun total de 2.866 prazas, subvencionadas no ano 2020 pola Consellería de Política Social, o que permite que estas presten unha atención educativa de calidade cuns prezos homoxéneos respecto das de titularidade autonómica.

Así mesmo, existen na actualidade 210 escolas infantís de titularidade privadas dotadas con preto de 11.000 prazas, nas que están escolarizados no curso 2019-2020 un total de 4.045 nenos e nenas que non obtiveron praza pública e resultaron beneficiarios dunha axuda pública para a dita escolarización a través do Bono Concilia.

Estes centros de titularidade privada participan, en aplicación do establecido no número seis do artigo 23 da Lei 7/2019, do 23 de decembro de 2019, de medidas fiscais e administrativas (Diario Oficial de Galicia número 246, do 27 de decembro) do programa da gratuidade da atención educativa para segundos e sucesivos fillos da unidade familiar a través da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. Este programa está dirixido á universalización do primeiro ciclo de educación infantil e a través del se mellora a accesibilidade deste recurso e se garanten a igualdade dos dereitos dos nenos e nenas 0-3 con independencia da titularidade dos recursos aos que asistan.

Así mesmo, dende o ano 2016 foméntase a través da convocatoria de subvencións a posta en marcha como proxecto piloto do programa de Casas niño, para testar durante un período mínimo de 5 anos o impacto social da oferta de atención personalizada en pequenos grupos aos nenos e nenas de 0-3 anos dos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes, onde as familias non dispoñen de ningún outro recurso para a atención dos seus fillos e fillas.

No ano 2020 a Consellería de Política Social está a subvencionar ao 100 % o funcionamento de 68 casas niño, que ofrecen un total de 340 prazas con carácter gratuíto. Con estas subvencións estase a dotar de recursos de conciliación o rural galego e posibilítase a permanencia das familias no lugar de orixe, resultando un instrumento eficaz para a revitalización demográfica de zonas con poboación moi envellecida e para a cohesión territorial.

Así pois, todos estes recursos integran a rede galega de centros de educación infantil 0-3 e son, polo tanto, pezas esenciais dun servizo de interese xeral, como recursos educativos e de prestación de servizo ás familias galegas, pois todos eles dan resposta ás súas necesidades de conciliación e, ademais, proporcionan o fundamento da educación e da formación dos nenos e nenas. Estes recursos constitúen ademais un elemento fundamental das políticas demográficas e activas de inclusión, dado que actúan como salvagarda fronte á exclusión social e prevén a pobreza infantil ao permitir aumentar o acceso e permanencia dos dous proxenitores no mercado laboral.

No momento actual, a raíz da crise sanitaria, todos estes recursos de atención continuada á infancia tiveron unha caída do 100 % dos seus ingresos, o que os aboca á súa desaparición, deixando, en consecuencia, sen atención educativa a máis de 14.200 nenos e nenas de entre cero e tres anos de Galicia no momento no que se recupere a actividade, e sen recurso de conciliación da vida familiar e laboral ás súas familias.

O mantemento da prestación destes servizos é esencial para as familias con fillos e fillas pequenos en particular e ten carácter estratéxico para a sociedade galega en xeral, dado que permite que estas familias poidan conciliar a súa vida familiar e laboral e que ambos proxenitores continúen no mercado laboral sen ter que renunciar á súa actividade nin ter recorrer ao apoio das avoas e avós, persoas susceptibles de afectación grave pola COVID-19.

Por todo isto, resulta imprescindible establecer un procedemento de xustificación e un réxime de reintegro específico para as subvencións concedidas pola Consellería de Política Social ás escolas infantís 0-3 e casas niño anteriormente mencionadas para o período durante o que a Administración autonómica manteña a suspensión da súa actividade presencial como medida preventiva de saúde pública. Estas subvencións estaban destinadas no ano 2020 tanto ao funcionamento das casas niño nos concellos rurais de Galicia como á mellora da accesibilidade e universalización do primeiro ciclo de educación infantil a través do financiamento de escolas infantís dependentes de entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro e do programa da gratuidade da atención educativa para segundos/as e sucesivos/as fillos/as da unidade familiar, adecuando deste modo as bases reguladoras, de modo que se garanta a viabilidade de todos estes recursos e, consecuentemente, a completa dotación da rede galega de recursos de atención á infancia 0-3.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas Niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020

A Orde do 13 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas Niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2017, 2018, 2019 e 2020, queda modificada como segue:

Un. Introdúcese un número 3.bis no artigo 21 coa seguinte redacción:

«3.bis. Xustificación a presentar no ano 2020 respecto do período de suspensión da actividade presencial como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19:

1º. No suposto de ter mantido a alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a alta fiscal: vida laboral e certificado de actividade económica.

2º. No suposto de terse acollido á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto lei 8/2020: documentación acreditativa expedida polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)».

Dous. Engádese unha letra e) ao número 2 do artigo 23 coa seguinte redacción:

«e) A ausencia de actividade presencial na anualidade 2020 derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 sempre que a persoa beneficiaria mantivera a súa alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida. No suposto de que a persoa beneficiaria se acollera á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto lei 8/2020, esta contía incrementarase no importe da prestación recibida».

Artigo 2. Modificación da Orde do 17 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas Niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021

A Orde do 17 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas Niño, parcialmente cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018, 2019, 2020 e 2021, queda modificada como segue:

Un. Introdúcese un número 3.bis no artigo 21 coa seguinte redacción:

«3.bis. Xustificación a presentar no ano 2020 respecto do período de suspensión da actividade presencial como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19:

1º. No suposto de ter mantido a alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a alta fiscal: vida laboral e certificado de actividade económica.

2º. No suposto de terse acollido á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto lei 8/2020: documentación acreditativa expedida polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)».

Dous. Engádese unha letra e) ao número 2 do artigo 23 coa seguinte redacción:

«e) A ausencia de actividade presencial na anualidade 2020 derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 sempre que a persoa beneficiaria mantivera a súa alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida. No suposto de que a persoa beneficiaria se acollera á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto-lei 8/2020, esta contía incrementarase no importe da prestación recibida».

Artigo 3. Modificación da Orde do 16 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas Niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022

A Orde do 16 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de Casas Niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos, 2019, 2020, 2021 e 2022, queda modificada como segue:

Un. Introdúcese un número 3.bis no artigo 21 coa seguinte redacción:

«3.bis. Xustificación a presentar no ano 2020 respecto do período de suspensión da actividade presencial como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19:

1º. No suposto de ter mantido a alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a alta fiscal: vida laboral e certificado de actividade económica.

2º. No suposto de terse acollido á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto-lei 8/2020: documentación acreditativa expedida polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)».

Dous. Engádese unha letra e) ao número 2 do artigo 23 coa seguinte redacción:

«e) A ausencia de actividade presencial na anualidade 2020 derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 sempre que a persoa beneficiaria mantivera a súa alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida. No suposto de que a persoa beneficiaria se acollera á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto-lei 8/2020, esta contía incrementarase no importe da prestación recibida».

Artigo 4. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño autorizadas pola Consellería de Política Social para iniciar a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020

A Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño autorizadas pola Consellería de Política Social para iniciar a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de marzo de 2017, e se procede a súa convocatoria para o ano 2020, queda modificada como segue:

Un. Introdúcese unha letra e) no número 1 do artigo 15 coa seguinte redacción:

«e) Xustificación a presentar no ano 2020 respecto do período de suspensión da actividade presencial como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19:

1º. No suposto de ter mantido a alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a alta fiscal: vida laboral e certificado de actividade económica.

2º. No suposto de terse acollido á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto-lei 8/2020: documentación acreditativa expedida polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE)».

Dous. Engádese unha letra e) ao número 2 do artigo 17 coa seguinte redacción:

«e) A ausencia de actividade presencial na anualidade 2020 derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 sempre que a persoa beneficiaria mantivera a súa alta como traballadora autónoma no Réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social e a súa alta fiscal, que suporá a perda dun 2 % da subvención concedida. No suposto de que a persoa beneficiaria se acollera á prestación extraordinaria por cese de actividade das persoas traballadoras autónomas ao abeiro do Real decreto lei 8/2020, esta contía incrementarase no importe da prestación recibida».

Artigo 5. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A)

A Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A), queda modificada como segue:

Un. Introdúcese unha letra c) no número 1 do artigo 14 coa seguinte redacción:

«c) Xustificación a presentar no ano 2020 respecto do período de suspensión da actividade presencial como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19:

1º. No suposto de ter mantido os medios materiais e humanos cos que contaba a entidade á entrada en vigor da dita suspensión: informe de vida laboral da empresa ou documento equivalente no que se recolla este período.

2º. No suposto de que estas entidades se acollesen a un Expediente de Regulación de Empleo Temporal (en adiante ERTE) por COVID-19: resolución da aprobación do ERTE e informe de vida laboral da empresa, ao que se xuntará a documentación acreditativa das prestacións recibidas e de ter complementado os salarios do persoal da escola infantil, de ser o caso».

Dous. Introdúcese unha letra e) no número 2 do artigo 20 coa seguinte redacción:

«e) A ausencia de actividade presencial na anualidade 2020 derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 suporá a perda dun 2 % da subvención concedida para gastos de mantemento sempre que a entidade beneficiaria mantivera os medios materiais e humanos cos que contaba á entrada en vigor da dita suspensión. No suposto de que a entidade beneficiaria se acollera a un ERTE e complementara a prestación do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) ata o 100 % dos custos de persoal, a perda da subvención concedida para gastos de mantemento acadará o 10 % da contía concedida; no caso de non ter complementado a dita prestación, o reintegro parcial será polo importe do 32 % da concesión. No que se refire as axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativas a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar, esta ausencia de actividade presencial derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 suporá a perda dun 2 % da subvención concedida».

Artigo 6. Modificación da Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C)

A Orde do 13 de marzo de 2020 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o fomento da gratuidade da atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as en escolas infantís 0-3 de titularidade privada, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420C), queda modificada como segue:

Un. Modifícase a letra b) no número 1 do artigo 14, que queda redactada como segue:

«b) Certificado de ocupación do período abril-decembro de 2020 actualizado á data de presentación da xustificación (anexo II). Para o período de inactividade presencial derivado da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 emitirase unha certificación específica coa referencia á ocupación do día inmediatamente anterior ao inicio da suspensión».

Dous. Engádese unha letra e) ao número 2 do artigo 17 coa seguinte redacción:

«e) A ausencia de actividade presencial na anualidade 2020 derivada da suspensión como medida preventiva de saúde pública a raíz da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, que suporá a perda dun 10 % da subvención concedida».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social