Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 24 de agosto de 2020 Páx. 33456

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas para o rescate de proxectos de investigación galegos presentados á convocatoria de expresións de interese do ISCIII para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao Fondo COVID-19, susceptible de financiamento Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN845D).

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde elevou a situación de emerxencia de saúde pública provocada polo COVID-19 a situación de pandemia internacional. A rápida evolución dos acontecementos, no ámbito nacional e internacional, require a adopción de medidas inmediatas e eficaces para afrontar esta situación. As circunstancias extraordinarias que xorden constitúen, sen dúbida, unha crise sanitaria sen precedentes e de enorme magnitude, tanto polo número moi elevado de cidadanía afectada como polo extraordinario risco para os seus dereitos.

Con base nisto e ao abeiro do disposto no artigo catro, letras b) e d), da Lei orgánica 4/1981, do 1 de xuño, sobre os estados de alarma, excepción e sitio, declarouse, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma para afrontar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19.

Posteriormente, aprobouse o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, que recollía unha serie de medidas económicas destinadas, entre outros obxectivos, a fortalecer a loita contra a enfermidade. Así, o dito real decreto lei autorizou unha serie de créditos extraordinarios para afrontar os retos científicos e de investigación derivados da emerxencia sanitaria, proporcionando ao Instituto de Saúde Carlos III (en diante, ISCIII) os recursos orzamentarios necesarios para subvencións de concesión directa para proxectos de investigación de coronavirus COVID-19.

En consecuencia, o ISCIII aprobou o 19 de marzo de 2020 unha convocatoria de expresións de interese para a financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao Fondo COVID-19.

Baixo esta chamada recibíronse máis de 1.400 expresións de interese. Algúns dos proxectos avaliados, a pesar de ter un alto nivel e interese científico na loita contra o SARS-CoV-2, non puideron ser financiados atendendo á necesidade de priorizar a asignación de fondos nun contexto de emerxencia que xustificaba a concesión directa destas axudas, aínda que eran proxectos importantes na loita co SARS-CoV-2. Por iso desde o Ministerio de Ciencia e Innovación se lles propuxo ás comunidades autónomas que, na medida das súas posibilidades, estuden o financiamento destes proxectos, que son igualmente importantes na nosa loita e na futura convivencia co SARS-CoV-2.

Un obxectivo esencial da Xunta de Galicia é continuar coa loita contra o COVID-19 e, polo tanto, coa investigación sobre a enfermidade para o desenvolvemento de fármacos e vacinas eficaces que axuden a conter o impacto de futuros brotes. Para iso é necesario establecer medidas extraordinarias que promovan a investigación en Galicia sobre esta enfermidade, tratando de anticipar e desenvolver tratamentos e vacinas que eviten novos escenarios de infeccións xeneralizadas.

A loita contra o COVID-19 require actuar o máis rápido posible ante a necesidade extraordinaria e urxente provocada por esta crise sanitaria e neste contexto a actuación coordinada das diferentes administracións, aproveitando os avances xa realizados, é clave para aumentar a eficacia e eficiencia do investimento público e axilizar ao acceso o financiamento de actuacións estratéxicas.

Así, nas axudas que se formulan nesta convocatoria, na selección dos proxectos terase en conta a cualificación da excelencia científica dos proxectos realizada xa polo ISCIII.

Consecuentemente con todo o anterior, a Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, resolve aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para o financiamento de proxectos de investigación presentados por investigadores de organismos de investigación radicados en Galicia á convocatoria de expresións de interese do ISCIII, para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao Fondo COVID-19.

Polo que antecede, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión de axudas da Axencia Galega de Innovación, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade do COVID-19 que foron presentados á convocatoria de expresións de interese realizada pola Resolución do 19 de marzo, da Dirección do Instituto de Saúde Carlos III, e non acadaron financiamento, e realizar a súa convocatoria en 2020 (código de procedemento administrativo IN845D).

As axudas desta convocatoria corresponden a actividade non económica, entendendo por tal a definida pola Comisión Europea no Marco de axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/1), publicado no DOUE do 27 de xuño de 2014. Así, no punto 2.1 do citado marco considéranse actividades non económicas dos organismos de investigación aquelas actividades que non consisten na oferta de bens e/ou servizos nun determinado mercado, incluíndose entre elas as actividades primarias dos organismos de investigación, en particular: a educación para lograr máis e mellor persoal cualificado; a realización de I+D independente para a mellora do coñecemento cando o organismo emprenda unha colaboración efectiva e a ampla difusión de resultados das investigacións de forma non discriminatoria e non exclusiva. Tampouco se considerarían actividades económicas as actividades de transferencia de coñecemento cando as leva a cabo o organismo de investigación sempre que os beneficios xerados por elas se volvan investir nas súas actividades primarias. O carácter non económico destas actividades de transferencia non se ve afectado polo feito de contratar con terceiros a prestación dos servizos correspondentes mediante licitación publica.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións obxecto desta convocatoria son susceptibles de ser financiadas no marco do programa operativo Feder 2014-2020 de Galicia, dentro do eixe 1: «Potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación», prioridade de investimento 1.2: «O fomento do investimento empresarial en I+i, o desenvolvemento de vínculos e sinerxías entre as empresas, os centros de investigación e desenvolvemento e o sector do ensino superior, en particular, mediante o fomento do investimento no desenvolvemento de produtos e servizos, a transferencia de tecnoloxía, a innovación social, a innovación ecolóxica, as aplicacións de servizo público, o estímulo da demanda, a interconexión en rede, as agrupacións e a innovación aberta a través dunha especialización intelixente, e mediante o apoio á investigación tecnolóxica e aplicada, liñas piloto, accións de validación precoz dos produtos, capacidades de fabricación avanzada e primeira produción, en particular, en tecnoloxías facilitadoras esenciais e difusión de tecnoloxías polivalentes; obxectivo específico 1.2.3: «Fomento e xeración de coñecemento de fronteira e de coñecemento orientado aos retos da sociedade, desenvolvemento de tecnoloxías emerxentes».

2. As axudas imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Gain, ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo:

Beneficiario

Partida orzamentaria

2020

2021

2022

Total

Organismos de investigación públicos

09.A3.561A.744.0

507.000

1.200.000

500.000

2.207.000

Organismos de investigación privados

09.A3.561A.781.0

193.000

350.000

250.000

793.000

Total

700.000

1.550.000

750.000

3.000.000

A distribución de fondos entre as aplicacións orzamentarias e entre anualidades sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes recibidas, e será posible a incorporación de novos conceptos de gasto tendo en conta a natureza das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

Poderanse ampliar os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán incompatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

4. As axudas da presente convocatoria serán susceptibles de financiamento no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 cunha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %.

Artigo 3. Intensidade da axuda

As axudas concederanse en forma de subvención. O importe máximo da subvención será do 100 % do investimento subvencionable.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Os beneficiarios destas axudas serán os organismos de investigación e difusión do Sistema galego de I+D+i, públicos ou privados, que presentaron un proxecto á convocatoria de expresións de interese do ISCIII para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao Fondo COVID-19.

2. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberanse contabilizar por separado. Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

Artigo 5. Duración e condicións dos proxectos

1. Os proxectos serán plurianuais e será imprescindible que parte deles se realice no ano 2020. Deberán estar rematados antes do 30 de setembro de 2022.

Os proxectos poderán terse iniciado respondendo á emerxencia sanitaria e deberán adecuarse a esta, permitindo unha implantación e posta en marcha a curto prazo con resultados concretos, temperáns e oportunos á situación actual. Na resolución da axuda indicarase o período de execución de cada proxecto.

2. Será requisito imprescindible que o proxecto estea aliñado cos retos e prioridades da RIS3 Galicia.

3. Só se financiarán proxectos cuxas actividades sexan desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de que as subcontratacións, asistencias técnicas ou colaboracións externas poidan encomendarse a entidades que operen fóra do territorio galego.

4. Os proxectos deberán respectar os principios recollidos na base 4 da convocatoria do ISCIII.

Artigo 6. Presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como derradeiro día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I). Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través de súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Coas solicitudes deberán, ademais, xuntarse as declaracións responsables da entidade solicitante que se indican a continuación e a documentación complementaria recollida no artigo seguinte:

1) Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas nesta resolución.

3) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas prevista nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na dita declaración no momento en que se produza.

5) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

6) Declaración responsable de que ten a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir cos obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

7) Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

8) Declaración responsable de que desenvolverá en Galicia as actividades para as cales se solicita a axuda.

9) Declaración responsable de que o contido da solicitude que se presenta coincide co da proposta presentada á convocatoria de expresións de interese para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao Fondo COVID-19 do ISCIII, do 19 de marzo de 2020.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Coas solicitudes deberá, ademais, xuntarse a seguinte documentación:

a) Copia da proposta presentada á convocatoria de expresións de interese para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19 con cargo ao Fondo COVID-19 do ISCIII, do 19 de marzo de 2020.

b) Memoria complementaria en que se inclúa a xustificación dos diferentes conceptos de gastos solicitados e dos aspectos que se avalían. Estes aspectos detállanse no artigo 18 desta convocatoria.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Os custos solicitados deberán estar incluídos na manifestación de interese presentada ao ISCIII, e non se admitirán novos custos, con excepción dos relacionados co informe do auditor.

De seren financiados con fondos Feder a estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Só se admitirán gastos realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución de concesión de cada proxecto e deberase atender, ademais, aos períodos de xustificación para cada anualidade previstos nestas bases.

3. Son subvencionables os custos directos, é dicir, aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se pode demostrar, que se indican a continuación.

1º. Custos de persoal:

Gastos de contratación de persoal técnico ou co grao necesario para a realización do proxecto, que se poderán incorporar ao proxecto durante todo ou parte do tempo de duración previsto.

Serán subvencionables os custos de persoal propio do organismo de investigación unicamente cando se trate de persoal alleo ao vinculado funcionarial. No caso dos organismos públicos de investigación, das universidades públicas, ou en xeral dos organismos públicos con orzamentos consolidables, non se subvencionarán os custos do persoal que xa estean cubertos polas dotacións previstas na Lei de orzamentos xerais do Estado ou nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma.

Os custos de viaxe, indemnizacións ou axudas de custo non teñen natureza de gastos de persoal.

Calquera modificación no cadro de persoal deberá ser motivada e xustificada, e deberá ser aprobada pola Axencia Galega de innovación.

2º. Custos de material inventariable e equipamento científico indispensable para a realización do proxecto na medida e durante o período en que se utilicen para as actividades do proxecto.

Se o equipamento e material se dedica exclusivamente ás actividades do proxecto e a súa vida útil se esgota ao termo do período de duración del, considerarase como gasto o custo de adquisición. Deberase xustificar na solicitude a vida útil deste equipamento ou material instrumental.

Se o equipamento e material non se utiliza exclusivamente para as ditas actividades, por exceder a súa vida útil a duración del, só serán imputables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables.

Serán subvencionables os custos de depreciación dos bens amortizables sempre que se cumpran as condicións establecidas na norma número 8 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Feder 2014-2020. Conforme o indicado no punto b) da citada norma, os activos depreciados non poderán ser adquiridos con axuda de subvencións públicas nin a adquisición ter sido obxecto de cofinanciamento por parte dos fondos.

3º. Adquisición de material funxible: poderanse imputar os gastos de materiais directamente destinados á realización do proxecto.

4º. Outros gastos complementarios directamente relacionados coa execución do proxecto, tales como os custos de utilización dalgúns servizos centrais e xerais de apoio á investigación da entidade beneficiaria, colaboracións externas, asistencia técnica, gastos externos de consultoría e servizos relacionados co proxecto, todos necesarios e debidamente xustificados.

5º. Actuacións de publicación e difusión dos resultados. Nesta epígrafe englóbanse, entre outros, gastos de revisión de manuscritos, gastos de publicación en revistas científicas, incluídos os relacionados coa publicación en revistas de acceso aberto, e os gastos derivados da incorporación a repertorios de libre acceso.

6º. Os custos de viaxe e aloxamento para actividades que se precisen no desenvolvemento das liñas de investigación e exclusivamente para o persoal adscrito ao equipo do proxecto. Esta epígrafe abranguerá unicamente: gastos de viaxe (por exemplo, billetes, quilometraxe do vehículo, peaxes e gastos de aparcadoiro), custos de comida e custos de aloxamento nas contías máximas sinaladas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia (actualizado pola Resolución do 29 de decembro de 2005 (DOG núm. 250, do 30 de decembro)) para un grupo I. Non serán asumibles gastos de comidas e atencións de carácter protocolario.

7º. Gastos de coordinación e gastos relacionados con estadías invitadas de investigadores e expertos internacionais considerados indispensables para a adecuada execución do proxecto.

8º. Subcontratacións totais ou parciais da actividade, sempre con autorización previa. As subcontratacións poderán acadar ata o 100 % da actividade subvencionada se así se xustifica na correspondente memoria, e deberá cumprirse o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento.

9º. Informe do auditor: o informe do auditor axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007 e ás instrucións que se detallarán na páxina web da Gain.

Este gasto é un custo específico non recollido entre as partidas subvencionables da convocatoria do ISCIII.

A contía máxima deste custo do informe do auditor será de 800 euros por anualidade.

4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Nese caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

Artigo 9. Ofertas

No caso de adquisición de bens de equipamento, ou a contratación de servizos ou subministracións e materiais, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere os 15.000 euros no global do proxecto para un mesmo provedor, deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren. Estas excepcións deberán xustificarse. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e achegarase unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta máis vantaxosa.

Estas ofertas, de seren necesarias, deberán achegarse na xustificación da axuda.

Non obstante, no caso de que as entidades beneficiarias reúnan os requisitos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para ter a consideración de poder adxudicador deberán someterse á disciplina de contratación pública nos termos previstos no dito texto legal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas relativos aos organismos de investigación:

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. Non obstante, aquelas entidades comprendidas no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que desenvolve a Lei de subvencións de Galicia, poderán presentar unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. No caso de que o solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados por parte da Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Axencia Galega de Innovación practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban facer durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código indicado no artigo 1, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 54 10 71 da dita axencia.

c) No enderezo electrónico programas.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo:

http://sede.xunta.gal

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 14. Coñecemento e aceptación

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Ademais, tamén implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) 1303/2013.

https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Axencia Galega de Innovación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Programas será a competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, e será competencia da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, o interesado será requirido mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o solicitante poderá ser requirido para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento e para o seguimento e avaliación da RIS3 Galicia en que se enmarcan estas axudas.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos e remitidos á Comisión de Selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 17. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composto por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Un/unha xefe/a de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación; un deles actuará como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude conforme os criterios de valoración establecidos no artigo seguinte.

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final en que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 18. Criterios de valoración e selección

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizada por xestores/as técnicos/as da Gain, que poderán contar co apoio de persoal experto externo se fose necesario.

1. A valoración de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizarase sobre un total de 20 puntos, que se outorgarán atendendo á súa «Excelencia», a súa proposta de «Implementación» e o seu potencial «Impacto», segundo os seguintes criterios:

A) Excelencia científico-técnica (máximo 8 puntos):

Calidade científica, grao de innovación e excelencia dos obxectivos do proxecto. Viabilidade técnica da proposta para acadar os avances científicos que se procuran.

Para a valoración deste criterio terase en conta a avaliación científico-técnica do proxecto realizada polo ISCIII.

B) Implementación (máximo 4 puntos):

Valorarase en función:

B.1) Da capacidade técnica do equipo investigador solicitante, atendendo tanto á súa experiencia en investigacións relacionadas co obxecto do proxecto como ao desenvolvemento de proxectos de investigación noutros ámbitos relacionados, especialmente en programas europeos como H2020 (max. 2 puntos).

B.2) Da adecuación e da xustificación do orzamento aos obxectivos e plan de traballo do proxecto (máx. 2 puntos).

C) Impacto (máximo 8 puntos):

C.1) Impacto específico do proxecto sobre a emerxencia sanitaria COVID-19, en termos da súa achega ao coñecemento sobre a enfermidade, a súa prevención, transmisión, diagnóstico, prognóstico, tratamento e seguimento (máximo 1,5 puntos).

C.2) Plan de explotación previsto para os potenciais resultados do proxecto (máximo 1,5 puntos).

C.3) Impacto socioeconómico do proxecto en Galicia: valoración da achega do proxecto para o avance e consolidación do modelo de especialización intelixente da RIS3 Galicia (máximo 5 puntos). Terase en conta de xeito especial:

– A potencialidade dos resultados do proxecto para exercer un efecto tractor sobre cadeas de valor que permitan xerar emprego e atraer investimento privado para Galicia (máximo 4,5 puntos).

– A inclusión da innovación responsable dentro da estratexia de actuación do solicitante e na propia execución do proxecto: fomento do equilibro de xénero nos equipos investigadores, grao de compromiso coa cidadanía e as súas necesidades, entre outros aspectos (máximo 0,5 puntos).

O xestor técnico da Axencia Galega de Innovación a que se lle encomende o proxecto emitirá un informe técnico de acordo con estes criterios de valoración no cal se determinará o custo subvencionable do proxecto.

Deberán absterse de avaliar un proxecto aquelas persoas que estean vinculadas con el por calquera circunstancia, ás cales lles son de aplicación, ademais, as causas de abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015.

No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as propostas cunha maior puntuación na epígrafe de impacto. No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida no criterio de implementación.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución en cada unha das liñas desta convocatoria, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidade.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberáselle notificar a cada beneficiario un documento no cal deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma aprobados que se recollen nas resolucións de concesión. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, o órgano concedente poderá modificar a resolución de concesión.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación cunha anterioridade mínima de dez (10) días hábiles á data de finalización do prazo de xustificación desa anualidade e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación da actividade subvencionable estea comprendida dentro da finalidade e dos requisitos das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

d) Que non sexan tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

4. En ningún caso se autorizarán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado logo da instrución do correspondente expediente en que se lle dará audiencia ao interesado. A autorización de modificación deberá realizarse de forma expresa e notificaráselle ao interesado.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, perante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento contado desde o día seguinte en que se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a directora da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

1. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

2. Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

3. Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

4. Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

5. No caso en que se sexa de aplicación, cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) 1303/2013 e o Regulamento (UE) 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

6. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

7. Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

8. Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo de que as subcontratacións, asistencias técnicas ou colaboracións externas poidan encomendarse a entidades que operen fóra do territorio galego.

9. Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas á autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

10. Dar publicidade das axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento, de ser o caso, con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación», así como cofinanciado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

11. Realizar unha acción de comunicación ao finalizar o proxecto para expor os resultados non suxeitos a confidencialidade. Nesta acción porase de manifesto o apoio da Axencia Galega de Innovación e, de ser o caso, tamén o apoio do Feder.

12. Ao tratarse de subvencións potencialmente financiables con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013, e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación e mantemento do investimento:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao fondo que dá apoio á operación e ao lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión.

3. Nos casos en que sexa de aplicación pola dimensión da axuda concedida, superior aos 500.000 euros e se adquira algún obxecto físico, colocar, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou unha placa permanente de tamaño mínimo A3. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación, e elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) 821/2014, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1303/2013.

4. No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao posible financiamento Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.3), e a presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades financiadas, o beneficiario deberá comunicarlle por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser financiado con fondos Feder no marco do eixe 1 do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico 1.2.3), e incluirá unha mención expresa ao nome da proposta financiada, a presente convocatoria e a porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades financiadas.

13. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución, e conservar a documentación xustificativa relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

14. Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun investimento subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

15. Informar do nivel de logro dos indicadores asociados a actuación baixo a cal obtivo financiamento no marco do PO Feder Galicia 2014-2020:

– E021 Investigadores/ano participando en proxectos cofinanciados (persoas/ano) (para organismos públicos).

– CO27 Investimento privado en paralelo ao apoio público en proxectos de innovación ou I+D (euros) (para organismos privados).

16. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia. No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na compilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e ao finalizar a axuda (ex post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i e os de produtividade do proxecto.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda o beneficiario da subvención deberá presentar electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención do proxecto empregando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

2. Períodos de realización de gastos (emisión de facturas) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Ano 2020

– Desde a data de inicio en 2020 do proxecto indicada na resolución ata o 31 de decembro de 2020

Ano 2021

– Desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 30 de setembro de 2021

Ano 2022

– Desde o 1 de outubro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022

3. Prazos de presentación da documentación xustificativa:

Ano 2020

– Ata o 31 de marzo de 2021

Ano 2021

– Ata o 15 de outubro de 2021

Ano 2022

– Ata o 15 de outubro de 2022

4. Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

Artigo 26. Documentación xustificativa

1. Debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica. As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para presentar a documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e será preciso presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

2. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención a empresa non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, e advertiralle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 27. Documentación xustificativa económica

A xustificación económica realizarase a través de informe de auditor. Este informe deberase axustar ás instrucións que se publicarán na web da Gain, verificando a existencia da documentación que se detalla a continuación e revisando, ademais, o cumprimento dos requisitos que se exixen a cada concepto de gasto:

Deberá presentarse un resumo global de execución para a totalidade do proxecto, así como o resto de documentación que se sinala a continuación:

a) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade ou proxecto ou para as mesmas partidas de gasto, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, utilizando o modelo que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal. De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas.

b) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, conforme os beneficiarios están ao día nas súas obrigas tributarias, no caso de que se opoñan á súa consulta por parte do órgano xestor.

c) Un resumo da execución do proxecto en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por concepto de gasto.

d) De ser o caso, indicación por concepto subvencionable das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada, seguindo o modelo do informe técnico dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

e) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar unha declaración responsable de autenticidade dos documentos orixinais en papel.

f) Documentación xustificativa do pagamento: declaración responsable de autenticidade dos documentos orixinais en papel de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica, sempre que conten co selo do banco. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, que deberán ser o emisor da factura e o beneficiario da axuda, respectivamente; o número e o importe total da factura satisfeito. De non estar acreditado o pagamento íntegro mediante estes documentos, o gasto non será subvencionable.

No caso de que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento. Non se aceptarán aqueles documentos de pagamento que non permitan identificar claramente as facturas vinculadas ao proxecto a que corresponden.

No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, acompañarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas citadas facturas. En caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario presentar o correspondente extracto bancario xunto coa orde de pagamento da entidade selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados de acordo co establecido nos parágrafos anteriores.

g) Para xustificar o custo de persoal destinado ao proxecto, deberá disporse de:

1. Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da entidade, que consistirá nunha relación detallada por traballador do persoal dedicado ao proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI/NIE, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á entidade, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social), grupo de cotización polo cal está contratado, titulación e porcentaxe de dedicación ao proxecto. Declaración da dedicación do persoal dedicado ao proxecto en que debe figurar a sinatura do xefe técnico de proxecto e a sinatura do traballador, conforme o modelo dispoñible na páxina web da Gain.

2. De ser o caso, xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder.

3. Informe de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación, e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación. Para o persoal de nova contratación, deberá achegarse a copia do contrato en que poida verificarse a exclusividade ao proxecto e o resto dos requisitos exixidos nesta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica.

4. Copia das nóminas do persoal dedicado ás actividade do proxecto e declaración responsable de autenticidade dos documentos orixinais en papel, xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

5. Declaración asinada polo responsable de persoal da entidade cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do proxecto, xunto cos modelos 111 e os seus correspondentes xustificantes bancarios.

6. Boletíns de cotización á Seguridade Social e declaración responsable de autenticidade dos documentos orixinais en papel dos seus xustificantes de pagamento.

No caso de traballadores autónomos, deberanse achegar nóminas e xustificantes bancarios do seu pagamento, así como xustificantes de pagamento das cotas á Seguridade Social.

En todo caso, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do referido prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

7. Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas da presente convocatoria, noutras actividades ou noutros proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal.

h) Tres ofertas de diferentes provedores cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipamento e contratación de servizos ou subministracións e materiais iguale ou supere os 15.000 € no global do proxecto cun mesmo provedor. Cando polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que os presten ou subministren, deberá achegarse unha xustificación de tal circunstancia. Se a elección non tivese recaído na proposta económica máis vantaxosa, deberá achegarse unha memoria xustificativa.

i) Declaración asinada polo representante legal, na cal se detalle o cadro de amortización de cada equipamento incluído no seu orzamento calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como un informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, con esta documentación deberanse xuntar os estados contables da entidade e os correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da empresa.

j) No caso de leasing, será necesario presentar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto.

k) En caso de subcontratacións, deberá achegarse a seguinte documentación:

1. Factura emitida pola entidade subcontratada ao beneficiario en que se especifique claramente o título do proxecto financiado. No caso de que sexan varias as facturas, todas elas deberán especificar o título do proxecto.

2. Xustificantes de pagamento da factura da subcontratación.

3. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no proxecto, na cal se debe incluír unha relación das persoas que participaron nelas, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas e a porcentaxe de dedicación ao proxecto.

l) Certificación expedida pola persoa responsable do control de legalidade da entidade beneficiaria, na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública.

m) Ofertas de diferentes provedores no caso de adquisición de bens de equipamento, ou a contratación de servizos ou subministracións e materiais se fosen necesarias, segundo o indicado no artigo 9.

Artigo 28. Documentación xustificativa técnica

a) Informe técnico normalizado, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

b) Memoria redactada en formato libre sobre a evolución do proxecto, na cal deberán incluírse:

– Os valores dos indicadores de seguimento do proxecto de xeito xustificado.

– A xustificación do cumprimento das normas de publicidade, incluída documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade, de conformidade co Regulamento (UE) 1303/2013 e o Regulamento de execución (UE) 821/2014.

Tanto o informe técnico como a memoria deberán presentarse en formato PDF e en soporte electrónico.

Artigo 29. Pagamento

1. O pagamento farase efectivo, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto, sen necesidade de achegar ningún tipo de garantías.

2. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán acadar ata o 100 % da axuda concedida.

3. Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

4. Pagamentos anticipados:

Para realizar pagamentos anticipados a entidade beneficiaria deberá presentar solicitude motivada.

A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada segundo o artigo 63.1.Dous do Decreto 11/2009.

Os pagamentos anticipados poderán acadar ata o 100 % da subvención concedida sen superar o importe da anualidade correspondente, de acordo co establecido no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

5. Pagamentos á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto sen necesidade de entregar ningún tipo de garantías.

6. Rematado o proxecto, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Artigo 30. Garantías

No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto no artigo 51 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, e o artigo 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tras a autorización do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 32. Causas de reintegro

A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración desta. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

Artigo 33. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto de I+D ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos no proxecto.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido no artigo 36.i), j) e k) desta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

b) Se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

Artigo 34. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 32 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicaráselle ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, ás beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 35. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o ministerio fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 36. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. De se constatar unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propor a suspensión da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar anualmente os beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Previamente ao pagamento final da subvención será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación. Ademais desta actividade final de inspección, a Axencia, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento por parte da Axencia Galega de Innovación, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

6. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercidos pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 37. Normativa aplicable

Tendo en conta que se trata de axudas dirixidas a organismos de investigación e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. Esta orde de convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas.

En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) De ser o caso, o Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.

b) De ser o caso, o Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006.

c) De ser o caso, a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

d) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e de xeito supletorio a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

e) A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) De ser o caso, Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e o Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013 e (UE) 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

g) De ser o caso, o Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e o Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Así mesmo, os ditos datos, no caso de proxectos financiados con Feder, serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellaría de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos, segundo o disposto nos artigos 125, punto 2, artigo 140, puntos 3 a 5 e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-efondos/periodocomunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2020

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file