Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Martes, 25 de agosto de 2020 Páx. 33622

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2020 pola que se acorda a ampliación do prazo para a presentación de solicitudes no procedemento regulado na Resolución do 3 de marzo de 2020 pola que se pon en marcha a Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (denominada Labsaúde) e se aproban e se publican as bases reguladoras para o procedemento de selección das entidades que participarán no Living Lab de Ourense, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento SA304B).

O día 13 de marzo publicouse no DOG núm. 50 a Resolución do 3 de marzo de 2020 pola que se pon en marcha a Rede de Living Labs de Saúde de Galicia (denominada Labsaúde) e se aproban e publican as bases reguladoras para o procedemento de selección das entidades que participarán no Living Lab de Ourense e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento SA304B).

O prazo para a presentación de solicitudes era de tres meses contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, rematando o mesmo o 15 de xuño.

Ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o goberno de España declarou, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo de 2020, o estado de alarma en todo o territorio nacional. Na disposición adicional terceira deste real decreto, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión de prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e prazos para a tramitación dos expedientes de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A reanudación dos prazos administrativos tivo lugar con efecto desde o 1 de xuño segundo o artigo 9 do Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 marzo. Polo tanto, a nova data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes por parte das entidades interesadas en participar no Living Lab de Ourense trasládase ao 31 de agosto de 2020.

A pandemia desatada polo virus SARS-CoV-2 máis coñecido como Coronavirus e a declaración do estado de alarma obrigou a que os servizos asistenciais do Servizo Galego de Saúde, incluíndo o hospital de Ourense, adoptasen unha serie de medidas de reorganización asistencial encamiñadas a reforzar a seguridade tanto dos propios profesionais sanitarios como dos pacientes. Neste sentido ditáronse instrucións relativas á suspensión ou aprazamento de procedementos cirúrxicos, probas diagnósticas ou consultas non urxentes como a Instrución 6/2020 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde.

Na actualidade, os servizos asistencias non recuperaron a súa actividade e funcionamento ordinario debido ás medidas preventivas que é necesario adoptar relativas ao distanciamento físico nos lugares públicos. A protección da saúde pública e dos riscos laborais obrigan ao mantemento, sempre que sexa posible, das modalidades de atención non presencial e á reorganización das actividades que requiran presenza física para minimizar a cohabitación de pacientes nos centros asistenciais.

A recuperación da actividade asistencial tamén se ve ralentizada polo desfrute das vacacións regulamentarias por parte do persoal, na súa totalidade ou maior parte no período ordinario (meses de xuño e setembro de 2020), segundo a Instrución 15/2020 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde. Esta medida foi adoptada para garantir a dispoñibilidade dos profesionais ante posibles brotes ou ondas epidémicas que poidan xurdir no último trimestre do ano en curso.

Por outra banda, a declaración do estado de alarma mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, provocou unha parálise da actividade económica neste novo escenario social. Moitas empresas víronse obrigadas a suspender a súa actividade de xeito parcial ou total e retomala, tras a finalización do estado de alarma, pero cunha variación importante debido á adaptación das condicións de traballo ás medidas preventivas obrigatorias o que pode afectar directamente a súa produción.

Os outros potenciais participantes neste procedemento, organismos de investigación como centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica ou universidades públicas, tamén se viron afectados durante este período debido a unha notable diminución da súa actividade e ao esforzo necesario para a súa reorganización e adaptación do traballo para continuar coa súa labor na medida do posible. Ademais, no ámbito da investigación priorizáronse todos os campos relativos ao COVID-19 dada a situación excepcional e primordial existente desde o punto de vista da saúde pública.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar o prazo de presentación de solicitudes ata o día 31 de outubro de 2020, polo que resulta ampliado o prazo regulado na base sétima da citada resolución.

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Presidente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde