O día 14 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 7 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento CT130A).
No artigo 16.1 da dita orde establecíase que o prazo para que as persoas beneficiarias das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 31 de outubro de 2020; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción.
Tendo en conta o longo proceso de avaliación e resolución debido ás circunstancias especiais derivadas da pandemia do COVID-19, xunto á complexidade da execución dos proxectos e co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
Visto o anterior,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación da Orde do 7 de xaneiro de 2020
Modifícase o artigo 16.1 da Orde do 7 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, que queda redactado como segue:
«Artigo 16. Prazo, xustificación e pagamento das axudas
O prazo para que as persoas beneficiarias das axudas acrediten e xustifiquen os proxectos subvencionados será ata o 15 de novembro de 2020; en caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción».
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2020
Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo