Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 14 de setembro de 2020 Páx. 35946

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de setembro de 2020 pola que se modifica o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos previstos na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas, e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento MR405A, MR404A e MR405B).

A evolución da pandemia como emerxencia de saúde pública, determinou a adopción polas distintas administracións públicas de medidas de carácter extraordinario, que culminaron en España coa declaración do estado de alarma en todo o territorio nacional mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, sucesivamente prorrogado, e resultou afectado de forma evidente e indubidable o normal desenvolvemento administrativo dos procedementos de subvencións, en particular, orixináronse atrasos e dificultades na execución dos procedementos de autorizacións de permisos administrativos.

A Orde do 30 de decembro de 2019 (publicada no DOG núm. 18, do 28 de xaneiro de 2020) pola que se convocan para o ano 2020 as axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, establece no artigo 21 como prazo máximo para presentar a correspondente licenza municipal de obras ou calquera outro permiso administrativo, o 15 de setembro de 2020.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE do 14 de marzo de 2020), establece a suspensión dos prazos administrativos desde a declaración do estado de alarma, cuxo cómputo continuará no momento en que perda vixencia a dita declaración, ou a das súas prórrogas. Posteriormente, o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece que, con efectos desde o 1 de xuño de 2020, o cómputo de prazos administrativos que fosen suspendidos continuará, ou reiniciarase, se así se estivese previsto nunha norma con rango de lei aprobada durante a vixencia do estado de alarma e as súas prórrogas. Así mesmo, a disposición derrogatoria única, indica que, con efectos desde o 1 de xuño de 2020, queda derrogada a disposición adicional terceira del Real decreto 463/2020, do 14 de marzo.

É indubidable que a tramitación dos permisos administrativos establecidos no artigo 21 da Orde do 30 de decembro de 2019 se viu afectada en gran medida pola suspensión do cómputo dos prazos administrativos e, especialmente, no caso da concesión de licenzas municipais, pola súa complexidade urbanística e sectorial, dificultando a finalización dos devanditos procedementos de autorización.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas para as persoas agricultoras mozas e para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2020

O artigo 21 queda redactado como segue:

«Artigo 21. Presentación dos permisos administrativos

Para esta convocatoria, as obras e construcións que precisen da correspondente licenza municipal deberán contar con ela, de acordo co establecido na normativa urbanística. Para iso deberán presentar a concesión da licenza municipal, como máis tarde, o 15 de decembro de 2020. O mesmo prazo se establece para o caso de investimentos que deban contar con calquera outro permiso administrativo, de acordo coa correspondente normativa sectorial. O non cumprimento destes requisitos suporá a denegación da axuda».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural