Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 17 de setembro de 2020 Páx. 36309

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 16 de setembro de 2020 pola que se ditan instrucións sobre o comezo do curso académico 2020/21 e pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 adoptouse, no eido educativo, a suspensión de todo tipo de actividade lectiva regulada en todos os centros de ensino non universitario.

Posteriormente, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, suspendeuse a actividade educativa presencial en todos os centros e etapas, ciclos, graos, cursos e niveis de ensino recollidos no artigo 3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incluído o ensino universitario, así como calquera outra actividade educativa ou de formación impartida noutros centros públicos ou privados. Durante o período de suspensión manteríanse as actividades educativas a través das modalidades a distancia e en liña sempre que resultase posible.

Por Resolución do 22 de maio de 2020 restablécese a actividade lectiva presencial no curso 2019/20, determínanse as instrucións para o que resta de curso e adóptanse medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da consellería.

Con data do 11 de xuño o Ministerio de Educación e Formación Profesional no seo da conferencia sectorial de Educación presentou un documento denominado «Acordos para o inicio e desenvolvemento do curso 2020/21» e enviou tamén para coñecemento e alegacións das CC.AA. o documento denominado «Medidas de prevención, hixiene e promoción da saúde fronte ao COVID-19 para centros educativos no curso escolar 2020/21». Este último documento foi revisado coas alegacións das CC.AA. e a súa versión definitiva ten data do 22 de xuño de 2020.

O 22 de xullo de 2020 publícase na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a Resolución conxunta das consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e de Sanidade pola que se aproba o Protocolo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21 (versión 22.7.2020).

Posteriormente, o día 27 de agosto de 2020 nunha reunión conxunta do Consello Interterritorial del Sistema Nacional de Saúde en coordinación coa Conferencia Sectorial de Educación someteuse á consideración das comunidades autónomas o documento denominado «Declaración de actuacións coordinadas en saúde pública fronte ao COVID-19 para centros educativos durante el curso 2020/21 e en relación coa vacinación fronte á gripe». O dito documento foi aceptado polas comunidades autónomas como conxunto de actuacións coordinadas en materia de saúde pública e publicado no Diario Oficial de Galicia do 28 de agosto de 2020.

Para aplicar as medidas contidas no citado documento ditáronse as «Instrucións polas que se incorpora a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobada polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde Pública (DOG núm. 174 bis, do 28.8.2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do Comité Clínico ao Protocolo do 22 de xullo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21, na versión 31.8.2020.

En relación coas medidas contidas no Protocolo de adaptación ao contexto do COVID-19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020/21 (versión 22.7.2020), estas novas instrucións teñen como modificación máis relevante o establecemento de que, de forma xeral, se manterá unha distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo, agás na educación infantil e na educación primaria, ensinanzas en que a organización do alumnado se establecerá, con carácter xeral, en grupos de convivencia estable, en cuxo ámbito non se aplicarán criterios de limitación de distancia.

Esta variación da distancia interpersoal entre o alumnado obriga os centros educativos a modificar a planificación e a preparación que realizarán para iniciar o curso académico 2020/21 axustándose ao Protocolo aprobado o 22 de xullo de 2020, facendo inviable manter o comezo do curso académico para o día 16 de setembro nas ensinanzas da educación secundaria obrigatoria, no bacharelato, na formación profesional e nas ensinanzas especiais. Así mesmo, fai necesario que se diten unhas instrucións que establezan os criterios que os centros educativos deben aplicar na configuración dos grupos de alumnos e normas básicas sobre a autorización da cota de profesorado en cada centro educativo.

Na súa virtude, coa finalidade de ditar instrucións sobre o comezo do curso 2020/21,

ACORDO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

A presente orde será de aplicación aos centros educativos sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

Artigo 2. Ensinanza presencial

1. Con carácter xeral, a actividade lectiva será presencial para todos os niveis e etapas do sistema educativo, con prioridade para o alumnado de menor idade.

2. Excepcionalmente, poderán impartirse semipresencialmente as ensinanzas de bacharelato, formación profesional, así como as ensinanzas de réxime especial.

Artigo 3. Constitución dos grupos de alumnos nas distintas ensinanzas

1. De forma xeral, manterase unha distancia interpersoal de polo menos 1,5 metros nas interaccións entre as persoas no centro educativo.

2. A distancia que se manterá entre postos escolares será a máxima que permita a aula, para a aplicación do criterio de medición, a distancia considerarase desde o centro das cadeiras.

3. Se o tamaño da aula non permite as distancias previstas nos parágrafos anteriores adoptaranse algunha das seguintes medidas:

– Retirarase o mobiliario non indispensable que diminúa a superficie útil da aula para tentar obter o máximo distanciamento posible.

– Sempre que sexa posible, utilizaranse aulas alternativas de especialidade que teñan maior dimensión, tales como laboratorios, aulas de música ou similares.

4. Se co previsto na epígrafe anterior non puidese manterse a distancia de 1,5 metros, logo da autorización da inspección educativa, optarase polas seguintes opcións:

– Semipresencialidade rotatoria, agás na educación secundaria obrigatoria.

– Instalación de anteparos ou separacións que garantan a protección individual do alumnado. Nos talleres de formación profesional e ensinanzas de réxime especial, cando proceda, adoptaranse medidas de seguridade usando pantallas de protección facial.

– Desdobramentos do grupo de alumnos.

Artigo 4. Ensino semipresencial rotatorio

As ensinanzas que se relacionan no artigo 1 da presente orde poderán impartirse na modalidade de educación semipresencial rotatoria, presentándose como unha formación presencial para o alumnado que colla na aula ou no taller, e a distancia, ou simultánea, para o resto do alumnado do grupo, debendo o centro establecer unha rotación do alumnado do grupo nos dous tipos de formación, presencial e a distancia.

Na formación profesional básica, os módulos de Comunicación e Sociedade e de Ciencias Aplicadas desenvolveranse no réxime de ensino presencial.

Artigo 5. Autorización da cota de profesorado de cada centro educativo

1. Unha vez autorizado o funcionamento dos grupos pola inspección educativa, a xefatura da inspección de cada xefatura territorial remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a proposta de incremento de profesorado de cada centro educativo para o curso académico 2020/21.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos resolverá definitivamente sobre o incremento de cota de cada centro, trasladarao á aplicación informática de edu.xunta.es/persoal e os centros procederán a solicitar as prazas correspondentes.

3. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos realizará a adxudicación definitiva dos destinos provisionais para o curso académico 2020/21 do profesorado que imparte as ensinanzas de educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial.

4. A toma de posesión do profesorado nos destinos adxudicados terá efectividade do 22 de setembro de 2020.

5. Sen prexuízo do anterior, o persoal funcionario de carreira e o persoal interino con nomeamento de interino ata o 15 de setembro de 2020 tomará posesión con efectividade do día 16 de setembro de 2020.

Artigo 6. Formación do profesorado

Antes do inicio do curso escolar impartiranse nos centros educativos galegos as seguintes accións formativas para o profesorado:

– Actualización de ferramentas tecnolóxicas para docentes.

– Aproveitamento didáctico de ferramentas institucionais para o ensino mixto.

Os centros da Rede de formación do profesorado ofrecerán aos centros educativos do seu ámbito de xestión o apoio necesario para que todo o profesorado interesado poida realizar os referidos cursos.

Disposición adicional. Adiamento do inicio do curso académico nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas especiais

Modifícanse os puntos 2 e 3 do artigo 5 da Orde do 25 de xuño de 2020 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2020/21 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, que quedarían redactados como segue:

«2. O día 23 de setembro de 2020 iniciarán a actividade lectiva as ensinanzas de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria, 1º de bacharelato, 1º de formación profesional de grao medio e 1º de formación profesional de grao superior, e as ensinanzas básicas de educación para persoas adultas polas modalidades presencial e a distancia.

O día 24 de setembro de 2020 iniciarán a actividade lectiva as ensinanzas de 3º de educación secundaria obrigatoria, 2º curso de bacharelato, 2º de formación profesional de grao medio e 2º de formación profesional de grao superior.

O día 25 de setembro de 2020 iniciarán a actividade lectiva as ensinanzas de 4º de educación secundaria obrigatoria e de formación profesional básica.

O alumnado de ensinanzas de artes plásticas e deseño e as deportivas incorporarase nas mesmas datas establecidas para o alumnado de formación profesional.

3. O alumnado das demais ensinanzas de réxime especial incorporarase a partir do 23 de setembro de acordo cos calendarios de organización e funcionamento dos centros».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Autorízanse as direccións xerais de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade