A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte á presentación da solicitude, coa data límite do 30 de setembro de 2020 (artigo 23 das bases reguladoras).
O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.
Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.
No presente procedemento de concesión destas axudas, neste momento hai solicitudes en listaxe de espera, as cales se lle están a asignando os fondos liberados, procedentes de inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados.
Estas solicitudes que integran a listaxe de espera, segundo o disposto no artigo 23 das bases reguladoras, dispoñen dun prazo de 60 días naturais contados desde a día seguinte ao da presentación da solicitude para presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa do investimento, coa data límite do 30 de setembro.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 23 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa dos investimentos ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos, quedando a redacción do artigo do seguinte xeito: «A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude coa data límite do 31 de outubro de 2020».
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na página web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020
Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia