Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 18 de setembro de 2020 Páx. 36492

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 129/2020, do 17 de setembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O 7 de setembro publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, fundamentada nos criterios de eficacia e economía que inspiran a actuación e a organización administrativa.

En virtude dos criterios arriba indicados, e de acordo co previsto nos artigos 23.3 e 26.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procede agora establecer os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritos funcionalmente á Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de setembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo único

a) Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo os seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral da Presidencia:

1.1. Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

2. Secretaría Xeral de Medios.

2.1. Dirección Xeral de Comunicación.

3. Secretaría Xeral da Emigración.

4. Secretaría Xeral para o Deporte.

b) Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, de conformidade co disposto no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea esta e se aproban os seus estatutos.

Disposición adicional primeira.

Un. Corresponderán á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública as funcións que os artigos 3 e 4, así como a disposición derradeira segunda do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, atribúen á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Dous. Os estatutos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia modificaranse para adaptarse ao establecido no parágrafo un desta disposición adicional.

Disposición adicional segunda

A delegación de competencias outorgada a favor da Secretaría Xeral da Presidencia continuará vixente ata que sexa revogada expresamente ou novamente outorgada.

Disposición transitoria primeira

Mentres non se modifique o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, corresponderá á Secretaría Xeral da Presidencia a preparación previa dos asuntos da Amtega que deban elevarse e someterse ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación, así como aquelas outras funcións que se lle atribúan no dito decreto.

Disposición transitoria segunda

Os órganos dependentes dos órganos superiores e de dirección sinalados no artigo único manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira

As referencias contidas nas disposicións adicionais primeira e segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, resultan de aplicación aos órganos superiores e de dirección previstos neste decreto mentres non se regule a súa nova estrutura orgánica.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 176/2016, do 15 de decembro, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo