Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 18 de setembro de 2020 Páx. 36495

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

DECRETO 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia.

O 7 de setembro publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

A optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión, a racionalización, o logro da máxima coordinación das distintas unidades administrativas e a mellora continua son principios básicos que guían a actuación da Xunta de Galicia.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Non obstante, cómpre facer un segundo nivel organizativo, en distintos órganos superiores e de dirección e en diversas entidades do sector público, coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Neste marco, procede agora aprobar a estrutura orgánica superior das vicepresidencias e das respectivas consellerías, e é compromiso da Xunta de Galicia afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, de acordo co artigo 25.5 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezasete de setembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1

a) A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Vicepresidencia primeira:

1.1. Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral.

2. Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo:

2.1. Secretaría Xeral Técnica.

2.2. Dirección Xeral de Xustiza.

2.3. Dirección Xeral de Administración Local.

2.4. Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias.

2.5. Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

2.6. Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

b) Quedan adscritas organicamente á consellería as delegacións territoriais da Xunta de Galicia. As delegacións territoriais, configuradas como órganos de dirección, terán nivel orgánico de dirección xeral.

c) Así mesmo, quedan adscritas a esta consellería as delegacións da Xunta de Galicia no exterior.

d) Igualmente, quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública.

2. A Axencia Galega de Emerxencias.

3. A Axencia de Turismo de Galicia.

Artigo 2

a) A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais.

3. Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

2. O ente público Instituto Galego de Promoción Económica.

3. A Axencia Galega de Innovación.

4. A Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

5. A Axencia Galega da Industria Forestal.

Artigo 3

a) A Consellería de Facenda e Administración Pública estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio.

2. Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

4. Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

5. Dirección Xeral da Función Pública.

6. Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Estatística.

2. O organismo autónomo Escola Galega de Administración Pública.

3. O ente público Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.

4. A Axencia Tributaria de Galicia.

5. O Consello Económico e Social, ente institucional de dereito público, órgano consultivo, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño.

6. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, creado pola disposición derradeira segunda da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

Artigo 4

a) A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

4. Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio.

2. O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

3. O ente público de natureza consorcial Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Artigo 5

a) A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Mobilidade.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega de Infraestruturas.

2. A entidade pública empresarial Augas de Galicia.

3. O Xurado de Expropiación de Galicia, sen prexuízo da súa plena autonomía funcional.

Artigo 6

a) A Consellería de Cultura, Educación e Universidade estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral de Universidades.

3. Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional.

3.1. Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

4. Secretaría Xeral de Cultura.

4.1. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

5. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais.

2. Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 7

a) A Consellería de Emprego e Igualdade estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Secretaría Xeral da Igualdade.

3. Dirección Xeral de Relacións Laborais

4. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

5. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

2. O ente público Consello Galego de Relacións Laborais.

Artigo 8

a) A Consellería de Sanidade estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Saúde Pública.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Servizo Galego de Saúde.

2. A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

3. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

Artigo 9

a) A Consellería de Política Social estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

3. Dirección Xeral de Inclusión Social.

4. Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

5. Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria.

6. Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

b) Queda adscrita a esta consellería a Axencia Galega de Servizos Sociais, creada polo Decreto 40/2014, do 20 de marzo.

Artigo 10

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Defensa do Monte.

3. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

4. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

5. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

Artigo 11

a) A Consellería do Mar estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

3. Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O ente público Portos de Galicia.

2. O ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño.

Disposición adicional primeira. Mantemento de nomeamentos

Non será preciso un novo nomeamento e toma de posesión das persoas titulares dos órganos superiores e directivos cuxa adscrición orgánica, denominación e/ou rango varíen como consecuencia do disposto no presente decreto.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

1. As delegacións de competencias outorgadas polos distintos órganos superiores e de dirección afectados por este decreto continuarán vixentes ata que sexan expresamente revogadas ou novamente outorgadas.

2. Cando as delegacións de competencias que manteñan os seus efectos se outorgasen en favor de órganos suprimidos ou modificados na súa denominación polo presente decreto, as ditas delegacións entenderanse vixentes en favor dos órganos en cuxo ámbito de actuación se incardine a correspondente competencia.

3. En particular, as delegacións de competencias outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica entenderanse outorgadas en favor das secretarías xerais técnicas das consellerías resultantes da nova organización.

Disposición adicional terceira. Referencia aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación

As referencias aos órganos suprimidos ou que varíen a súa denominación por este decreto entenderanse realizadas aos que os substitúen ou asumen as súas competencias.

Disposición adicional cuarta. Adscrición da Escola Galega de Administración Pública

A Escola Galega de Administración Pública adscríbese directamente á Consellería de Facenda e Administración Pública a través da Dirección Xeral da Función Pública.

Disposición adicional quinta. Rango orgánico da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

O rango orgánico e nivel retributivo da Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia será o equivalente ao de dirección xeral.

Disposición adicional sexta. Adscrición do Instituto de Estudos do Territorio

1. O Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, adscríbese directamente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

2. O seu órgano executivo, responsable da súa dirección e xestión ordinaria, percibirá as retribucións correspondentes a unha subdirección xeral.

Disposición adicional sétima. Adscrición da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

Queda adscrita á Consellería de Sanidade, a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ao abeiro do establecido no Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea aquela e se aproban os seus estatutos.

Disposición adicional oitava. Adscrición da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Queda adscrita á Consellería de Sanidade, a través da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, ao abeiro do establecido no Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea aquela e se aproban os seus estatutos

Disposición adicional novena. Referencias do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos

As referencias á Presidencia da Xunta e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contidas no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, incluídas as referencias realizadas nos propios estatutos da Axencia, entenderanse realizadas á Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, que exercerá a Presidencia da Axencia, as competencias contidas no artigo 3 do citado decreto e as demais previstas na normativa vixente como consellería de adscrición.

Disposición transitoria primeira. Adscrición dos órganos das secretarías xerais e direccións xerais

Mediante as resolucións oportunas das persoas titulares das consellerías determinarase a adscrición dos órganos dependentes das secretarías xerais e direccións xerais suprimidas ou que varíen de denominación ou rango como consecuencia da estrutura orgánica que se fixa no presente decreto aos órganos superiores ou directivos correspondentes, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica da consellería.

Os servizos comúns dependentes das secretarías xerais técnicas das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica, con independencia da consellería a que se adscriban, continuarán desempeñando as súas funcións para as consellerías resultantes da nova organización, mentres non se regule por decreto a nova estrutura orgánica.

Disposición transitoria segunda. Subsistencia da estrutura e das funcións dos órganos superiores e de dirección previstos no presente decreto

Os órganos superiores e de dirección e os seus órganos dependentes manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria terceira. Subsistencia da estrutura e das funcións dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica

1. Os órganos dos departamentos territoriais das consellerías correspondentes á anterior estrutura orgánica da Xunta de Galicia dependerán das consellerías resultantes da nova organización de acordo coas súas respectivas competencias e manterán a súa estrutura e funcións, reguladas nos correspondentes decretos de estrutura orgánica, ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura contida neste decreto.

2. En particular, naqueles supostos en que as xefaturas territoriais, outros órganos ou servizos integrados nas delegacións territoriais teñan competencias correspondentes a máis dunha das consellerías resultantes da nova organización, o seu exercicio realizarase baixo a dependencia funcional da consellería actualmente competente en cada caso, ata o desenvolvemento da nova estrutura contida neste decreto.

Disposición transitoria cuarta. Aforro de custos no material impreso

1. As existencias de material impreso anteriores á entrada en vigor deste decreto en que se faga referencia á anterior estrutura orgánica seguirán utilizándose ata que se esgoten, sen prexuízo da correcta identificación nos actos administrativos da dependencia orgánica da autoridade de procedencia.

2. Con independencia do establecido no número anterior, cando se proceda á adquisición, reposición ou reedición de novo material aplicaránselle as novas denominacións.

Disposición transitoria quinta. Adaptación dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia

A Axencia de Turismo de Galicia deberá promover, no prazo de tres meses, a modificación dos seus estatutos co fin de adecualos a súa nova estrutura orgánica.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación á Consellería de Facenda e Administración Pública

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública para ditar as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

A Consellería de Facenda e Administración Pública realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de setembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicpresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo