Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37018

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 17 de setembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 1 de xuño de 2020, pola que se declara a entrada en vigor dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e a posta en marcha do proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas.

O Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, foi modificado polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 108, do 10 de xuño.

O Decreto 160/2019, do 19 de decembro, modifica o Decreto 60/2019, do 23 de maio, na súa disposición derradeira terceira, no senso de establecer que os artigos 14 e 16 entrarán en vigor na data que expresamente se determine por orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, tan pronto como quede garantida a viabilidade técnica do sistema de citacións electrónicas, e de manter ata entón a vixencia dos referidos artigos na súa redacción anterior. Esa orde deberá ser obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, mediante a Orde do 1 de xuño de 2020, publicada no DOG do 4 de xuño, declárase que os artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, na súa redacción dada polo Decreto 60/2019, do 23 de maio, entrarán en vigor o 15 de outubro de 2020. Nesta orde disponse, así mesmo, a posta en marcha dun proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas, que se desenvolverá entre o 15 de xuño e o 14 de outubro de 2020, para a xestión das listas de contratación temporal do grupo II, categoría 6 (educador/a. Profesor/a especial) e do grupo V, categorías 1 (camareiro/a limpador/a e outras) e 11 (limpador/a e outras), nos ámbitos da provincia de Pontevedra.

Desde a posta en marcha do proxecto piloto realizáronse distintas actuacións dirixidas a comprobar o correcto funcionamento do programa informático de xestión do sistema de citacións electrónicas. Neste momento e logo da experiencia acadada ao longo destes meses, resulta aconsellable, a prol de maximizar a súa eficacia e acadar a plena viabilidade técnica do novo sistema, estender a aplicación deste proxecto á xestión das listas doutros grupos e categorías de persoal laboral, así como ás listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de veterinarios, e en todos os ámbitos territoriais.

Con base no anterior,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de xuño de 2020 pola que se declara a entrada en vigor dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e a posta en marcha do proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas.

Un. O artigo 2 da Orde do 1 de xuño de 2020 pola que se declara a entrada en vigor dos artigos 14 e 16 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, e a posta en marcha do proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas, queda redactado como segue:

«Artigo 2. Proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas

Para a posta en funcionamento do sistema de citacións electrónicas realizarase un proxecto piloto nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia e o nomeamento de persoal funcionario interino correspondente aos grupos, categorías, corpos, escalas e especialidades que se relacionan no anexo.

A realización dese proxecto piloto levarase a cabo desde o 15 de xuño ata o 27 de setembro de 2020 nas listas de contratación temporal do grupo II, categoría 6 (educador/a. Profesor/a especial) e do grupo V, categorías 1 (camareiro/a limpador/a e outras) e 11 (limpador/a e outras), nos ámbitos da provincia de Pontevedra, e do 28 de setembro ata o 14 de outubro de 2020 nas restantes listas relacionadas no anexo e en todos os ámbitos territoriais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Corpos, escalas e especialidades (persoal funcionario)

Grupo

Corpo/escala

Denominación

A1

2067

Escala de veterinarios

Grupos e categorías (persoal laboral)

Grupo

Categoría

Denominación

II

002

ATS. Enfermeiro/a. Practicante. DUE

II

006

Educador/a. Profesor/a especial

IV

003

Auxiliar sanitario. Auxiliar clínica. Auxiliar psiquiátrico/a. Auxiliar de enfermaría. Coidador/a xeriátrico. Coidador/a

V

001

Camareiro/a-limpador/a. Axudante de cociña. Pasador/a de ferro-lavandeiro/a. Costureiro/a. Cortador/a. Pasador/a de ferro. Lavandeiro/a

V

011

Limpador/a. Fregador/a. Empregado/a comedor. Empregado/a cociña-pinche. Servizo doméstico. Mozo/a de limpeza. Pinche de cociña. Persoal servizos xerais