Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 29 de setembro de 2020 Páx. 37633

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2020 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 22 da Resolución do 18 de decembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica dirixidas a particulares para o ano 2020 (Diario Oficial de Galicia número 15, do 23 de xaneiro de 2020).

A Resolución do 18 de decembro de 2019, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 15, do 23 de xaneiro de 2020, establece as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, dirixidas a particulares, para o ano 2020 (procedemento IN421O).

O prazo para a execución das instalacións iníciase unha vez que se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e remata o 30 de setembro de 2020 (artigo 22 das bases reguladoras).

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, suspendeu os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Así mesmo, estableceu na mesma disposición que o cómputo dos prazos se renovará no momento en que perda vixencia o real decreto ou, se for o caso, as súas prórrogas, e que a suspensión de termos e a interrupción de prazos se aplicará a todo o sector público definido na Lei 39/2015, no cal se encadra a Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Con todo, no punto cuarto sinala que as entidades do sector público poderán acordar de maneira motivada a continuación daqueles procedementos administrativos que estean referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Por Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 6 de maio de 2020 acórdase a continuidade de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma, entre os cales se atopa este procedemento.

Estanse a recibir moitas solicitudes de prórroga dos beneficiarios das axudas, debido ao confinamento derivado do COVID-19, que lovou as empresas instaladoras a un atraso na realización das obras e instalacións e levou tamén as empresas instaladoras a sufrir un atraso na subministración de material por parte das empresas subministradoras polo que resulta indispensable a ampliación do prazo de xustificación destas axudas para que se poida rematar a execución dos proxectos e presentar a documentación xustificativa.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de octubre, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 22 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, co cal a redacción do artigo queda do seguinte xeito:

«O prazo para a execución das instalacións iníciase unha vez que se teña efectuado a solicitude de axuda ante esta entidade e remata o 30 de setembro de 2020.

Para todas as solicitudes de axuda en que se puxese ao dispor do solicitante a resolución de concesión a partir do 1 de xullo, o prazo de execución das instalacións amplíase ata o 15 de outubro de 2020».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na página web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia