Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 30 de setembro de 2020 Páx. 37910

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

DECRETO 166/2020, do 10 de setembro, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2021.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.

Conforme o referido anteriormente, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia, e por coincidir en domingo substitúese polo 19 de marzo, Día de San Xosé. O día 15 de agosto, Asunción da Virxe tamén coincide en domingo polo que se substitúe polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da conselleira de Emprego e Igualdade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dez de setembro de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021

De non se producir modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 serán as seguintes:

1 de xaneiro

Aninovo

6 de xaneiro

Epifanía do Señor (Día de Reis)

19 de marzo

Día de San Xosé

1 de abril

Xoves Santo

2 de abril

Venres Santo

1 de maio

Festa do Traballo

17 de maio

Día das Letras Galegas

12 de outubro

Festa Nacional de España

1 de novembro

Todos os Santos

6 de decembro

Día da Constitución Española

8 de decembro

Inmaculada Concepción

25 de decembro

Nadal

As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social antes do 30 de setembro de 2020.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil vinte e un.

Santiago de Compostela, dez de setembro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade